DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 233 Luns, 11 de decembro de 2023 Páx. 68007

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 22 de novembro de 2023, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 22 de novembro de 2023, relativa á solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común Candaira, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Hedreira, no concello da Veiga.

Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) Candaira, pertencentes á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Hedreira, no concello da Veiga, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 15.2.2023, a CMVMC de Hedreira presentou unha solicitude (Rexel núm. 2023/538839) de revisión de esbozo do MVMC Candaira, no concello da Veiga.

Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:

– Certificación do acordo da Asemblea Xeral do 25.9.2022.

– Memoria e planos.

– Arquivos xeográficos en formato vectorial.

Segundo. O Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 22 de marzo de 2023 en relación coa citada solicitude. Nel indícase que o perímetro obxecto de revisión inclúe o perímetro estremeiro con particulares e outros montes veciñais.

A superficie do MVMC Candaira, unha vez revisado o esbozo, resulta de 411,80 ha fronte ás 519 ha clasificadas. Tendo en conta que aproximadamente 100 ha foron consecuencia do anterior deslinde co MVMC de Vilanova, como consecuencia da presente revisión de esbozo resulta unha redución da superficie dun 2 %.

Tendo en conta o anterior, emítese informe favorable sobre a revisión do esbozo do MVMC Candaira.

Consideracións legais e técnicas:

Único. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión e axustarnase e completaranse con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 22 de marzo de 2023, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 23 de outubro de 2023:

Aprobar a proposta de revisión de esbozo do MVMC Candaira, pertencente á CMVMC de Hedreira, no concello da Veiga.

Ourense, 22 de novembro de 2023

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense