DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 215 Luns, 13 de novembro de 2023 Páx. 62530

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

RESOLUCIÓN do 6 de novembro de 2023, da Secretaría Xeral Técnica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Novobasket.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Novobasket, dítase esta resolución baseada nos feitos e fundamentos de dereito que se expoñen a continuación:

Feitos:

1. O 16 de xuño de 2023, José Carlos Gesteiro Salgueiro, en representación do padroado da Fundación, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Novobasket constituína o Clube Deportivo Novobasket, representado polo seu presidente Carlos Vázquez Ferro, mediante escritura pública outorgada o 25 de maio de 2023, ante o notario de Vigo (Pontevedra) Manuel Arturo Vidal Rodríguez, co número de protocolo 855.

Tras requirimento do 17 de xullo de 2023, o 30 de agosto achégase unha nova escritura outorgada o 24 de agosto de 2023, na mesma localidade e ante o mesmo notario da anterior, co número 1.418 do seu protocolo, na cal emendan a primeira escritura segundo o indicado no citado requirimento.

3. A Fundación, consonte o artigo 6 dos seus estatutos, ten como fin principal «apoiar o labor deportivo, educativo e de divulgación do deporte do baloncesto e os seus valores; promocionar e difundir este deporte como medio para lograr unha formación completa da persoa; desenvolver proxectos relacionados co mundo do baloncesto que melloren os coñecementos dos axentes implicados, da sociedade civil e das institucións; e crear proxectos de carácter social e solidario ligados á actividade física unindo valores éticos e morais cos sociais e deportivos, a través de accións como as desenvoltas contra as drogas, o racismo e a favor da inclusión social».

4. Na escritura de constitución da Fundación constan os puntos relativos á identificación das persoas fundadoras; a súa capacidade e vontade de constituíla como de interese galego, conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, a dotación, os seus estatutos e a composición do padroado inicial.

5. Nos estatutos da Fundación consta a súa denominación e natureza; a súa finalidade e as principais actividades para o seu cumprimento; o seu domicilio e ámbito de actuación; as regras para a aplicación dos recursos para cumprir os fins fundacionais e para a determinación das persoas beneficiarias; a composición e as normas de funcionamento do padroado, e as causas de disolución e o destino dos bens e dereitos resultantes da súa liquidación.

6. O padroado inicial da Fundación está formado por Carlos Vázquez Ferro, como presidente; Gonzalo Vázquez Palazón, como vicepresidente, e María Jacinta Palazón Vidal, como secretaria.

7. A Comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías elevoulle ao vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes proposta de clasificación como de interese deportivo da Fundación Novobasket, consonte os seus fins fundacionais, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006 e de conformidade co establecido nos artigos 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, o protectorado da Fundación será exercido pola Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

8. De conformidade con esta proposta, por Orde do 17 de outubro de 2023 da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, clasificouse de interese deportivo a Fundación Novobasket e adscribiuse a esta mesma vicepresidencia para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Decreto 15/2009, correspóndelle a esta vicepresidencia a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Novobasket, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no dito regulamento.

Terceiro. Á vista do disposto na Lei 12/2006, e nos decretos 14/2009 e 15/2009, e logo da emisión do regulamentario informe de idoneidade dos fins e de adecuación e suficiencia da dotación, resultan cumpridos os requisitos establecidos pola normativa vixente para a declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Novobasket, polo que,

RESOLVO:

1. Declarar de interese galego a Fundación Novobasket.

2. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

3. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; ao Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e ao Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, así como á demais normativa que resulte de aplicación, onde se establecen especialmente as obrigas de dar publicidade suficiente do seu obxecto e actividades; a ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como a presentación anual da documentación contable e plan de actuación ante o protectorado, que será exercido por esta Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, pódese interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, consonte os artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2023

Elena Muñoz Fonteriz
Secretaria xeral técnica da Vicepresidencia Primeira
e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes