DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 217 Mércores, 15 de novembro de 2023 Páx. 63113

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANUNCIO do 25 de setembro de 2023, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, polo que se somete a información pública a documentación para a revisión da autorización ambiental integrada da planta de tratamento e transformación de leite Ceao I de Grupo Leche Río, S.A., no concello de Lugo (expediente 2020-IPPC-M-47).

O artigo 26 do Real decreto lexislativo 1/2016, do 16 de decembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de prevención e control integrados da contaminación (BOE núm. 316, do 31 de decembro), regula a revisión das autorizacións ambientais integradas.

Os artigos 15 e 16 do Real decreto 815/2013, do 18 de outubro, polo que se aproba o Regulamento de emisións industriais e de desenvolvemento da Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación (BOE núm. 251, do 19 de outubro de 2013), regulan o procedemento de revisión das autorizacións ambientais integradas.

Para os efectos previstos no artigo 15.5.a) do Real decreto 815/2013, sométese a información pública, durante un período de vinte (20) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, o documento titulado:

– Documento técnico-Mellores técnicas dispoñibles (MTD). Leche Río. Planta Ceao I.

Para que calquera persoa interesada poida consultalos e, no seu caso, formular no citado prazo as alegacións, suxestións ou observacións que considere oportunas, a documentación estará á disposición dos administrados, en horario de atención ao público, nas seguintes dependencias:

– Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático-Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación (rúa de San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela).

Ademais, poderán acceder a esta información na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (http://cmatv.xunta.gal/→medio ambiente e sostibilidade→prevención e control de actividades→autorización ambiental integrada→proxectos en información pública).

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2023

María Sagrario Pérez Castellanos
Directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático

ANEXO I

Memoria resumo

Clave do expediente: 2020-IPPC-M-47.

Peticionaria: Grupo Leche Río, S.A. Instalación Ceao I.

CIF: A27015965.

Enderezo social: avenida Benigno Rivera, s/n, 27003 Lugo.

Localización da instalación: rúa dos Artesáns, s/n, 27003 Lugo.

Actividade: planta de tratamento e transformación de leite e produtos lácteos.

Descrición: o proceso produtivo consta de varias liñas de produción (leite UHT enteiro, leite UHT semidesnatado, leite UHT desnatado e nata) e inclúe as fases de recepción do leite, control de calidade, hixienización, estandarización, pasteurización, homoxeneización e tratamento UHT do leite segundo sexan necesarios, e a elaboración dos distintos produtos, envasado e almacenamento para a súa distribución.

Verteduras: segundo se recolle na documentación presentada, as verteduras xeradas pola planta de Ceao I son:

• Augas residuais industriais: son tratadas na EDARI da instalación e, unha vez tratadas, canalízanse ao colector municipal.

• Augas pluviais: son vertidas directamente ao colector municipal.