DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 229 Venres, 1 de decembro de 2023 Páx. 66676

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 17 de novembro de 2023, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 16 de novembro de 2023, relativa á solicitude de deslindamento formulada polos representantes dos montes veciñais en man común Veiga, Gralleiro e Fachado e o de Veiga de Silvoso e Gralleira, no concello de Calvos de Randín.

Examinada a solicitude de deslindamento formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) Veiga, Gralleiro e Fachado, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Pintás, e mais o MVMC Veiga de Silvoso e Gralleira, pertencente á CMVMC do Silvoso, no concello de Calvos de Randín, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 14.12.2022, a CMVMC de Pintás, por medio do seu presidente José Antonio Araújo Méndez, presentou un escrito no Rexistro da Oficina Agraria Comarcal de Xinzo de Limia (núm. 1657/RX 3073436), no cal solicita a aprobación dun deslindamento coa CMVMC do Silvoso.

Coa solicitude achegou a seguinte documentación:

– Acta de deslindamento.

– Certificación de aprobación da asemblea xeral da CMVMC de Pintás.

– Acordo de autorización do deslindamento.

– Plano do deslindamento.

– Acta de conciliación levantada no Xulgado de Paz de Calvos de Randín.

Segundo. O informe do Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense do 17 de marzo de 2023 fai constar que a documentación achegada corresponde ao deslindamento do perímetro estremeiro entre o MVMC Veiga, Gralleira e Fachado, pertencente á CMVMC de Pintás, e o MVMC Veiga de Silvoso e Gralleira, pertencente á CMVMC do Silvoso, desde o vértice 1 (o situado máis ao L) ata o vértice 8 (o situado máis ao O).

O citado informe considera que a solicitude se axusta ao establecido no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, polo que propón ao Xurado Provincial a súa aprobación.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A presente resolución dítase ao abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segunda. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que se debe seguir no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común, logo do exame da documentación presentada, ditará resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 17 de marzo de 2023, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 23 de outubro de 2023:

Aprobar o acto de conciliación acadado polas xuntas reitoras dos MVMC Veiga, Gralleiro e Fachado, pertencente á CMVMC de Pintás, e mais o MVMC Veiga de Silvoso e Gralleira, pertencente á CMVMC do Silvoso, no concello de Calvos de Randín.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 17 de novembro de 2023

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense