DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 229 Venres, 1 de decembro de 2023 Páx. 66679

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 17 de novembro de 2023, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 16 de novembro de 2023, relativa á solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común Couto Redondo de Santoalla, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Santoalla, no concello de Petín.

Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) Couto Redondo de Santoalla, pertencentes á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) Santoalla, no concello de Petín, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 23.9.2022, a CMVMC de Santoalla presentou unha solicitude (Rexel núm. 2022/2337540) de revisión de esbozo do MVMC Couto Redondo de Santoalla, no concello de Petín.

Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:

– Certificación do acordo da Asemblea Xeral do 5.8.2022.

– Memoria e planos.

– Arquivos xeográficos en formato vectorial.

Segundo. O Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 6 de marzo de 2023 en relación coa citada solicitude. Nel indícase que o perímetro obxecto desta revisión parcial de esbozo inclúe o perímetro colindante con particulares. Non se modifican os límites cos montes veciñais estremeiros.

A superficie do MVMC Couto Redondo de Santoalla, unha vez revisado o esbozo, resulta de 415,99 ha fronte ás 355 ha clasificadas, o que supón un aumento do 17 % da superficie.

Tendo en conta o anterior, emítese informe favorable sobre a revisión do esbozo do MVMC Couto Redondo de Santoalla.

Consideracións legais e técnicas:

Único. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión e axustaranse e completaranse con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 6 de marzo de 2023, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 23 de outubro de 2023:

Aprobar a proposta de revisión de esbozo do MVMC Couto Redondo de Santoalla, pertencente á CMVMC de Santoalla, no concello de Petín.

Ourense, 17 de novembro de 2023

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense