DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 222 Mércores, 22 de novembro de 2023 Páx. 64463

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 7 de novembro de 2023, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 7 de novembro de 2023, relativa á solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común de Tamicelas, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Tamicelas, O Castro e Naveaus, no concello de Laza.

Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) de Tamicelas, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) Tamicelas, O Castro e Naveaus, no concello de Laza, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 27.9.2022, a CMVMC de Tamicelas, O Castro e Naveaus presentou unha solicitude (Rexel núm. 2022/2370924), de revisión de esbozo do MVMC de Tamicelas, no concello de Laza.

Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:

– Certificación do acordo da asemblea xeral do 2.1.2022.

– Memoria e planos.

– Arquivos xeográficos en formato vectorial.

Segundo. O Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense emitiu un informe favorable, o día 13 de febreiro de 2023, en relación coa citada solicitude. Nel indícase que o perímetro obxecto de revisión de esbozo parcial inclúe diversas partes do perímetro lindeiras con particulares, non resultando unha liña continua, pois aparecen dúbidas de propiedade non resoltas nas zonas non definidas.

A superficie do MVMC de Tamicelas resultante, tras unir o esbozo parcial presentado segundo o punto 8, é de 1.738,45 ha fronte ás 1.710 ha da clasificación, o que supón un aumento de superficie do 2 %.

Tendo en conta o anterior, emítese informe favorable sobre a revisión do esbozo do MVMC de Tamicelas.

Consideracións legais e técnicas:

Única. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que pola súa antigüidade non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión, axustándose e completándose con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 13 de febreiro de 2023, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou, por unanimidade, o día 23 de outubro de 2023:

Aprobar a proposta de revisión de esbozo do MVMC de Tamicelas, pertencente á CMVMC de Tamicelas, O Castro e Naveaus, no concello de Laza.

Ourense, 7 de novembro de 2023

O presidente do Xurado Provincial de Clasificación de
Montes Veciñais en Man Común de Ourense
P.S. (Resolución do 12.7.2022)
José Antonio García Rodríguez
Xefe do Servizo Xurídico-Administrativo