DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 230 Luns, 4 de decembro de 2023 Páx. 66775

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 27 de novembro de 2023 pola que se clasifica como mixta a Fundación Ramón Vázquez Conde.

Unha vez examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Ramón Vázquez Conde, con domicilio no Parque de San Lázaro, número 7, en Ourense,

Feitos:

1. O 14 de setembro de 2023, Óscar Vázquez Álvarez, presidente do padroado da Fundación, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Ramón Vázquez Conde constituíuna a entidade Adelanta Corporación, S.A., representada por Óscar Vázquez Álvarez, mediante escritura pública outorgada o 11 de setembro de 2023, co número de protocolo 1.682, ante o notario de Ourense Fernando Martínez-Gil Fluxá.

3. A Fundación, consonte o artigo 6 dos seus estatutos, ten como obxecto principal o desenvolvemento do medio rural en Galicia, contribuíndo a fixar poboación no territorio e nas comunidades rurais de Galicia. Promoverase o desenvolvemento sustentable das comunidades rurais a través da acción social, o fomento do deporte e a atención ás persoas en risco de exclusión por razóns físicas, económicas, culturais ou xeográficas.

Así mesmo, a Fundación ten por obxecto a defensa do ambiente a través de medidas de conservación in situ, tales como a protección de ecosistemas e hábitats, a promoción do desenvolvemento sustentable, o impulso da economía circular, así como a rehabilitación de ecosistemas degradados. A dita defensa abarca tamén aspectos culturais, científicos, sociais, ambientais, histórico-artísticos, antropolóxicos, etnolóxicos, sociolóxicos, económicos, xurídicos e calquera outro relacionado coa conservación e o uso sustentable dos recursos naturais.

4. O padroado inicial da Fundación está formado por Óscar Vázquez Álvarez, como presidente; Eva Vázquez Docarme, como vicepresidenta, e David Vázquez Sampedro, como secretario.

5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes proposta de clasificación como mixta da Fundación Ramón Vázquez Conde, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de Secretarios Xerais, procede a súa clasificación como mixta e a súa adscrición á Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Consonte o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, correspóndelle á Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 6 de novembro de 2023,

DISPOÑO:

Clasificar como mixta a Fundación Ramón Vázquez Conde e adscribila ao protectorado da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse, no prazo de dous meses, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, consonte o artigo 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Pódese interpoñer no prazo dun mes, previamente e con carácter potestativo, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, de conformidade co artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2023

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia,
Xustiza e Deportes