DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 227 Mércores, 29 de novembro de 2023 Páx. 65893

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 2 de novembro de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación solar fotovoltaica que Energy Team, S.L. promove no concello de Vilalba (Lugo).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Energy Team, S.L. en relación coa autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción dunha instalación solar fotovoltaica, constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 26 de febreiro de 2021, Energy Team, S.L. solicita a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación solar fotovoltaica de 875 kW de potencia nominal e 1.080 kWp de potencia pico, situada no concello de Vilalba (Lugo).

Segundo. Mediante o Acordo do 4 de xaneiro de 2022, da Xefatura Territorial de Lugo da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa e de construción dunha planta solar fotovoltaica no concello de Vilalba (expediente LU-2021-02), que se publicou o 27 de xaneiro de 2022 no Diario Oficial de Galicia núm. 18, cunha potencia instalada de 875 kW.

Durante o período de información pública non se presentou ningunha alegación.

Terceiro. O 3 de xaneiro de 2022, a Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación de Lugo emitiu informe favorable sobre o proxecto técnico da instalación solar fotovoltaica co fin de obter a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción, sen prexuízo de terceiros e con independencia das autorizacións que sexan necesarias para a execución da obra por outros órganos da Administración.

Cuarto. O 4 de xaneiro de 2022, a Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación de Lugo remitiu ao Concello de Vilalba, ao Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana e a Barras Eléctricas Galaico-Asturianas, S.A. (Begasa) unha separata do proxecto técnico da instalación solar fotovoltaica co fin de que se formule o condicionado técnico procedente de acordo co recollido no artigo 47 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

Quinto. O 2 de febreiro de 2022, o Concello de Vilalba remite un informe técnico urbanístico desfavorable do 1 de febreiro de 2022 do proxecto da instalación solar fotovoltaica en resposta á remisión por parte da xefatura territorial da separata mencionada no antecedente de feito cuarto. O 10 de febreiro de 2022 deuse traslado á empresa promotora do citado informe.

Na mesma data, Barras Eléctricas Galaico-Asturianas, S.A. (Begasa) remite un informe do 28 de xaneiro de 2022 do proxecto da instalación solar fotovoltaica no cal se establecen unha serie de condicionados en resposta á remisión por parte da xefatura territorial da separata mencionada no antecedente de feito cuarto. O 7 de febreiro de 2022 deuse traslado á empresa promotora do citado informe.

Sexto. O 15 de marzo de 2022, a Demarcación de Estradas do Estado en Galicia do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana remite un informe técnico desfavorable do 14 de marzo de 2022 do proxecto da instalación solar fotovoltaica no cal se establecen unha serie de condicionados en resposta á remisión por parte da xefatura territorial da separata mencionada no antecedente de feito cuarto. O 18 de marzo de 2022 deuse traslado á empresa promotora do citado informe.

Sétimo. O 11 de maio de 2022, Energy Team, S.L. presenta un proxecto de execución modificado da instalación solar fotovoltaica co fin de adecuarse ao establecido nos condicionados emitidos e recollidos na epígrafe quinta e sexta dos antecedentes de feito, o cal inclúe as seguintes variacións:

– Unificación de parcelas recollidas no proxecto inicial e desafección dun camiño que discorre pola parcela.

– Análise en detalle da incidencia da instalación na circulación pola autovía A-8.

– Separación física de CS e CT. CS con acceso independente, incluso TT independente. Disponse de cela de servizos auxiliares (SSAA) en CS. Detállase en maior medida o sistema de telecontrol do CS. Xustificación do acceso rodado da compañía distribuidora á parcela.

Oitavo. O 28 de xullo de 2022, a Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación de Lugo remitiu ao Concello de Vilalba, ao Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana e a Barras Eléctricas Galaico-Asturianas, S.A. (Begasa) unha separata do proxecto de execución modificado mencionado no parágrafo anterior co fin de que formule o condicionado técnico procedente de acordo co recollido na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

Noveno. O 23 de agosto de 2022, Barras Eléctricas Galaico-Asturianas, S.A. (Begasa) remite un informe do 22 de agosto de 2022 no cal se manifesta a súa conformidade co proxecto técnico modificado da instalación solar fotovoltaica citado no antecedente de feito oitavo. Non se presentou ningún condicionado ao citado proxecto.

Décimo. O 26 de agosto de 2022, o Concello de Vilalba remite un informe técnico urbanístico favorable do 24 de agosto de 2022 da instalación do proxecto técnico modificado da planta fotovoltaica citado no antecedente de feito oitavo. Non se presentou ningún condicionado ao citado proxecto.

Décimo primeiro. O 14 de outubro de 2022, a Demarcación de Estradas do Estado en Galicia do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana remite un informe técnico favorable do 13 de outubro de 2022 do proxecto técnico modificado da instalación solar fotovoltaica citado no antecedente de feito oitavo. Non se presentou ningún condicionado ao citado proxecto.

Décimo segundo. O 19 de outubro de 2022, Energy Team, S.L. solicita a exclusión da solicitude de autorización administrativa previa e de construción efectuada o 26 de febreiro de 2021 da parte da instalación solar fotovoltaica que se vai ceder á empresa titular da rede de distribución á cal se prevé conectar, en concreto, o centro de seccionamento (CS) e a liña de entrada e saída do CS ata o apoio de conexión coa rede de distribución, esta parte autorizarase mediante a tramitación dun expediente independente (2022-154 AT).

Décimo terceiro. O 23 de decembro de 2022 requíreselle a Energy Team, S.L. documentación adicional necesaria para continuar coa tramitación do procedemento. A empresa achegou a documentación requirida o 24 de decembro de 2022.

Décimo cuarto. O 3 de maio de 2022 requíreselle a Energy Team, S.L. un novo proxecto de execución da planta solar fotovoltaica de referencia o cal recolla unicamente as instalacións obxecto da presente solicitude de autorización administrativa previa e de construción e exclúa do citado proxecto, en concreto, a infraestrutura de evacuación ao ser esta obxecto dunha tramitación independente mediante o expediente 2022-154 AT. A empresa achegou a documentación requirida o 31 de xullo de 2023 e o 21 de setembro de 2023.

Décimo quinto. O 25 de setembro de 2023, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Industria e Innovación de Lugo emitiu informe favorable sobre o proxecto técnico modificado da instalación solar fotovoltaica co fin de obter a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción, sen prexuízo de terceiros e con independencia das autorizacións que sexan necesarias para a execución da obra por outros órganos da Administración.

Décimo sexto. O 6 de outubro de 2023 requíreselle a Energy Team, S.L. documentación adicional necesaria para continuar coa tramitación do procedemento. En resposta ao citado requirimento, o 10 de outubro de 2023, a empresa solicitante presentou unha declaración responsable asinada polo seu representante na cal se declarou expresamente «que se excluíron da tramitación da solicitude de autorización administrativa previa e de construción da planta solar fotovoltaica de referencia o centro de seccionamento (CS) e a liña de entrada e saída do CS ata o apoio de conexión coa rede de distribución, ao ser esta parte obxecto de autorización mediante a tramitación dun expediente independente (2022-154 AT), e que a modificación producida por esta exclusión non afecta o sentido dos condicionados emitidos».

Décimo sétimo. A planta solar fotovoltaica de referencia conta cun informe favorable de aceptabilidade desde a perspectiva da operación do sistema por afección á rede de transporte emitido o 31 de agosto de 2020 polo xestor da dita rede. Así mesmo conta cos dereitos de acceso e conexión á rede de distribución para unha potencia nominal de 875 kW, de acordo co informe do xestor da mencionada rede do 24 de febreiro de 2021.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica desta consellería.

Segundo. O artigo 53 da Lei 24/2013, de 26 de decembro, do sector eléctrico, establece que para a posta en funcionamento de novas instalacións de transporte, distribución, produción e liñas directas recollidas na mencionada lei ou modificación das existentes requirirá de autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e autorización de explotación, que terán carácter regrado, e correspóndelle neste caso o seu outorgamento á Administración autonómica.

Terceiro. De acordo co Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, correspóndelle á Dirección Xeral competente en materia de enerxía a competencia para outorgar a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción desta instalación.

Cuarto. A instalación solar fotovoltaica de referencia non precisa someterse a trámite de avaliación ambiental ao non atoparse prevista nos supostos recollidos na Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, e na Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia.

Quinto. Na tramitación tivéronse en conta as normas de procedemento contidas na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, no Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión e as súas instrucións complementarias, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, no Real decreto 413/2014, do 6 de xuño, polo que se regula a actividade de produción de enerxía eléctrica a partir de fontes de enerxía renovables, coxeración e residuos, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

De acordo co que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar a autorización administrativa previa á sociedade Energy Team, S.L. para unha instalación solar fotovoltaica promovida no concello de Vilalba (Lugo) segundo o correspondente proxecto.

Segundo. Outorgar a autorización administrativa de construción para unha instalación solar fotovoltaica promovida no concello de Vilalba (Lugo) segundo a modificación do proxecto de execución denominado Proxecto técnico para implantación de planta solar fotovoltaica, asinado polos enxeñeiros técnicos industriais Fernando Pereira García o 30 de xullo de 2023 e Juan Carlos Vázquez Gómez o 21 de setembro de 2023, e visado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Lugo o 31 de xullo de 2023, co número de visado 10762023.

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante/promotora: Energy Team, S.L. (CIF B27511310).

Domicilio social: rúa Maciñeira, 32; parque empresarial Sete Pontes, 27800 Vilalba (Lugo).

Denominación do proxecto: proxecto técnico para implantación de planta solar fotovoltaica.

Situación: Vilalba (Lugo).

Parcelas con referencia catastral: 27065A060006450000FI, 27065A060006450001GO.

Coordenadas UTM ETRS89: X: 612.226, Y: 4.798.196.

Potencia instalada evacuable: 875 kW.

Características técnicas principais das instalacións:

• Instalación solar fotovoltaica conectada á rede de distribución de 875 kW de potencia nominal (1.080 kWp), formada por:

– 2.400 módulos solares fotovoltaicos de silicio monocristalino de 450 Wp por unidade.

– 40 seguidores solares a un eixe horizontal, con movemento ± 55º E-O, fincados directamente ao chan.

– 5 inversores de 175 kW de potencia nominal unitaria intemperie (IP-65).

• Edificio prefabricado de formigón en que se instala:

– Centro de transformación (CT) de 3.000 kVA e relación de transformación de 20/0,8 kV, coas correspondentes celas de liña, medida, protección e servizos auxiliares. Este CT estará conectado a un centro de seccionamento, situado no mesmo edificio, que será obxecto doutro expediente (2022-154 AT).

– Cadro de protección de liñas e inversores.

– Cadro xeral de mando e protección dos servizos auxiliares.

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

1. A instalación terá que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran na modificación do proxecto de execución referidos no punto segundo da parte dispositiva desta resolución.

2. Deberá cumprirse, en todo momento, canto establece o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, o Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión e as súas instrucións complementarias, así como a demais normativa e directrices vixentes que sexan de aplicación.

3. Para introducir modificacións que afecten datos básicos da modificación do proxecto será necesaria a previa autorización desta dirección xeral. Pola súa banda, a Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía, Industria e Innovación poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes e deberá comunicarlle a este centro directivo todas as resolucións que dite en aplicación da devandita facultade.

4. Unha vez construídas as instalacións, o titular presentará unha solicitude de autorización de explotación de acordo co establecido no artigo 53.c) da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e no artigo 132.1 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, perante a Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía, Industria e Innovación, co fin de que esta efectúe a inspección da totalidade das obras e montaxes efectuadas e verifique o cumprimento dos compromisos contraídos por Energy Team, S.L. e dos condicionados impostos nesta resolución para o cal deberá achegar a documentación requirida na ITC-RAT 22 do Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

5. Logo de obter a autorización de explotación mencionada no parágrafo anterior, o promotor deberá solicitar a inscrición da instalación solar fotovoltaica no Rexistro Administrativo de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica da Comunidade Autónoma de Galicia de acordo co recollido nos artigos 39 e 40 do Real decreto 413/2014, do 6 de xuño, polo que se regula a actividade de produción de enerxía eléctrica a partir de fontes de enerxía renovables, coxeración e residuos.

6. O prazo para a posta en servizo das instalacións será de seis meses contados a partir da data de notificación da obtención do último permiso necesario para executar a instalación. Se transcorrido o dito prazo aquela non tivo lugar, poderá producirase a caducidade destas autorizacións.

7. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

8. Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra este acto, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 2 de novembro de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais