DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 230 Luns, 4 de decembro de 2023 Páx. 66803

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Xuventude

ORDE do 29 de novembro de 2023 de modificación da Orde do 19 de xuño de 2023, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións destinadas a concellos e mancomunidades da Comunidade Autónoma de Galicia para a adquisición de vehículos que faciliten a prestación de servizos destinados a persoas maiores, a persoas dependentes ou a persoas con discapacidade, ao abeiro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, de conformidade co Regulamento (UE) número 2021/241, do 12 de febreiro, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento BS631G).

O Plan de recuperación articula unha axenda coherente de reformas estruturais que responden ao diagnóstico compartido polas institucións europeas, o Goberno español e os principais axentes económicos e sociais, en ámbitos clave para reforzar a estrutura económica e social do país; concretamente, no ámbito dos servizos sociais, aquelas necesarias para a implantación dun Estado de benestar moderno que protexa os cidadáns, garanta o coidado das persoas dependentes, reforce os servizos sociais e proporcione oportunidades vitais ás novas xeracións.

Mediante o Acordo do Consello de Ministros do 20 de abril de 2021 aprobouse a proposta de distribución territorial entre as comunidades autónomas e as cidades de Ceuta e Melilla, e os criterios de repartición dos créditos da Administración xeral do Estado para o financiamento dos distintos proxectos presentados polas comunidades autónomas, no marco do compoñente 22 Economía dos coidados e reforzo das políticas de igualdade e inclusión social do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

Posteriormente, con base no anterior acordo, con data do 20.8.2021 asinouse o convenio de colaboración entre o Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030 e a Comunidade Autónoma de Galicia para a execución dos proxectos con cargo aos fondos europeos procedentes do Mecanismo para a recuperación e resilencia, onde se recollen a relación dos proxectos que se van realizar, os obxectivos establecidos, os fitos intermedios e a calendarización de cada un. A vixencia deste convenio esténdese ata o 31.12.2026, sen posibilidade de prórroga.

Para a execución do proxecto 4. Modernización da frota de vehículos dos centros e servizos titularidade de entidades de iniciativa social e das entidades locais de Galicia, relacionado no anexo I e III do citado convenio de colaboración, o 29 de xuño de 2023 publicouse no Diario Oficial de Galicia número 123 a Orde do 19 de xuño de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións destinadas a concellos e mancomunidades da Comunidade Autónoma de Galicia para a adquisición de vehículos que faciliten a prestación de servizos destinados a persoas maiores, a persoas dependentes ou a persoas con discapacidade, ao abeiro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, de conformidade co Regulamento (UE) número 2021/241, do 12 de febreiro, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento BS631G).

Finalmente, mediante a Resolución do 28 de setembro de 2023 púxose fin ao citado procedemento administrativo ao abeiro da Orde do 19 de xuño de 2023, en cuxo anexo figuran as entidades beneficiarias e os importes de subvención concedidos en cada caso.

Os concellos e as mancomunidades beneficiarias, unha vez publicada a resolución de concesión da axudas, deben de proceder a convocar os procedementos de contratación pública necesarios para a adquisición das subministracións dos vehículos adaptados, respectando en todo caso os prazos establecidos na normativa de contratación pública vixente.

As sucesivas crises xurdidas a nivel internacional, que supuxeron gravísimos problemas tanto no ámbito sanitario como no socioeconómico, teñen obrigado nestes últimos anos á adopción de medidas excepcionais en moitos sectores da actividade económica e administrativa das distintas administracións públicas.

Nestes momentos, a guerra de Ucraína e os problemas de subministración de materias primas e microchips nas fábricas seguen afectando o mercado de vehículos novos, con atrasos á alza no prazo das entregas.

Segundo os datos oficiais, nos cinco principais mercados europeos, un condutor que adquira un vehículo con mecánica de combustión (de gasolina ou diésel) deberá esperar de media cinco meses e medio a causa principalmente da crise dos microchips, e a demora é aínda maior se se trata dun vehículo de mecánica electrificada, pois nese caso a media de espera alcanza xa os sete meses.

O artigo 45.3 do regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, que establece a posibilidade de que o órgano concedente das subvencións outorgue, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para presentar a xustificación, que non excederá a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros.

Así mesmo, o artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, indica que a ampliación se poderá acordar de oficio ou por instancia de parte antes do vencemento do prazo de que se trate e se as circunstancias así o aconsellasen.

Como consecuencia destas circunstancias sobrevidas excepcionais que non puideron terse en conta no momento inicial de tramitación desta convocatoria, e ante as dificultades que están a experimentar os concellos beneficiarios para formalizar a entrega e posterior recepción dos vehículos subvencionados no prazos inicialmente establecidos na convocatoria, sen que con iso se ocasionen prexuízos a terceiros e sobre a base dos requisitos e das condicións previstas na normativa anteriormente citada, cómpre ampliar o prazo establecido inicialmente para a adquisición dos vehículos e posterior presentación da documentación xustificativa por parte das entidades beneficiarias.

En consecuencia, no uso das atribucións que teño conferidas,

RESOLVO:

Artigo único. Modificación da Orde do 19 de xuño de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións destinadas a concellos e mancomunidades da Comunidade Autónoma de Galicia para a adquisición de vehículos que faciliten a prestación de servizos destinados a persoas maiores, a persoas dependentes ou a persoas con discapacidade, ao abeiro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, de conformidade co Regulamento (UE) número 2021/241, do 12 de febreiro, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento BS631G)

A Orde do 19 de xuño de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións destinadas a concellos e mancomunidades da Comunidade Autónoma de Galicia para a adquisición de vehículos que faciliten a prestación de servizos destinados a persoas maiores, a persoas dependentes ou a persoas con discapacidade, ao abeiro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, de conformidade co Regulamento (UE) número 2021/241, do 12 de febreiro, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento BS631G), queda modificada como segue:

Un. O número 1 do artigo 1 queda redactado como segue:

«Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e proceder á convocatoria para o ano 2023 de axudas económicas destinadas aos concellos e mancomunidades da Comunidade Autónoma de Galicia para a adquisición de vehículos de emisión cero, tipo eco ou etiqueta C verde, se é o caso, adaptados a persoas con mobilidade reducida, que faciliten a prestación de servizos destinados a persoas maiores, a persoas dependentes ou persoas con discapacidade, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, de conformidade co Regulamento (UE) nº 2021/241, do 12 de febreiro, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia».

Dous. O número 1 do artigo 4 queda redactado como segue:

«Artigo 4. Contía das axudas

1. Para o financiamento desta convocatoria destínase crédito por importe total dun millón de euros (1.000.000 €) consignado na aplicación orzamentaria 13.04.312E.760.2 (proxecto 2022 00189), coa seguinte desagregación por anualidades:

Anualidade

Aplicación

Cód. do proxecto

Importe

2023

13.04.312E.760.2

2022 00189

690.076,23 €

2024

13.04.312E.760.2

2022 00189

309.923,77 €»

Tres. O número 1 do artigo 7 queda redactado como segue:

«Artigo 7. Actuacións subvencionables

1. Con cargo a esta orde subvencionarase a adquisición de vehículos que faciliten a prestación de servizos destinados a persoas maiores, a persoas dependentes ou a persoas con discapacidade, e que reúnan as seguintes condicións:

a) Os vehículos deberán estar clasificados de emisións cero, de tipo eco ou etiqueta C verde pola Dirección Xeral de Tráfico de acordo co disposto na Orde PCI/810/2018, do 27 de xullo, pola que se modifican os anexos II, XI y XVIII do Regulamento xeral de vehículos, aprobado polo Real decreto 2822/1998, do 23 de decembro.

b) Os vehículos deben estar adaptados para o seu uso por persoas con mobilidade reducida, de ser o caso. Para estes efectos, os vehículos deberán reunir as condicións previstas no Real decreto 1544/2007, do 23 de novembro, polo que se regulan os requisitos básicos de accesibilidade e non discriminación para o acceso e a utilización dos modos de transporte para persoas con discapacidade.

c) A adquisición dos vehículos deberán realizarse dentro do período subvencionable que será o comprendido entre o 1 de xaneiro de 2023 e o 20 de maio de 2024, ambos os dous incluídos».

Catro. O número 1 do artigo 25 queda redactado como segue:

«Artigo 25. Xustificación da subvención e pagamento da axuda concedida

1. Para os efectos do establecido no artigo 29.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, considerarase gasto realizado cando fose contabilizado o recoñecemento da obriga polo órgano competente da entidade local.

Así pois, para ter dereito ao pagamento da axuda deberá achegarse a documentación xustificativa antes do 31 de maio de 2024 e a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal)».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2023

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Xuventude