DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 230 Luns, 4 de decembro de 2023 Páx. 66778

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 29 de novembro de 2023 pola que se modifica a Orde do 27 de abril de 2023, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas aos custos derivados da contratación de persoas coidadoras do gando en gandarías, como medida de prevención dos danos que poida ocasionar o lobo, e se convocan para os anos 2023 e 2024 (código de procedemento MT809G).

O día 12 de maio de 2023 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 27 de abril de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas aos custos derivados da contratación de persoas coidadoras do gando en gandarías, como medida de prevención dos danos que poida ocasionar o lobo, e se convocan para os anos 2023 e 2024 (código de procedemento MT809G).

A experiencia acadada en medidas de protección do gando en extensivo apunta a un descenso no nivel de danos ocasionados polo lobo cando se favorecen prácticas tradicionais de prevención e manexo do gando, como a custodia con cans especializados, a vixilancia do gandeiro ou pastor, o confinamento nocturno en recintos seguros ou a protección das crías nas etapas de maior vulnerabilidade, polo que se considera que o mantemento da contratación de persoas coidadoras do gando que poidan axudar a desenvolver estas medidas contribuirá a reducir o nivel de danos por esta especie.

Mediante a dita orde subvenciónanse contratos formalizados entre a súa entrada en vigor ata o 30 de xuño de 2024.

Segundo establece o seu artigo 19.2, o prazo máximo para presentar a xustificación dos gastos rematará o día 4 de decembro de 2023, para a anualidade de 2023, e do 30 de xullo de 2024, para a anualidade de 2024, e considerarase gasto realizado o que foi efectivamente aboado con anterioridade á finalización do período de xustificación.

Así mesmo, no punto 3 do citado artigo indícase que, para a xustificación do investimento obxecto da axuda, a persoa física ou xurídica beneficiaria deberá presentar, entre outra documentación, copias das nóminas aboadas aos traballadores que se contraten e dos boletíns de cotización á Seguridade Social, así como os documentos bancarios correspondentes ao seu pagamento (transferencias bancarias, no caso das nóminas).

Dado que a orde de convocatoria inicial establece o 4 de decembro de 2023 como a data límite para presentaren os beneficiarios a xustificación correspondente aos gastos desa anualidade, tendo en conta as circunstancias expostas anteriormente, xúlgase necesario realizar un axuste técnico que lles permita aos beneficiarios xustificar a totalidade dos gastos efectivamente realizados dentro do exercicio de 2023, polo que resulta necesario modificar o prazo máximo para a xustificación dos gastos correspondentes á dita anualidade e establecer como novo prazo máximo de xustificación o 26 de decembro de 2023.

En virtude do exposto, e no uso das facultades que teño conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Primeiro. A modificación do punto 2 do artigo 19 da Orde do 27 de abril de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas aos custos derivados da contratación de persoas coidadoras do gando en gandarías, como medida de prevención dos danos que poida ocasionar o lobo, e se convocan para os anos 2023 e 2024, que queda redactado nos seguintes termos:

«Artigo 19. Xustificación do gasto

2. O prazo máximo para presentar a xustificación dos gastos rematará o día 26 de decembro de 2023, para a anualidade de 2023, e do 30 de xullo de 2024, para a anualidade de 2024. Para estes efectos, considérase gasto realizado o que foi efectivamente aboado con anterioridade á finalización do período de xustificación.

Disposición derradeira única

Esta orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2023

Ángeles Vázquez Mejuto
Vicepresidencia segunda e conselleira
de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda