DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 229 Venres, 1 de decembro de 2023 Páx. 66681

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 17 de novembro de 2023, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 17 de novembro de 2023, relativa á solicitude de revisión de esbozo formulada polo representante do monte veciñal en man común Coto Maior, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Vila, no concello de Carballeda de Valdeorras.

Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) Coto Maior, pertencentes á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) Vila, no concello de Carballeda de Valdeorras, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 21.9.2022, a CMVMC de Vila presentou unha solicitude (Rexel núm. 2022/2316151) de revisión de esbozo do MVMC Coto Maior, no concello de Carballeda de Valdeorras.

Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:

– Certificación do acordo da Asemblea Xeral do 20.8.2022.

– Memoria e planos.

– Arquivos xeográficos en formato vectorial.

Segundo. O Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 10 de marzo de 2023 en relación coa citada solicitude. Nel indícase que o perímetro obxecto desta revisión parcial de esbozo inclúe o perímetro colindante con particulares. Non se modifican os límites cos montes veciñais estremeiros.

A superficie do MVMC Coto Maior, unha vez revisado o esbozo, resulta de 297,64 ha fronte ás 226 ha clasificadas, o que supón un aumento do 30 % da superficie, sen que se vexa este aumento moi desproporcionado, ao verse afectadas por pequenos aumentos moitas zonas diferentes do monte.

Tendo en conta o anterior, emítese informe favorable sobre a revisión do esbozo do MVMC Coto Maior.

Consideracións legais e técnicas:

Único. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión e axustaranse e completaranse con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 10 de marzo de 2023, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 23 de outubro de 2023:

Aprobar a proposta de revisión de esbozo do MVMC Coto Maior, pertencente á CMVMC de Vila, no concello de Carballeda de Valdeorras.

Ourense, 17 de novembro de 2023

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense