DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 221 Martes, 21 de novembro de 2023 Páx. 63812

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

RESOLUCIÓN do 13 de novembro de 2023 pola que se modifica a Resolución do 25 de setembro de 2023 pola que se resolven as solicitudes para a concesión das subvencións previstas na Orde do 6 de xuño de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, de carácter plurianual e en réxime de concorrencia competitiva, dirixidas a entidades deportivas para a construción, reforma, reparación, adecuación ou mellora de instalacións deportivas, e se convocan para os anos 2023 e 2024 (código de procedemento DE401D). Terceira concesión.

Antecedentes:

Primeiro. O 20 de xuño de 2023 publicouse a Orde do 6 de xuño de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, de carácter plurianual e en réxime de concorrencia competitiva, dirixidas a entidades deportivas para a construción, reforma, reparación, adecuación ou mellora de instalacións deportivas, e se convocan para os anos 2023 e 2024 (código de procedemento DE401D) (en diante, Orde do 6 de xuño de 2023).

Segundo. O 2 de outubro de 2023 publicouse no DOG a Resolución do 25 de setembro de 2023 pola que se resolven as solicitudes para a concesión das subvencións previstas na Orde do 6 de xuño de 2023 (en diante, Resolución do 25 de setembro de 2023).

Terceiro. O 2 de novembro de 2023, a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes ditou unha resolución para modificar a Resolución do 25 de setembro de 2023, coa finalidade de ampliar a subvención concedida á entidade deportiva Free Dojo e conceder subvencións ás entidades Club Family Los Tilos, Club de Fútbol Deportivo Chaín, Club Compostela Pitch and Putt e Club de Fútbol San Esteban (en diante, Resolución do 2 de novembro de 2023).

Como se indica na Resolución do 2 de novembro de 2023, á entidade deportiva beneficiaria Club de Fútbol San Esteban concedéuselle unha axuda parcial de 20.225,62 euros, e non a total de 25.000,00 euros, ao terse esgotado o crédito dispoñible.

Cuarto. O 3 de novembro de 2023 resolveuse a aceptación dunha nova renuncia á subvención, a presentada pola entidade deportiva Club de Fútbol San Miguel. O crédito dispoñible tras esta renuncia é de 23.500,70 euros, coa seguinte distribución de anualidades:

– Ano 2023: 10.778,71 €.

– Ano 2024: 12.721,99 €.

Quinto. O 9 de novembro de 2023, o secretario xeral para o Deporte emitiu proposta en que se conclúe que, ante a existencia do crédito dispoñible tras a renuncia do Club de Fútbol San Miguel, resulta procedente ampliar a subvención outorgada ao Club de Fútbol San Esteban ata o máximo posible, isto é, 25.000,00 euros.

O importe da subvención concedida é o seguinte:

Solicitante

NIF

Actuación

Puntos totais

Orzamento da actuación

Orzamento máximo subvencionable

Importe 2023

Importe 2024

Total

Club de Fútbol San Esteban

G36733020

Reparación, reforma e mellora do campo de fútbol

19

113.606,03 €

25.000,00 €

9.276,15 €

10.949,47 €

20.225,62 €

O importe da subvención máxima a que ten dereito é o seguinte:

Solicitante

NIF

Actuación

Puntos totais

Orzamento da actuación

Orzamento máximo subvencionable

Importe 2023

Importe 2024

Total

Club de Fútbol San Esteban

G36733020

Reparación, reforma e mellora do campo de fútbol

19

113.606,03 €

25.000,00 €

11.466,37 €

13.533,63 €

25.000,00 €

Así mesmo, na proposta do secretario xeral para o Deporte indícase que «De conformidade co disposto no Informe do 14 de setembro de 2023, emitido pola Comisión de Valoración, xa non existen máis entidades pendentes ás cales se lles denegase a axuda por esgotamento de crédito; a última das solicitudes desestimadas polo esgotamento de crédito da convocatoria é a entidade Club de Fútbol San Esteban».

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. De conformidade co disposto no artigo 10 da Orde do 6 de xuño de 2023, o secretario xeral para o Deporte elevou proposta de resolución de concesión, conforme todo o actuado, á persoa titular da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

Segunda. O artigo 21 da Orde do 6 de xuño de 2023 establece que «As cantidades que resultaren sobrantes por causa de renuncia ou non presentación das xustificacións correspondentes por parte das entidades beneficiarias poderanse dedicar a subvencionar as entidades que presentasen, en prazo, solicitude de subvención ao abeiro desta orde, de acordo coa orde de prelación resultante da valoración efectuada pola Comisión de Valoración».

Terceira. A solicitude, a actuación que se pretende desenvolver obxecto da solicitude de subvención, as contías e os trámites do expediente axústanse ao establecido na devandita convocatoria e bases reguladoras.

A solicitude aceptada foi presentada dentro do prazo establecido na Orde do 6 de xuño de 2023. Examinado o expediente, comprobouse que a solicitude para a que se propón subvención cumpre todos os requisitos establecidos na convocatoria e nas bases reguladoras das citadas subvencións

De conformidade co artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a modificación da resolución como consecuencia da renuncia das entidades non dana dereitos de terceiros e non afecta o resultado da baremación de acordo co cal se adxudicou a subvención outorgada, de conformidade cos criterios aplicados que figuran no artigo 11 das bases reguladoras das subvencións destas axudas.

Cuarta. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a publicación no DOG producirá os mesmos efectos que a notificación individualizada, sen prexuízo desta. Esta publicación tamén se realizará na páxina web da Secretaría Xeral para o Deporte.

Quinta. Con base na proposta formulada pola Secretaría Xeral para o Deporte o 9 de novembro de 2023, de acordo co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, visto o informe emitido pola Intervención delegada e en virtude das atribucións que me foron conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Modificar a Resolución do 25 de setembro de 2023 pola que se resolven as solicitudes para a concesión das subvencións previstas na Orde do 6 de xuño de 2023, para ampliar a subvención concedida á entidade Club de Fútbol San Esteban, nos seguintes termos:

Solicitante

NIF

Actuación

Puntos totais

Orzamento da actuación

Orzamento máximo subvencionable

Importe 2023

Importe 2024

Total

Club de Fútbol San Esteban (*)

G36733020

Reparación, reforma e mellora do campo de fútbol

19

113.606,03 €

25.000,00 €

2.190,22 €

2.584,16 €

4.774,38 €

(*) Importe da ampliación.

Segundo. A entidade beneficiaria disporá dun prazo de dez (10) días, contados a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución, para comunicar a aceptación da subvención e das condicións contidas nela, ou ben para comunicar a renuncia á subvención concedida. Transcorrido o prazo sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada a subvención.

Terceiro. Segundo o artigo 17 da Orde do 6 de xuño de 2023, poderá realizarse o pagamento do 100 % do importe da subvención correspondente á anualidade 2023, en concepto de pagamento anticipado, unha vez notificada a resolución da concesión e logo da súa aceptación expresa.

Así mesmo, poderá realizarse o pagamento do 100 % do importe da subvención correspondente á anualidade 2024, en concepto de pagamento anticipado, que se fará efectivo unha vez que se presente a xustificación da porcentaxe concedida en 2023 e se realicen todas as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actuación subvencionada.

Para o pagamento anticipado a entidade deberá presentar unha solicitude conforme o anexo V da Orde do 6 de xuño de 2023.

Cuarto. Segundo a artigo 6 da Orde do 6 de xuño de 2023, as entidades que resulten beneficiarias quedarán obrigadas a presentar o correspondente proxecto técnico e as autorizacións administrativas municipais e sectoriais oportunas, se a entidade e a complexidade das obras que se vaian executar o exixen.

Quinto. Para a xustificación da subvención, segundo o artigo 18 da Orde do 6 de xuño de 2023, as entidades beneficiarias terán un prazo para executar as actuacións subvencionadas e presentar a correspondente xustificación, segundo a documentación establecida no referido artigo, ata o 1 de decembro de 2023, para a primeira anualidade, e ata o 31 de outubro de 2024, para a segunda anualidade.

Esta resolución esgota a vía administrativa e contra ela pode interpoñerse recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou ben, directamente, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa notificación.

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2023

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente primeiro e conselleiro da Presidencia,
Xustiza e Deportes