DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 216 Martes, 14 de novembro de 2023 Páx. 62954

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 16 de outubro de 2023, da Xefatura Territorial de Pontevedra, de autorización administrativa previa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita e de autorización administrativa de construción dunha instalación eléctrica no concello de Silleda (expediente IN407A 2023/011-4).

Expediente: IN407A 2023/011-4.

Promotora: Hidroeléctrica de Silleda, S.L.

Denominación: subestación Silleda 66/20 kV.

Concello: Silleda.

Feitos:

Primeiro. O 13 de xaneiro de 2023, a empresa Hidroeléctrica de Silleda, S.L. solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación eléctrica denominada subestación Silleda 66/20 kV.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade o reforzo da rede de distribución da empresa promotora mediante a instalación dunha subestación eléctrica 66/20 kV de potencia 10/12 MW no concello de Silleda.

A solicitude vén acompaña da Resolución do 16 de abril de 2019, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, pola que se formula o informe de impacto ambiental da liña de alta tensión desde a subestación Cira ata a subestación Silleda, no concello de Silleda (Pontevedra), promovida por Hidroeléctrica de Silleda, S.L. (clave 2016/0048). O proxecto obxecto deste informe de impacto ambiental inclúe unha liña de alta tensión 66 kV entre as localidades de Cira e Silleda, así como a construción dunha subestación eléctrica de transformación (SET) de intemperie de 66/20 kV.

Segundo. Esta xefatura territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Silleda, a Deputación Provincial de Pontevedra e a Axencia Española de Seguridade Aérea (AESA). A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados emitidos pola Deputación Provincial de Pontevedra e AESA.

O Concello de Silleda non emitiu o condicionado técnico, entendéndose en consecuencia a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, sen prexuízo da autorización que lle corresponda outorgar.

Terceiro. Mediante escrito do 7 de marzo de 2023 esta xefatura territorial notificou a solicitude da autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da referida instalación eléctrica á única persoa que figura afectada pola declaración de utilidade pública na relación de bens e dereitos achegada pola empresa promotora.

Cuarto. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante Resolución do 7 de marzo de 2023, publicada nos seguintes medios:

DOG (Diario Oficial de Galicia): 13 de abril de 2023.

Xornal Faro de Vigo: 24 de marzo de 2023.

Taboleiro de anuncios do Concello de Silleda.

Portal de transparencia e goberno aberto da Consellería de Economía, Industria e Innovación.

Quinto. A seguir resúmese o contido das alegacións presentadas por Eulogio de la Fuente Villar:

A súa parcela xa ten unha servidume de voo imposta pola LAT 66 kV de Set Cira a Set Silleda. Este novo proxecto imporía unha nova afección nesta mesma parcela que tornaría a súa explotación practicamente antieconómica, polo que solicita a expropiación total da zona afectada.

Sexto. As alegacións presentadas foron trasladadas á empresa promotora que contestou que os prexuízos económicos non foron xustificados e o resto da parcela non expropiada pode seguir usándose para labores agrarias.

Sétimo. Os servizos técnicos da xefatura territorial á vista da documentación contida no expediente analizaron todas as alegacións presentadas, emitindo o correspondente informe, concluíndo que non se presentan obxeccións para que se poida continuar co trámite da declaración de utilidade pública da instalación eléctrica proxectada para os efectos da expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento de acordo con Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro. Basea esta conclusión basicamente en que o afectado non xustifica as causas concretas determinantes dos prexuízos económicos como consecuencia da alteración das condicións fundamentais da expropiación da parcela.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

Segunda. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.

Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica.

Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa.

Terceira. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

Parque intemperie de 66 kV cunha posición de transformador e un sistema interior con configuración de simple barra formado por cinco celas de 20 kV: tres de posición de liña, unha de transformador e unha de transformador de servizos auxiliares. Transformador de potencia de 10/12 MVA. A instalación esta situada no polígono 501, parcela 19, denominada Pena Vidal, no municipio de Silleda (Pontevedra).

Cuarta. Con respecto ás alegacións presentadas, visto o contido destas, as respostas da promotora e o informe dos servizos técnicos desta xefatura territorial, exponse:

Con relación ao prexuízo que causa a instalación da subestación na parcela, remítese ás conclusións do informe dos servizos técnicos recollida no punto sétimo dos feitos desta resolución. Porén, cabe sinalar que unha vez iniciado o procedemento expropiatorio, a persoa interesada será informada do trámite de levantamento de acta previa á ocupación. Nese momento, de forma concreta, por unha parte débese describir e delimitar o obxecto de expropiación e, por outro lado, débense describir as afeccións concretas que comporta a expropiación. Poderase poñer de manifesto a perda de valor da parcela na presentación da folla de valoración, momento no cal, o titular concretará o valor que considere como se indica no artigo 29 e seguintes da Lei do 16 de decembro de 1954 sobre a expropiación forzosa. Incluso solicitar da Administración que a expropiación comprenda a totalidade da parcela de acordo co artigo 23 da referida lei.

Conforme o indicado,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar á empresa Hidroeléctrica de Silleda, S.L. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada subestación Silleda 66/20 kV, expediente IN407A 2023/011-4, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

Segundo. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada instalación eléctrica, o que leva implícito a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

A empresa Hidroeléctrica de Silleda, S.L. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento deberanse cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 16 de outubro de 2023

Beatriz López del Olmo
Xefa territorial de Pontevedra