DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 219 Venres, 17 de novembro de 2023 Páx. 63546

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 26 de outubro de 2023, da Xefatura Territorial de Pontevedra, de autorización administrativa previa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita e de autorización administrativa de construción da instalación eléctrica no concello de Vigo (expediente IN407A 2023/083-4).

Expediente: IN407A 2023/083-4.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación: LMTS TRO708, substitución CTI Godesende por CTC e reforma CT A Guía.

Concello: Vigo.

Feitos.

Primeiro. O 16 de febreiro de 2023, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación eléctrica denominada LMTS TRO708, substitución CTI Godesende por CTC e reforma CT A Guía.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade as seguintes actuacións na Guía, na parroquia de Teis, no concello de Vigo (Pontevedra):

– Retirada do centro de transformación Godesende (36A920) de 160 kVA e na súa substitución proxéctase a instalación dun centro de transformación de 250 kVA de potencia, compacto manobra exterior 2L1P telecontrolado con GPRS/FO en envolvente prefabricada de formigón con telexestión BT.

– Retirada da liña de media tensión aérea (LMTA) TRO721 na derivación ao CT Godesende e retirada dos tramos TRO7210353, TR07210389 e TRO7210369.

– Reforma do centro de transformación A Guia (36S415) de 400 kVA mediante a substitución do bloque de celas compacto 2L1P por tres celas modulares 2L1P telecontroladas por GPRS/FO, na cela de liña de saída se conectará a liña de media tensión subterránea de 603 metros proxectada para alimentar o centro de transformación proxectado.

Segundo. Esta xefatura territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Vigo, a Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) e o Servizo do Patrimonio Cultural. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados emitidos por todos os organismos.

Terceiro. Mediante escrito do 21 de marzo de 2023 esta xefatura territorial notificou a solicitude da autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da referida instalación eléctrica á persoa que figura afectada pola declaración de utilidade pública na relación de bens e dereitos achegada pola empresa promotora.

Como non foi posible efectuar a notificación á persoa titular da parcela afectada, publicáronse os correspondentes anuncios no Diario Oficial de Galicia do 11 de abril de 2023 e no taboleiro de edictos único do Boletín Oficial del Estado do 14 de abril de 2023, co fin de realizar a notificación por comparecencia.

Cuarto. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante a Resolución do 21 de marzo de 2023 publicada nos seguintes medios:

– DOG (Diario Oficial de Galicia): 17 de abril de 2023.

– Xornal Faro de Vigo: 25 de abril de 2023.

– Taboleiro de anuncios do Concello de Vigo, desde o 29 de marzo ata o 15 de maio de 2023, segundo certificado emitido polo propio Concello.

– Portal de transparencia e goberno aberto da Consellería de Economía, Industria e Innovación.

Durante este trámite non se recibiron alegacións.

Consideracións legais e técnicas.

Primeiro. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

Segundo. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Lei 40/2015, do 1 de outubro,de réxime xurídico do sector público.

Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.

Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica.

Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa.

Terceiro. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

– Substitución do centro de transformación intemperie (CTI) Godesende (36A920) por un centro de transformación compacto (CTC), a 250 kVA con RT 15 kV/400 V, situado na parcela con referencia catastral 5185601NG2758N0001TI, fronte ao número 147 da rúa Dr. Corbal.

– Reforma do centro de transformación A Guía (36S415) de 400 kVA, situado baixo a beirarrúa da urbanización Mirasol, á altura do número 12, consistente na substitución das celas existentes por tres celas modulares 2L1P telecontroladas.

– Liña de media tensión subterránea (LMTS) a 15 kV, con condutor RHZ1, de 603 metros de lonxitude, con orixe no centro de transformación A Guía (36S415) e final no centro de transformación proxectado, que substitúe ao centro de transformación Godesende.

As instalacións están situadas na rúa da Urbanización Mirasol, rúa Dr. e rúa Oliveira, na Guía, Teis, no municipio de Vigo (Pontevedra).

Conforme o indicado,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMTS TRO708, substitución CTI Godesende por CTC e reforma CT A Guía, expediente IN407A 2023/083-4, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

Segundo. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada instalación eléctrica, o que leva implícito a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

A empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento deberanse cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 26 de outubro de 2023

Beatriz López del Olmo
Xefa territorial de Pontevedra