DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 230 Luns, 4 de decembro de 2023 Páx. 66813

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 28 de novembro de 2023 pola que se modifica a Resolución do 20 de xullo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais galegos e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento CT207B).

A Conferencia Sectorial de Cultura celebrada os días 13-18 de xullo de 2023 aprobou a proposta da Comisión Sectorial de Asuntos Culturais relativa aos criterios de repartición entre as comunidades autónomas, Ceuta e Melilla do crédito das axudas á creación de guións e desenvolvemento de proxectos audiovisuais.

Esta medida complementa as actuacións para o impulso ao sector audiovisual España, Hub audiovisual de Europa, como un dos eixes da axenda España Dixital 2025, cuxo obxectivo é alentar a produción audiovisual, a atracción de investimento e actividade económica, e o reforzo das empresas e profesionais do sector mellorando a súa competitividade.

Por esta razón, considérase relevante estimular e dinamizar a actividade nos distintos territorios contribuíndo ao financiamento de actuacións de fomento que desenvolvan as administracións autonómicas nos ámbitos do desenvolvemento de proxectos audiovisuais e no ámbito da capacitación profesional e empresarial nos primeiros elos da cadea de valor do sector para adaptarse aos novos procesos creativos, aos desenvolvementos do mercado e á transformación dixital, de forma que se reteña o talento e se promova a competitividade.

Para dar cumprimento ao aprobado na Conferencia Sectorial do mes de xullo, con data do 13 de novembro de 2023, o director xeral do Instituto de Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA) asina a Resolución pola que se transfiren os créditos ás comunidades autónomas destinados á xestión das axudas á escrita de guións e desenvolvemento de proxectos audiovisuais no ano 2023 e se asignan os importes que recibirá cada comunidade autónoma, así como Ceuta e Melilla.

Esta resolución, ademais, describe os obxectivos das axudas:

a) Favorecer a profesionalización das fases de creación e desenvolvemento de proxectos audiovisuais a través da innovación nas narrativas, a adquisición de habilidades creativas e emprendedoras, a vertebración de redes dentro do sector audiovisual e o estímulo e a axuda directa a profesionais e proxectos para que as producións cheguen a mellores condicións aos seus públicos potenciais.

b) Fomentar a internacionalización da produción audiovisual e da cultura española a través da mellora da capacidade do sector audiovisual para operar transnacionalmente e internacionalmente e para xerar máis coproducións bilaterais e multilaterais.

c) Estimular a participación do sector privado no financiamento de proxectos e favorecer un efecto estruturador nas empresas españolas e europeas, incluído o emprendemento, a creación de novos modelos de negocio, a xestión da propiedade intelectual e mellora da capacidade para acceder ao financiamento.

d) Contribuír ao equilibrio territorial no desenvolvemento das industrias culturais en España.

e) Favorecer a diversidade da oferta cultural, o financiamento de obras de especial interese cultural con dificultades para o seu financiamento e facilitar a incorporación de novo talento e das novas xeracións.

f) Potenciar o márketing, promoción, interacción con públicos e novos modos de distribución e explotación das producións, e aproveitar ao máximo as oportunidades dos procesos de dixitalización, traballando neste ámbito desde as fases de creación e desenvolvemento de proxectos.

Finalmente, a resolución recolle a temporalización de execución dos créditos e establece que o período de presentación da memoria xustificativa final rematará o 10 de decembro de 2024, polo que estes fondos teñen unha vixencia desde o exercicio en curso ata 2024.

Esta circunstancia permite incrementar o financiamento da liña de axudas publicada pola Agadic o 9 de agosto de 2023 no Diario Oficial de Galicia núm. 151, ao abeiro da Resolución do 20 de xullo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais galegos, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento CT207B), xa que os seus obxectivos se adaptan perfectamente aos criterios, condicións e finalidades que persegue o aprobado na Conferencia Sectorial de Cultura e á Resolución do director xeral do ICAA.

Este maior crédito posibilitará atender as demandas do sector, ampliando o número de proxectos beneficiarios desta convocatoria e dinamizando o audiovisual galego. A aplicación deste crédito finalista do Estado será comprometido en 2023 para a súa execución neste exercicio e na anualidade 2024.

Polo exposto, proponse a modificación do crédito total destinado á convocatoria da liña de axudas, da fonte de financiamento, así como unha nova redistribución das anualidades, reflectida no cadro de financiamento, para o que se ten en conta tanto a achega do ICAA como as solicitudes recibidas á convocatoria. Cómpre tamén realizar unha modificación para a inclusión de novas obrigas aos adxudicatarios no que atinxe á publicidade e difusión das actuacións que se vaian efectuar, en caso de resultaren beneficiarios, con cargo á axuda concedida.

Así pois, de acordo co exposto e co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, así como os preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento xeral de subvencións, e en virtude das atribucións que me foron concedidas,

RESOLVO:

Artigo 1. Modificar o artigo 4 nos números 1 e 2, que quedan redactados como segue:

«Artigo 4. Financiamento

1. O importe global máximo para o financiamento da presente convocatoria será de 500.000 euros con cargo a aplicación orzamentaria 10.A1.432B.770.0 do orzamento de gasto da Axencia Galega das Industrias Culturais. Este crédito global será integramente financiado cos fondos finalistas do Estado para as anualidades 2023 e 2024 (código de proxecto 2023 00003) procedentes da transferencia acordada na Resolución do 13 de novembro de 2023, do director xeral do Instituto de Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA), para esta finalidade.

2. Esta convocatoria ten carácter plurianual e a distribución do financiamento por anualidades reflíctese no cadro seguinte:

Aplicación orzamentaria

Anualidade

Código de proxecto

Fonte de financiamento

Importe

10.A1.432B.770.0

2023

2023 00003

Fondos finalistas do Estado

100.000 €

2024

400.000 €

Total

  500.000 €»

Artigo 2. Modificar o artigo 20, número 4, que queda redactado como segue:

«Artigo 20. Obrigas das persoas beneficiarias

… 4. Na futura documentación de cada proxecto individual (materiais de promoción e distribución) e nos títulos de crédito da produción resultante deberá figurar “Coa subvención ao desenvolvemento da Axencia Galega das Industrias Culturais, Xunta de Galicia e do Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais”, utilizando a imaxe gráfica corporativa que se descargará das páxinas oficiais de ambos os dous organismos.

Ademais, as persoas beneficiarias deberán facer constar na súa publicidade, incluída a realizada a través de páxinas web, ou unha información que xeren en relación co proxecto subvencionado, o financiamento dos seus proxectos pola Xunta de Galicia e o Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais. Os custos correspondentes á dita publicidade serán por conta da persoa beneficiaria da subvención».

Disposición adicional única

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición no prazo dun mes ante o presidente do Consello Reitor, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou directamente recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira única

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2023

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais