DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 217 Mércores, 15 de novembro de 2023 Páx. 63115

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANUNCIO do 25 de setembro de 2023, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, polo que se somete a información pública a documentación para a revisión da autorización ambiental integrada da planta de tratamento e transformación de leite Ceao II de Grupo Leche Río, S.A., no concello de Lugo (expediente 2020-IPPC-M-48).

O artigo 26 do Real decreto lexislativo 1/2016, do 16 de decembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de prevención e control integrados da contaminación (BOE núm. 316, do 31 de decembro), regula a revisión das autorizacións ambientais integradas.

Os artigos 15 e 16 do Real decreto 815/2013, do 18 de outubro, polo que se aproba o Regulamento de emisións industriais e de desenvolvemento da Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación (BOE núm. 251, do 19 de outubro de 2013), regulan o procedemento de revisión das autorizacións ambientais integradas.

Para os efectos previstos no artigo 15.5.a) do Real decreto 815/2013, sométese a información pública, durante un período de vinte (20) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, o documento titulado:

– Documento técnico-Mellores técnicas dispoñibles (MTD). Leche Río. Planta Ceao II.

Para que calquera persoa interesada poida consultalos e, de ser o caso, formular no citado prazo as alegacións, suxestións ou observacións que considere oportunas, a documentación estará á disposición dos administrados, en horario de atención ao público, nas seguintes dependencias:

– Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático-Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación (rúa de San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela).

Ademais, poderán acceder a esta información na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (http://cmatv.xunta.gal/→medio ambiente e sostibilidade→prevención e control de actividades→autorización ambiental integrada→proxectos en información pública).

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2023

María Sagrario Pérez Castellanos
Directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático

ANEXO I

Memoria resumo

Clave do expediente: 2020-IPPC-M-48.

Peticionaria: Grupo Leche Río, S.A. Instalación Ceao II.

CIF: A27015965.

Enderezo social: avenida Benigno Rivera, s/n, 27003 Lugo.

Localización da instalación: rúa da Agricultura, s/n, 27003 Lugo.

Actividade: planta de tratamento e transformación de leite e produtos lácteos.

Descrición: o proceso produtivo consta de varias liñas de produción (leite UHT enteiro, leite UHT semidesnatado, leite UHT desnatado, nata UHT e batidos) e inclúe as fases de recepción do leite, control de calidade, hixienización, estandarización, pasteurización, homoxeneización e tratamento UHT do leite segundo sexan necesarios, e a elaboración dos distintos produtos, envasado e almacenamento para a súa distribución.

Verteduras: segundo se recolle na documentación presentada, as verteduras xeradas pola planta de Ceao II son:

• Augas residuais industriais: son tratadas na EDARI da instalación e, unha vez tratadas, canalízanse ao colector municipal.

• Augas pluviais: son vertidas directamente ao colector municipal.