DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 215 Luns, 13 de novembro de 2023 Páx. 62459

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 17 de outubro de 2023 pola que se aproban os estatutos do Ilustre Colexio Provincial da Avogacía de Lugo.

De acordo co establecido no artigo 150.2 da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfire, no marco da lexislación básica do Estado, o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais.

A propia lei orgánica prevé, tal como expón o mandato constitucional, a transferencia de servizos necesarios, que se leva a cabo de forma efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, de traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado en materia de colexios oficiais ou profesionais.

Tendo en conta o dito traspaso, o Decreto 337/1996, do 13 de setembro, estableceu a asunción de funcións transferidas á Comunidade Autónoma de Galicia polo Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, e asignoulle as funcións á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais (na actualidade, Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, segundo a estrutura orgánica establecida no Decreto 59/2023, do 14 de xuño).

A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da citada competencia, dispón no seu artigo 16 que os colexios profesionais gozarán de autonomía para a elaboración, aprobación e modificación dos seus estatutos, sen máis límites que os establecidos polo ordenamento xurídico.

O artigo 18 da mesma norma establece a obrigatoriedade de comunicar á consellería competente en materia de colexios profesionais os estatutos aprobados, así como as súas modificacións, para os efectos de verificación da súa adecuación á legalidade, ordenación da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e inscrición no rexistro.

En virtude do anterior, e verificada a adecuación á legalidade dos estatutos presentados, en uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Aprobar os estatutos do Ilustre Colexio Provincial da avogacía de Lugo, que figuran como anexo a esta orde.

Artigo 2. Publicación e inscrición

Ordenar a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e a inscrición correspondente no Rexistro de Colexios Profesionais e os seus consellos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derrogatoria. Derrogación dos estatutos anteriores

Quedan derrogados os anteriores estatutos e cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto nesta orde.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2023

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia,
Xustiza e Deportes

ANEXO

Estatutos do Ilustre Colexio Provincial da avogacía de Lugo

TÍTULO I

CAPÍTULO I

Da personalidade, natureza e denominación do Colexio

Artigo 1. Natureza do Colexio

1. O Ilustre Colexio Provincial da avogacía de Lugo é unha Corporación de Dereito Público amparada pola lei e recoñecida polo Estado, con personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins.

2. Rexerase polo presente estatuto, o Regulamento de Réxime Interior que se aprobase no seu desenvolvemento, polas normas de orde interna e acordos dos órganos corporativos no ámbito das súas respectivas competencias, polo Estatuto xeral da avogacía española, a Lei de colexios profesionais e as demais disposicións estatais e autonómicas pertinentes.

3. O acceso e o exercicio á profesión dos seus membros réxese polos principios de igualdade de trato e non discriminación por razón de orixe racial ou étnica, relixión ou conviccións, discapacidade, idade ou orientación sexual, nos termos previstos na lexislación pertinente.

Artigo 2. Ámbito territorial e domicilio

1. O ámbito territorial do Colexio esténdese a toda a provincia de Lugo.

2. O Colexio terá a súa sede na cidade de Lugo, sendo o seu domicilio actual a rúa Pascual Veiga, 2.

Por acordo da Xunta de Goberno poderase trasladar a outro lugar dentro da mesma cidade.

3. O Colexio poderá establecer sedes auxiliares e outras dependencias, dentro do seu ámbito territorial, onde resulte conveniente para o mellor cumprimento dos seus fins e funcións colexiais.

Artigo 3. Ámbito persoal

O presente estatuto é de aplicación a todos os colexiados/as desta corporación, así como a todos aqueles profesionais da avogacía que exerzan no seu ámbito territorial.

CAPÍTULO II

Fins e funcións

Artigo 4. Fins

1. Son fins esenciais do Colexio da avogacía, no seu ámbito territorial, o servizo á sociedade, á xustiza e aos seus colexiados mediante a ordenación do exercicio da profesión, a súa exclusiva representación institucional, a defensa dos dereitos e intereses profesionais da avogacía, o control deontolóxico e o exercicio da potestade disciplinaria, a formación inicial e permanente dos colexiados, a colaboración no funcionamento, promoción e mellora da administración da xustiza, a organización e prestación do servizo de asistencia xurídica gratuíta nos termos establecidos nas leis, a intervención no proceso de acceso á profesión, a defensa do estado social e democrático de dereito, a promoción e defensa dos dereitos humanos e os demais que recolla o Estatuto xeral da avogacía española e a normativa estatal e autonómica, se é o caso, de aplicación.

Igualmente, é fin esencial do Colexio a protección dos intereses de consumidores e usuarios, tanto en relación cos servizos que preste directamente como nos que presten os seus membros.

2. Para os efectos de cumprir con este fin, o Colexio dispoñerá dun servizo de atención aos consumidores e usuarios que tramitará e resolverá as queixas e reclamacións ou, se é o caso, remitiraas á Xunta de Goberno para a súa resolución.

3. Os acordos, decisións e recomendacións observarán os límites da Lei 15/2007, do 3 de xullo, de defensa da competencia.

Artigo 5. Funcións do Colexio

Son funcións do Colexio da avogacía:

a) Ter, no seu ámbito, a representación e defensa da profesión ante a Administración, institucións, tribunais, entidades e particulares, con lexitimación para ser parte en cantos litixios e causas afecten os dereitos e intereses profesionais; todo iso conforme a lexislación vixente.

b) Elaborar e aprobar os seus estatutos, regulamentos e normas de réxime interior.

c) Ordenar a actividade profesional dos colexiados e colexiadas, velando pola formación, a deontoloxía, a dignidade profesional e o respecto debido aos dereitos dos particulares, así como exercer a facultade disciplinaria na orde profesional e colexial.

d) Exercer o dereito de petición conforme a lei.

e) Organizar actividades e servizos comúns de carácter profesional, cultural, asistencial, de previsión e análogos, de interese para os seus membros. A recepción deste tipo de servizos polos colexiados será voluntaria, logo de solicitude expresa. Igualmente, os prezos que se poidan cobrar aos colexiados non incluirán custos alleos á prestación específica de que se trate.

f) Elaborar e aprobar os orzamentos anuais de ingresos e gastos, así como as súas contas e liquidacións.

g) Establecer e exixir achegas económicas.

h) Levar un rexistro dos seus membros no que conste, polo menos, testemuño auténtico do título académico oficial, a data de alta no colexio, o domicilio profesional, a sinatura actualizada e cantas circunstancias afecten a súa habilitación para o exercicio profesional, se é o caso.

i) Establecer criterios orientadores de honorarios para os exclusivos efectos da taxación de custas e de xura de contas dos profesionais da avogacía, que serán igualmente válidos para o cálculo dos honorarios que correspondan para os efectos de taxación de custas en asuntos de asistencia xurídica gratuíta; así como informar e ditaminar sobre honorarios profesionais, e poderán mesmo emitir informes periciais nos procesos xudiciais nos que se discutan cuestións relativas a honorarios profesionais.

j) Informar nos procedementos administrativos ou xudiciais, cando sexa requirido para iso ou cando se prevexa a súa intervención conforme a lexislación vixente.

k) Propoñer e, se é o caso, adoptar as medidas necesarias para evitar o intrusionismo profesional e a competencia desleal, exercitando respecto diso as accións legais pertinentes.

l) Procurar o perfeccionamento da actividade profesional e a formación permanente, a través da Escola de Práctica Xurídica, coa organización de cursos para a formación continua, perfeccionamento e especialización profesional dos colexiados.

m) Exercer, na orde profesional e colexial, a potestade disciplinaria.

n) Adoptar as medidas necesarias para garantir o cumprimento do aseguramento da responsabilidade civil profesional cando legalmente se estableza.

ñ) Organizar e xestionar os servizos de asistencia xurídica gratuíta e cuantos outros de asistencia e orientación xurídica poidan crearse, especialmente en beneficio dos sectores sociais máis desfavorecidos ou necesitados de protección, nos termos establecidos nas leis.

o) Participar nas materias propias da profesión nos órganos consultivos da Administración como nos organismos ou asociacións interprofesionais; así como designar representantes en calquera tribunal en que se exixan coñecementos relativos a materias específicas, sempre que se lle requira para iso.

p) Informar os proxectos normativos da Administración sobre as condicións do exercicio profesional ou que afecten directamente o Colexio.

q) Colaborar co Poder Xudicial e os demais poderes públicos mediante a participación nos órganos que proceda de conformidade coas súas normas reguladoras, así como a realización de estudos, emisión de informes, elaboración de estatísticas e outras actividades relacionadas cos seus fins, cando lles sexan solicitadas ou o acorden por propia iniciativa.

r) Cumprir e facer cumprir aos seus membros as normas xerais e especiais, os estatutos colexiais, os regulamentos de réxime interior e os acordos adoptados polos órganos colexiais en materia da súa competencia.

s) Aquelas que se lles atribúa por outras normas de rango legal ou regulamentario, que lles sexan delegadas polas administracións públicas ou se deriven de convenios de colaboración.

En especial, o Colexio da avogacía velará para que a ningunha persoa se lle negue a asistencia letrada para a defensa dos seus dereitos, xa sexa da súa libre elección ou ben de oficio, consonte os requisitos establecidos para o seu efecto. Igualmente velará cos medios legais ao seu alcance para que se removan os impedimentos de calquera clase que se opoñan á intervención en dereito da avogacía, incluídos os normativos, como para que se lle recoñeza a exclusividade da súa actuación.

t) Intervir, logo de solicitude dos interesados, en vías de conciliación, mediación, arbitraxe ou calquera outro método alternativo de resolución de conflitos nas cuestións que por motivos profesionais se susciten entre os colexiados ou entre estes e os seus clientes.

u) Cantas funcións redunden no beneficio da protección dos intereses dos consumidores e usuarios, dos servizos dos seus colexiados e de calquera outra establecida no Estatuto xeral da avogacía ou que veñan dispostas pola lexislación estatal ou autonómica.

v) Atender as solicitudes de información sobre os seus membros e sobre as sancións firmes a eles impostas, así como as peticións de inspección ou investigación que lles formule calquera autoridade competente dun Estado membro da Unión Europea nos termos previstos na lei sempre que estean debidamente motivadas e que a información obtida se empregue unicamente para a finalidade para a que se solicitou nos termos previstos na lexislación sobre protección de datos persoais.

w) Cantas outras funcións redunden no beneficio dos intereses profesionais dos seus membros.

x) En xeral, cantas se encamiñen ao cumprimento dos fins asignados aos colexios profesionais e aquelas que veñan impostas pola lexislación estatal e autonómica.

Artigo 6. Tratamento e símbolos corporativos

1. O Colexio da avogacía de Lugo terá o seu tratamento tradicional e, en todo caso, o de Ilustre, e o seu decano ou decana o de excelentísimo/a señor/a. Tanto este tratamento, como a denominación honorífica de decano ou decana, desempeñaranse con carácter vitalicio.

2. Consideracións honoríficas do decano e decana. o decano ou decana do Colexio terá a consideración honorífica de presidente ou presidenta de Sala da Audiencia Provincial.

O decano ou decana levará encaixes nas mangas da súa toga, así como as medallas e placas correspondentes aos seus cargos, en audiencia pública e actos solemnes aos que asista en exercicio destes. Nestas ocasións os demais membros da Xunta de Goberno do Colexio da avogacía levarán sobre a toga os atributos propios dos seus cargos.

3. O Escudo. É o sinal de identidade do Colexio, o seu formato e características serán establecidas pola Xunta de Goberno e utilizaranse nos seus documentos oficiais como cabeceira e selo, así como nas medallas e insignias.

Artigo 7. Da acción social do Colexio

1. O Colexio terá especialmente en conta a súa responsabilidade para coa sociedade en que se integra. Por iso, poderá promover, organizar e executar programas de acción social no beneficio dos sectores máis desfavorecidos, así como para a promoción e difusión dos dereitos fundamentais, os valores democráticos de convivencia ou a cooperación internacional.

2. Sen prexuízo das competencias derivadas da lexislación sobre asistencia xurídica en materia de servizos de orientación xurídica, o Colexio poderá organizar e prestar servizos gratuítos, con ou sen financiamento externo público ou privado, dedicados a asesorar a quen non teña acceso a outros servizos gratuítos e se atopen en situacións de necesidade, desvantaxe ou risco de exclusión social.

TÍTULO II

CAPÍTULO I

Das persoas integrantes do Colexio

Artigo 8. Das formas de exercicio

A avogacía poderase exercer en réxime de exercicio individual, de colaboración profesional, de relación laboral especial ou común, de exercicio colectivo en forma societaria ou non societaria, en réxime de colaboración multiprofesional e, en xeral, en calquera das modalidades admitidas na lei, con suxeición aos termos establecidos por esta e, en particular, polo estatuto xeral da avogacía española.

Artigo 9. Os profesionais da avogacía

1. Son profesionais da avogacía quen, estando en posesión do título oficial que habilita para o exercicio desta profesión, están incorporados a un colexio da avogacía en calidade de exercentes e se dedican de forma profesional ao asesoramento xurídico, á solución de disputas e á defensa de dereitos e intereses alleos, tanto públicos como privados, na vía extraxudicial, xudicial ou arbitral.

2.Corresponde en exclusiva a denominación de avogada e avogado a quen se atope incorporado ao Colexio como exercente.

3. Tamén se denominarán avogados e avogadas, os profesionais da avogacía doutros Estados membro da Unión Europea e do Espazo Económico Europeo; terán dereito a exercer a súa actividade profesional en España, de forma permanente e co seu título profesional de orixe, baixo a denominación de «profesional da avogacía inscrito», nos termos e coas limitacións previstas na normativa relativa ao exercicio en España da profesión de avogado con título profesional obtido noutro Estado membro da Unión Europea. Poderá exercer a profesión segundo as modalidades de exercicio previstas con carácter xeral no Estatuto da avogacía española.

Artigo 10. Das persoas colexiadas

Poden ser:

a) Exercentes, que son as que se dedican profesionalmente ao exercicio da avogacía. Poden ser residentes ou non residentes segundo se teñen no ámbito colexial o seu despacho único ou principal.

b) Non exercentes, que non se dedican ao exercicio profesional da avogacía, pois carecen do dereito para denominarse avogadas ou avogados.

c) Inscritas, que son as que, de conformidade coa lexislación, poden exercer en España co título do seu país de orixe.

Artigo 11. Distincións e honras

1. As persoas colexiadas poderán ser nomeadas decanos/as de honra e colexiados/as de honra. Desempeñarán estes títulos con efectos estritamente honoríficos.

2. Igualmente, co fin de recoñecer os méritos contraídos en beneficio e interese da avogacía e do dereito, os servizos prestados á corporación e a dedicación constante ao exercicio profesional, por iniciativa da Xunta de Goberno ou de polo menos un 25 % dos seus colexiados e colexiadas, poderase conceder o título de membro de honra.

3. Calquera outra distinción poderase outorgar por acordo maioritario da Xunta de Goberno, salvo que considere oportuno o seu sometemento a acordo adoptado en Xunta Xeral.

CAPÍTULO II

Requisitos de incorporación ao Colexio

Artigo 12. Como avogado e avogada exercente

Son requisitos necesarios para a incorporación ao Colexio, na modalidade de exercentes residentes, os que determina o Estatuto xeral da avogacía española e, concretamente, os seguintes:

a) Ser maior de idade e ter nacionalidade dalgún Estado membro da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo ou de terceiros países, sen prexuízo do disposto en tratados ou convenios internacionais ou dispensa legal.

b) Posuír o título oficial que habilite para o exercicio da profesión da avogacía, que se acreditará mediante a achega do título universitario correspondente e o título habilitante referido ou, de ser o caso, mentres non se posúa a certificación de superar a proba de acceso á profesión da avogacía expedido polo Ministerio de Xustiza, salvo as excepcións establecidas nas normas con rango de lei, para determinados funcionarios públicos. A acreditación da titulación habilitante dos nacionais dalgún Estado membro da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo axustarase aos requisitos de homologación que se establezan na lei.

c) Contar con despacho profesional aberto no ámbito territorial do Colexio e facilitar a este un enderezo físico e outro electrónico para efectos de comunicacións.

d) Satisfacer a cota de incorporación fixada polo Colexio, así como as cotas que poidan establecer o Consello Xeral da avogacía Española ou o Consello da avogacía Galega, do mesmo xeito que facilitar unha conta bancaria na que se domiciliarán as cotas e obrigas colexiais. A cota de inscrición ou colexiación non poderá, en ningún caso, superar os custos asociados á súa tramitación colexial.

e) Carecer de antecedentes penais por delitos que leven aparellada a imposición de penas graves ou a inhabilitación para o exercicio da avogacía.

f) Non ser condenado ou condenada por intrusionismo no exercicio da avogacía nos tres anos anteriores mediante resolución firme salvo que se cancelaran os antecedentes penais derivados desta condena.

g) Non ser a persoa sancionada disciplinariamente coa expulsión dun colexio da avogacía ou, no suposto de sufrir a dita sanción, ser rehabilitado, o que se acreditará por medio do certificado expedido polo Consello Xeral da avogacía Española.

h) Non estar incurso en causa de incapacidade, incompatibilidade ou prohibición para o exercicio da avogacía, o que se acreditará por medio do certificado expedido polo Consello Xeral da avogacía Española e declaración xurada.

i) Formalizar e acreditar o ingreso no Réxime de Seguridade Social ou nunha entidade ou mutua de previsión social alternativa a ese réxime, de conformidade coa lexislación vixente.

j) Acreditar o cumprimento da lingua castelá e, se é o caso, das linguas cooficiais autonómicas, por calquera medio válido en dereito, salvo cando resulte de modo fidedigno do cumprimento do requisito anterior.

Non sendo un requisito necesario para a incorporación colexial, salvo que legalmente se estableza nun futuro, recomendarase adherirse aos colexiados ao seguro de responsabilidade civil subscribido polo Colexio de avogacía de Lugo cuxo obxecto será o de cubrir as responsabilidades en que poida incorrer o profesional da avogacía por razón do seu exercicio profesional ou, na súa falta, ou ter contratado un seguro de responsabilidade civil privado cuxo fin sexa o mencionado anteriormente con similares coberturas.

Artigo 13. Do colexiado ou colexiada non residente

Para colexiarse como non residente, a persoa solicitante deberá acreditar todas as circunstancias anteriormente sinaladas salvo a obriga de contar con despacho profesional aberto da letra c) do artigo anterior.

Artigo 14. Como colexiado ou colexiada non exercente

Para colexiarse como non exercente, a persoa que o solicite deberá cumprir os requisitos establecidos nas letras a), b), c), d), e), f) e g) do artigo 12, salvo a obrigación de contar con despacho profesional aberto da letra c). Así mesmo, deberá acreditar non estar incurso en causa de incapacidade, incompatibilidade ou prohibición para o exercicio da avogacía na forma prevista no apartado h).

Artigo 15. Das persoas que exercesen previamente noutro Estado membro da UE

Cando a persoa solicitante de colexiación exercese previamente noutro Estado membro da Unión Europea, o Colexio poderá solicitar das autoridades competentes do Estado membro de procedencia, por el mesmo ou, se é o caso, a través do Consello Xeral da avogacía Española, información sobre a posible concorrencia dalgunha das causas de incapacidade para o exercicio da avogacía previstas no presente Estatuto ou no Estatuto xeral da avogacía española.

Artigo 16. Como Avogado rexistrado ou Avogada inscrito

1. As persoas colexiadas doutros Estados membro da Unión Europea e do Espazo Económico Europeo que desexen exercer a súa actividade profesional en España, de forma permanente e co seu título profesional de orixe de acordo coa normativa vixente, poderán incorporarse ao Ilustre Colexio Provincial de avogacía de Lugo, baixo a denominación de «Avogado inscrito» ou «Avogada inscrita».

2. As persoas exercentes como «inscritas» poderán exercer a profesión segundo as modalidades previstas con carácter xeral no presente Estatuto, coas limitacións establecidas na normativa vixente.

3. Os profesionais da avogacía visitantes e os profesionais da avogacía inscritos deberán actuar concertadamente cun profesional da avogacía colexiado en España nos termos previstos nas normas aplicables.

4. O concerto deberá ser comunicado en cada caso ao Colexio da avogacía ante cuxo Decanato se presentou a persoa exercente visitante ou onde a persoa exercente «inscrita» figure rexistrada, mediante escrito asinado por ambos os profesionais. Así mesmo, a existencia do concerto deberá facerse constar en todas as actuacións profesionais a que afecte.

5. O concerto obriga o exercente colexiado/a acompañar e asistir o Avogado ou Avogada «inscrito» ou visitante nas actuacións profesionais.

Artigo 17. Solicitude de incorporación

1. A solicitude realizarase mediante escrito dirixido á Xunta de Goberno o que se acompañará a documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos para a colexiación. Esta solicitude poderá tramitarse por vía telemática.

2. En todo caso, o ou a solicitante deberá cubrir os impresos normalizados dos que dispón o Colexio para tramitar a alta, baixa ou cambio de situación colexial.

Ademais de acreditar os requisitos establecidos no artigo 12 do presente estatuto, haberá que acompañar a seguinte documentación:

a) Presentar solicitude ao respecto, na que ademais de solicitar o ingreso, exprese se se propón exercer a profesión ou non, se pertence ou pertenceu a outros colexios determinando os que fosen, e os períodos de exercicio; en todo caso, designarán unha dirección para comunicacións oficiais e demais relacións coa corporación e un número de conta bancaria para a domiciliación de cotas e obrigacións colexiais.

b) Xunto á devandita solicitude deberán acompañar:

1) Alta no imposto de actividades económicas, se a incorporación se fai en calidade de exercente, salvo que unicamente realice o seu traballo por conta allea.

2) Dúas fotografías tamaño carné e en formato dixital.

3) Fotocopia do documento nacional de identidade.

4) Se é o caso, título habilitante para o exercicio da profesión da avogacía.

5) Declaración xurada do solicitante na que manifeste non estar incurso en causa de incompatibilidade ou incapacidade para o exercicio da avogacía, o certificado emitido polo CGAE e a achega do certificado de antecedentes penais.

6) Declaración escrita do xuramento ou promesa de gardar a Constitución do Estado, así como cumprir fielmente as súas obrigas segundo as normas deontolóxicas que rexen a profesión. Iso non exime de ter que acudir ao acto formal descrito no parágrafo seguinte salvo que, polo decano/a, atendendo a circunstancias excepcionais, se entenda cumprido o trámite coa declaración escrita.

7) E canta documentación complementaria que se puidese solicitar polo Colexio atendendo aos requisitos e normas de aplicación en cada momento.

3. A incorporación á profesión por primeira vez será solemne, exixirá o xuramento ou promesa de acatar a Constitución e o resto do ordenamento xurídico e de cumprir as normas deontolóxicas da profesión, con liberdade e independencia, de boa fe, con lealdade ao cliente, respecto á parte contraria e gardando o segredo profesional.

Artigo 18. Incorporación de profesionais da avogacía procedentes doutros Colexios

1. Poderán incorporarse como non residentes ao colexio os procedentes doutros Colexios de España, ou como residentes, se se trata dun cambio de domicilio profesional, acreditando o seu exercicio e pertenza actual e vixente á respectiva corporación de residencia.

2. Deberán tamén xustificar non estar dados de baixa ou suspendidos temporalmente no exercicio da avogacía por outros colexios, mediante as correspondentes certificacións.

Artigo 19. Aprobación e denegación da incorporación

1. As solicitudes de incorporación serán aprobadas, suspendidas ou denegadas, logo a tramitación que proceda, pola Xunta de Goberno mediante acordo motivado, e deberá ser admitido quen reúna os requisitos establecidos para colexiarse.

2. A denegación de incorporación como exercente adoptada por un Colexio impedirá a incorporación a outro cando se trate de causa irremediable ou que non fose debidamente emendada. Para estes efectos, as resolucións denegatorias de incorporación comunicaranse ao Consello Xeral da avogacía Española para o seu traslado a todos os Colexios da avogacía.

3. A resolución que denegue a incorporación será motivada e pode ser obxecto dos pertinentes recursos.

4. Por colexiación enténdese concedida ao Colexio a autorización para comunicar os datos que, a xuízo da Xunta de Goberno, teñan carácter profesional, incluílos nas guías colexiais e cedelos a terceiros conforme o previsto na lexislación pertinente coas limitacións que establece.

Artigo 20. Acreditación da condición de persoa colexiada

No momento da incorporación asignarase un número de colexiación que deberá consignarse xunto ao nome cando se realicen actuacións profesionais. O Colexio expedirá tarxeta e/ou documento acreditativo de tal condición.

Artigo 21. Actuación de profesionais da avogacía doutros colexios

1. Os profesionais da avogacía pertencentes a outros Colexios quedarán suxeitos ás normas e réxime disciplinario desta Corporación cando actúen no seu ámbito territorial tendo dereito á utilización dos servizos e recursos colexiais directamente relacionados co exercicio da profesión, sen prexuízo de ter que satisfacer, de ser o caso, o custo asociado aos devanditos servizos.

2. A liberdade e independencia na actuación profesional quedarán baixo a protección deste Colexio.

CAPÍTULO III

Das Sociedades profesionais e o seu Rexistro

Artigo 22. Das sociedades profesionais

1. As sociedades profesionais que se constitúan para o exercicio da avogacía rexeranse polo disposto na Lei 2/2007, do 15 de marzo, de sociedades profesionais ou lexislación que a substitúa, polas súas normas de desenvolvemento, pola normativa autonómica que, se é o caso, sexa aplicable, polo Estatuto xeral da avogacía española e polos presentes estatutos.

2. O Colexio manterá un Rexistro de sociedades profesionais para os efectos da súa incorporación ao colexio co fin de poder exercer sobre estas as competencias que lle outorga o ordenamento xurídico sobre os profesionais colexiados.

Inscribiranse:

a) Obrigatoriamente, as sociedades profesionais de avogados e avogadas sexan ou non multidisciplinares, que teñan o domicilio social dentro do ámbito territorial do Colexio.

b) Poderán facelo as sucursais domiciliadas dentro da demarcación territorial do Colexio, de sociedades profesionais da avogacía, sexan ou non multidisciplinares, que teñan por obxecto o exercicio da actividade profesional propia da avogacía e que teñan o domicilio social fóra do ámbito territorial do Colexio.

3. Na inscrición faranse constar as mencións exixidas, se é o caso, pola normativa vixente para a inscrición da forma societaria de que se trate e, polo menos, os seguintes puntos:

a) Denominación ou razón social e domicilio da sociedade. Data e recensión identificativa da escritura pública de constitución e notario autorizante; identificación dos outorgantes, expresando se son ou non socios profesionais; e duración da sociedade se se constituíu por tempo determinado.

b) A actividade ou actividades profesionais que constitúan o obxecto social.

c) Identificación dos socios profesionais e non profesionais e, en relación con aqueles, número de colexiado e colexio profesional de pertenza.

d) Identificación das persoas que se encarguen da administración e representación, expresando a condición de socio profesional ou non de cada unha delas.

e) Calquera cambio de socios e administradores do mesmo xeito que calquera modificación do contrato ou estatuto social que serán obxecto de inscrición no Rexistro de sociedades profesionais.

4. O Colexio exercerá sobre as sociedades profesionais inscritas as mesmas competencias que lle atribúe o ordenamento xurídico sobre as persoas exercentes, en especial polo que se refire á deontoloxía profesional e ao exercicio da potestade sancionadora. A falta de inscrición no Rexistro de Sociedades Profesionais non será óbice para a acreditación da existencia de sociedade profesional por calquera outro medio admitido en dereito e a suxeición desta ás obrigacións colexiais correspondentes, particularmente ás deontolóxicas.

5. As sociedades profesionais poderán prever nos seus estatutos ou acordar nun momento posterior que as controversias que xurdan entre os socios, entre estes e os administradores e entre calquera deles e a sociedade, incluídas as relativas ao funcionamento, separación, exclusión e determinación da cota de liquidación, sométanse a mediación.

CAPÍTULO IV

Das incapacidades, incompatibilidades e prohibicións

Artigo 23. Da incapacidade para o exercicio da avogacía

1. Son causas determinantes de incapacidade para o exercicio da avogacía:

a) Os impedimentos que, pola súa natureza ou intensidade, non permitan o cumprimento da misión de defensa e asesoramento que aos profesionais da avogacía se encomenda.

b) A inhabilitación ou suspensión para o exercicio da avogacía en virtude de resolución xudicial firme.

c) As sancións disciplinarias firmes que leven aparellada a suspensión do exercicio profesional ou a expulsión de calquera colexio da avogacía.

d) En xeral, a perda dalgún dos requisitos de exercicio establecidos no artigo 12, nese caso a persoa colexiada notificarao no prazo de quince días, sen prexuízo de que haxa de cesar no exercicio das súas funcións propias inmediatamente de producirse o feito impeditivo e sen que a falta de notificación sexa óbice para a actuación do Colexio no caso de que teña noticia da concorrencia da causa de incapacidade por calquera outro medio.

2. A incapacidade, por calquera das causas anteriores, suporá pase automático do colexiado á condición de non exercente e desaparecerá cando finalice o cesamento da causa que a motivase que, no caso da sanción de expulsión, incluirá a rehabilitación prevista no presente estatuto e no artigo 13 do Estatuto xeral da avogacía.

3. No caso de ser obxecto da sanción disciplinaria de expulsión de calquera colexio da avogacía, a incapacidade non desaparecerá en tanto non medie rehabilitación do profesional da avogacía nos termos previstos nos estatutos do Colexio que impuxo a expulsión ou, na súa falta, no Estatuto xeral da avogacía ou nos presentes estatutos.

Artigo 24. Das incompatibilidades

1. O exercicio da avogacía é incompatible:

a) Co desempeño, en calquera concepto, de cargos, funcións ou empregos ao servizo do Poder Xudicial, da Administración estatal, autonómica ou local e das entidades de dereito público dependentes ou vinculadas a elas, cuxa normativa reguladora así o impoña.

As persoas exercentes que pasen a desempeñar cargos, funcións ou empregos públicos que consideren compatibles co exercicio da avogacía deberán solicitar o correspondente certificado de compatibilidade ao organismo ou ente no que desenvolva estas funcións. Así mesmo, deberá notificar o contido do citado certificado a este colexio profesional para os efectos de asegurar a compatibilidade das funcións.

b) Coa actividade de auditoría de contas nos termos legalmente previstos.

c) Con calquera outras actividades que se declaren incompatibles por normas con rango de lei.

2. As persoas exercentes non poderán manter vínculos asociativos de carácter profesional coas persoas afectadas polas incompatibilidades mencionadas no punto anterior, cando así o dispoña a lei. Tampouco poderán compartir locais, servizos nin actividades con elas cando poida poñerse en perigo o deber de segredo profesional.

3. Os profesionais da avogacía que incorran nalgunha das causas de incompatibilidade deberán cesar de inmediato no exercicio dunha das actividades incompatibles; no caso de facelo na avogacía, deberá formalizar a súa baixa como exercente no prazo máximo de quince días, mediante comunicación dirixida á Xunta de Goberno. Se non o fixese, a Xunta poderá suspenderlles preventivamente no exercicio da profesión, pasando automaticamente á condición de non exercente e acordando ao tempo incoar o correspondente expediente disciplinario.

Artigo 25. A perda da condición de persoa colexiada

1. A condición de persoa colexiada perderase:

a) Por falecemento.

b) Por baixa voluntaria.

c) Por deixar de satisfacer, reiteradamente, as cotas ordinarias, con falta de pagamento de doce mensualidades da cota obrigatoria, a cuxo pagamento viñese obrigado, ou as extraordinarias acordadas, así como as demais cargas colexiais a que viñese obrigado nos prazos establecidos por establecidos no Estatuto xeral da avogacía.

d) Por condena firme que leve consigo a pena principal ou accesoria de inhabilitación para o exercicio da profesión.

e) Por sanción de expulsión do Colexio acordada por resolución firme en expediente disciplinario.

2. A perda da condición de colexiado ou colexiada polas causas expresadas no punto anterior, será acordada pola Xunta de Goberno nunha resolución motivada que deberá ser notificada debidamente á persoa colexiada e comunicada ao Consello Xeral.

3. No caso do parágrafo c) do punto primeiro, os colexiados poderán rehabilitar os seus dereitos pagando o debido e os seus xuros ao tipo legal incrementado en dous puntos; cumprindo, se é o caso, os requisitos que poidan establecerse sobre o trámite de rehabilitación, de conformidade co disposto no artigo 12 do Estatuto xeral da avogacía.

Artigo 26. A reincorporación

1. As persoas colexiadas por propia iniciativa, cando causasen baixa por esta causa, e nos demais casos cando desaparecese a causa da baixa, poderán solicitar a súa reincorporación ao Colexio. Exceptúase a baixa por sanción de expulsión, nese caso unicamente procederá a rehabilitación nos termos establecidos no artigo seguinte.

2. A reincorporación quedará condicionada á acreditación de que se reúnen as condicións de exercicio ou que desapareceron as que o impedían e, se é o caso, ao aboamento das cotas pendentes de reincorporación que estableza a Xunta de Goberno.

3. Cando a causa de baixa fose a falta de pagamento de cotas, a reincorporación quedará condicionada ás cotas que resultasen sen pagar ata a data de baixa e xuros sinalados conforme o establecido no artigo anterior.

Artigo 27. A rehabilitación do profesional da avogacía expulsado

1. O profesional da avogacía que sufrise a sanción disciplinaria de expulsión poderá obter a rehabilitación para o exercicio da profesión cumprindo cos requisitos previstos nos puntos seguintes.

2. A rehabilitación do avogado expulsado exixirá o transcurso dun prazo de cinco anos desde que a sanción de expulsión fose executada e a acreditación de superar as actividades formativas que, en materia de deontoloxía profesional, estableza o Colexio, con carácter xeral, así como non incorrer en causa de indignidade ou desprezo dos valores e obrigacións profesionais e deontolóxicas.

3. A rehabilitación solicitarase á Xunta de Goberno do Colexio que impuxo a sanción de expulsión. Para resolver sobre a devandita solicitude, valoraranse as seguintes circunstancias:

a) Antecedentes penais posteriores á sanción de expulsión e sancións disciplinarias previas.

b) Transcendencia dos danos e perdas derivados da comisión da infracción sancionada, así como a súa reparación.

c) Calquera outra que permita apreciar a incidencia da conduta do avogado/a sobre o seu futuro exercicio da profesión.

4. As resolucións dos colexios polas que se denegue a rehabilitación solicitada deberán ser sempre motivadas e serán susceptibles dos recursos que se establezan por lei.

CAPÍTULO V

Dos dereitos e deberes das persoas integrantes do Colexio

Artigo 28. Dereitos e deberes fundamentais

1. É deber fundamental do membro da avogacía incorporado a este colexio, como partícipe da función pública da Administración de xustiza, é cooperar con ela asesorando, conciliando e defendendo en dereito os intereses que lle sexan confiados, con liberdade e independencia e de boa fe. En ningún caso, a tutela dos ditos intereses pode xustificar a desviación do fin supremo de xustiza á que a avogacía está vinculada. A defensa xurídica é unha obrigación profesional, tanto para a avogacía como para os avogados e avogadas, que se cumprirá axustándose a normas deontolóxicas.

2. Os avogados e as avogadas con ocasión do exercicio da profesión e en relación cos seus clientes, cos tribunais de xustiza, os demais poderes públicos, os compañeiros e compañeiras, as demais partes e calquera terceiros, gozarán dos dereitos e estarán suxeitos aos deberes que establezan as leis, o Estatuto xeral da avogacía española, o Código Deontolóxico aprobado polo Consello Xeral da avogacía Española, o Código Deontolóxico dos Avogados Europeos, os presentes estatutos e regulamentos internos do colexio, os acordos da Xunta de Goberno do Colexio e cantas normas regulen o Estatuto profesional da avogacía.

Artigo 29. Dos dereitos dos colexiados e das colexiadas

Son dereitos das profesionais da avogacía en relación co Colexio:

a) Participar na xestión corporativa e, polo tanto, exercer o dereito de petición, así como os de sufraxio activo e pasivo nas condicións establecidas no presente Estatuto, normas legais ou estatutarias.

O voto dos profesionais da avogacía exercentes terá dobre valor que o das persoas colexiadas non exercentes.

b) Solicitar do Colexio a protección da súa independencia e liberdade de actuación profesional, a consideración debida á avogacía, a salvagarda do segredo profesional e a protección do dereito e deber de defensa nos supostos nos que se vexan limitados ou perturbados por calquera causa. Corresponderá á Xunta de Goberno determinar en cada caso a extensión e forma do amparo concedido, así como a súa denegación.

c) Participar nas actividades que promova o Colexio e utilizar as dependencias e servizos colexiais nos termos establecidos pola Xunta de Goberno.

d) Á formación profesional continuada ofrecida polo Colexio, así como expor, á Xunta de Goberno, as suxestións relacionadas con xornadas e cursos sobre materias de interese para todas as persoas colexiadas.

e) Solicitar información respecto dos asuntos de interese xeral que se traten nos órganos colexiais e dos acordos adoptados sen prexuízo da publicidade que a estes se lles de institucionalmente.

f) Igualmente son dereitos corporativos, para todos os efectos, aqueles que, se é o caso deriven da normativa ou regulación de rango superior de aplicación, así como calquera outros recollidos nos presentes estatutos, nos regulamentos internos, os outorgados polo Estatuto xeral da avogacía española e demais normas aplicables.

Artigo 30. Deberes dos membros do Colexio

Son deberes dos colexiados e colexiadas en relación co Colexio:

a) Cumprir o disposto nestes estatutos, no Estatuto xeral da avogacía española, o Estatuto do Consello da avogacía Galega, nas leis e demais normas de aplicación estatal, autonómicas e corporativas.

b) Comunicar ao Colexio o domicilio profesional, unha conta de correo electrónico, os cambios destes e demais datos de interese profesional; o enderezo e o correo designados serán os utilizados polo Colexio para os efectos de notificacións e comunicacións que tamén se poderán realizar a través da sede electrónica ou sistema similar que o Colexio implante.

c) Estar ao día no pagamento das cotas, ordinarias e extraordinarias, e sufragar todas as condicións económicas de carácter fiscal, corporativo ou de calquera outra índole á que a profesión se encontre suxeita, levantando as cargas comúns na forma e tempo que legal ou estatutariamente se fixen, calquera que sexa a súa natureza.

Para ese efecto considéranse cargas corporativas todas as impostas polo Colexio, o Consello da avogacía Galega, e o Consello Xeral da avogacía Española, así como as correspondentes á súa previsión social, xa sexa á mutualidade da avogacía ou ao réxime da Seguridade Social.

No suposto de incumprimento no pagamento de cotas, ordinarias ou extraordinarias, o Colexio requirirá previamente o pagamento ao colexiado ou colexiada, e, de non atender o requirimento efectuado, acordarase a baixa da persoa colexiada a teor do establecido nos presentes estatutos.

d) Denunciar ao Colexio todo acto de intrusionismo que chegue ao seu coñecemento, así como os casos de exercicio ilegal, tanto por falta de colexiación nun Colexio da avogacía, como por darse os supostos de incompatibilidade, suspensión ou inhabilitación ou prohibición.

e) Manter como materia reservada as conversacións e correspondencia mantidas cos profesionais da avogacía contrarios, con prohibición de revelalos ou presentalos en xuízo sen o seu previo consentimento. Excepcionalmente, e por causa grave, a Xunta de Goberno do Colexio poderá discrecionalmente autorizar a súa revelación ou presentación en xuízo sen o devandito consentimento previo. En todo caso, haberá que aterse ao disposto no Estatuto xeral da avogacía e no Código deontolóxico.

f) Denunciar ao Colexio os agravios que xurdan ou presencie no exercicio profesional como calquera atentado á liberdade, independencia ou dignidade de calquera integrante do Colexio no exercicio das súas funcións.

g) Tentar a solución amigable como trámite previo á acción xudicial naqueles asuntos nos que lle sexa encomendada a súa dirección xurídica e que afecten os intereses materiais e á honra doutro compañeiro.

h) Poñer en coñecemento previo da Xunta de Goberno, a efectos da intervención do Decano/a, se iso fose posible e pertinente, a intención de interpoñer, en nome propio ou do cliente, unha acción de responsabilidade civil ou penal contra outro avogado/a derivada do exercicio profesional.

i) O avogado ou avogada a quen se encargue a dirección profesional dun asunto encomendado a outro compañeiro deberá comunicarllo -o que tradicionalmente se coñece como substitución que nunca poderá denegarse-, a este nalgunha maneira que permita a constancia da recepción, acreditando recibir a encarga do cliente e antes de realizar calquera intervención.

O ou a profesional da avogacía substituído, o máis axiña posible, deberá xustificar a recepción da comunicación, poñer ao dispor do compañeiro a documentación relativa ao asunto que conste no seu poder e proporcionarlle os datos e informacións que sexan necesarios.

j) Os demais recollidos no Estatuto xeral da avogacía española, o Código deontolóxico e demais normas legais e estatutarias.

Artigo 31. Dos dereitos e deberes en relación cos tribunais

1. Son obrigacións das persoas colexiadas para cos órganos xurisdicionais a probidade, lealdade e veracidade en canto ao fondo das súas declaracións e manifestacións e o respecto en canto á forma da súa intervención aos devanditos órganos, outros operadores xurídicos e ao resto de profesionais da avogacía defensores das demais partes.

As persoas colexiadas comparecerán ante os tribunais vestindo toga, sen distintivo de ningunha clase salvo o colexial e adecuarán a súa indumentaria á dignidade e prestixio da toga que visten e ao respecto á xustiza.

2. Os profesionais da avogacía terán dereito a intervir sentados ante os tribunais de calquera xurisdición, tendo diante de si unha mesa e nos asentos situados dentro do estrado, ao mesmo nivel no que se achen instalados os do tribunal ante quen actúe, a ambos lados da mesa que o tribunal ocupe, de modo que non dean as costas ao público e con igual trato que o Ministerio Fiscal ou a avogacía do Estado.

3. O colexiado ou a colexiada actuante poderá designar un compañeiro ou compañeira en exercicio que lle auxilie ou substitúa no acto da vista ou xuízo ou en calquera outra dilixencia xudicial, bastando para a substitución a declaración do avogado ou a avogada substituta feita baixo a súa propia responsabilidade.

4. As persoas colexiadas que se achen procesadas, inculpadas ou encartadas e se defendan a si mesmos ou colaboren na súa defensa, usarán toga e ocuparán o sitio establecido para os letrados e letradas.

5. Os avogados e avogadas esperarán un tempo prudencial sobre a hora sinalada polos órganos xudiciais para as actuacións nas que deban intervir, unha vez transcorrido, sen causa xustificada, formularán a pertinente queixa ante o mesmo órgano. Así mesmo, deberán denunciar o atraso ante a Xunta de Goberno do Colexio para que poida adoptar as medidas e realizar xestións pertinentes.

Artigo 32. Os dereitos e deberes en relación coas partes

1. O ou a profesional da avogacía debe facilitar ao cliente o seu nome, número de identificación fiscal, Colexio ao que pertence e número de colexiado, domicilio profesional e medio para poñerse en comunicación con el ou co seu despacho, incluíndo a vía electrónica.

Cando se trate dunha sociedade profesional ou despacho colectivo, deberá informar o cliente da súa denominación, forma, datos de rexistro, réxime xurídico, código de identificación fiscal, enderezo ou sede desde a que se presten os servizos e medios de contacto, incluíndo a vía electrónica.

2. Son obrigacións do profesional para coa parte cuxa defensa asuma, ademais das que se deriven da relación contractual que pactasen, a do cumprimento da misión de defensa que lle sexa encomendada, co máximo celo e dilixencia e gardando o segredo profesional. No desempeño desta función, aterase ás exixencias técnicas, deontolóxicas e éticas adecuadas á tutela xurídica de cada asunto.

3. Deberán realizar dilixentemente as actividades que lle impoña a defensa do asunto confiado para o que poderá auxiliarse de colaboradores e outros compañeiros.

4. Se non lle interesase continuar dirixindo o seu cliente, virá obrigado a facerlle saber a súa renuncia coa antelación necesaria para que non queden indefensos os intereses que lle foron confiados.

5. O avogado ou a avogada deberá devolver ao seu cliente puntualmente a documentación que lle confiase á terminación da relación contractual. Tamén deberá entregar, logo de petición, fotocopia dos escritos e resolucións relacionados co asunto encomendado, con gastos por conta do cliente, así como facilitar a información complementaria descrita no Estatuto xeral da avogacía e nas demais normas legais e estatutarias.

6. O avogado ou avogada ten obrigación de dispensar, para coa parte contraria, un trato considerado e cortés, así como absterse de calquera acto ou omisión que determine unha lesión inxusta.

Artigo 33. Do exercicio individual, colectivo e multiprofesional

1. A avogacía poderá exercerse nas formas previstas no Estatuto xeral da avogacía española e na lexislación vixente.

2. As sociedades profesionais deberán inscribirse no rexistro de sociedades profesionais que o Colexio ten creado para o efecto e terán as mesmas obrigacións, que o resto dos membros colexiados coas particularidades que lle sexan propias.

3. Os deberes de información e identificación que establece o Estatuto xeral da avogacía española recaen tamén sobre as sociedades multidisciplinares nas que son socios profesionais avogados ou avogadas.

4. Igualmente, o segredo profesional incumbe tamén as sociedades de avogados e avogadas, os despachos colectivos e as sociedades multidisciplinares con participación de profesionais da avogacía.

5. O Colexio exercerá sobre as sociedades profesionais que estean inscritas as mesmas competencias que se lle atribúen en relación ás persoas colexiadas, especialmente no relativo á deontoloxía e á potestade disciplinaria.

6. Na folla de encarga profesional deben figurar os datos de identificación das sociedades profesionais, dos despachos colectivos e das sociedades multidisciplinares, se é o caso.

7. Na denominación subxectiva ou obxectiva dos despachos colectivos deberá figurar a denominación «despacho colectivo» e a forma de agrupación elixida.

Artigo 34. Da substitución

1. A substitución na defensa ou no asesoramento rexerase polas normas contidas no Estatuto xeral da avogacía española, no Código deontolóxico e no presente estatuto.

2. As obrigacións que impoñen son exixibles no ámbito do Colexio e de necesario cumprimento tanto nos asuntos xudiciais como extraxudiciais, defensa, asesoramento e xestión e mentres conste que haxa un asunto encargado antes a outro compañeiro ou compañeira, mesmo cando o cliente teña comunicado o seu cesamento.

Artigo 35. Honorarios profesionais

1. Os profesionais da avogacía teñen dereito a unha compensación económica adecuada polos servizos prestados, así como ao reintegro dos gastos que se lle causasen. O avogado ou a avogada, tan pronto como conten cos datos necesarios para o efecto, deberán informar o cliente sobre os honorarios correspondentes á súa actuación profesional e os criterios que pretendan utilizar para determinar a súa cuantificación.

2. A contía dos honorarios será libremente convida co cliente e debe ser obxecto de acordo previo a través da utilización da folla de encarga ou medio equivalente. O profesional da avogacía ou a sociedade profesional deberán entregar a factura ao cliente.

3. Os profesionais pertencentes ao Ilustre Colexio de avogacía de Lugo fixarán os seus honorarios profesionais en réxime de liberdade e de libre competencia, sen incorrer en competencia desleal co resto dos compañeiros.

4. Respecto das custas recobradas de terceiros haberá que aterse ao que libremente acorden as partes que, na falta de pacto expreso, deberán ser satisfeitas efectivamente ao profesional.

5. O Colexio elaborará uns criterios orientadores de honorarios para os exclusivos efectos de taxación de custas e de xura de contas. En todo caso, a interpretación dos devanditos criterios orientadores de honorarios corresponderá á Xunta de Goberno do Colexio.

6. O Colexio poderá percibir os dereitos económicos que se fixen, no futuro, por laudos, ditames xudiciais ou extraxudiciais e informes en materia de fixación de honorarios ou nas súas impugnacións.

7. A Xunta de Goberno do Colexio poderá adoptar medidas disciplinarias contra os letrados ou letradas que habitual e temerariamente impugnen as minutas dos seus compañeiros, así como contra os e as profesionais cuxos honorarios sexan declarados reiteradamente excesivos ou indebidos.

Artigo 36. Función arbitral da Xunta de Goberno

A Xunta de Goberno exercerá a función arbitral respecto dos honorarios cando o someta, por escrito, o colexiado ou colexiados interesados ou a parte que deba satisfacer os honorarios; todo iso sen prexuízo das facultades que competen aos tribunais de xustiza conforme as leis procesuais.

En todo caso, co fin de evitar as impugnacións e a intervención xudicial, o avogado ou avogada da parte que obtivese a condena en custas verase obrigado inescusablemente a poñer en coñecemento do compañeiro defensor da parte condenada o importe da minuta dos seus honorarios debidamente.

O letrado ou letrada obrigatoriamente informará o seu compañeiro ou compañeira, se atopa ou non a minuta axustada ás normas e, por tanto, se a acepta ou non para o seu aboamento, e expoñerá, se é o caso, as razóns que fundamenten a oposición. Se a contestación fose considerada satisfactoria, o profesional da parte que obtivese a condena expresará a conformidade por escrito.

Se a contestación non fose considerada satisfactoria e non houbese posibilidade de conciliación entre os compañeiros ou a parte que obtivese a condena, elevará copia da súa minuta e o escrito que provocase a oposición, á Xunta de Goberno; e esta, tras a audiencia dos nomeados profesionais da avogacía, que terá lugar nos trinta días hábiles seguintes contados desde a recepción dos ditos documentos, emitirá ditame no prazo de quince días tamén hábiles contados desde esta audiencia.

Artigo 37. Da asistencia xurídica gratuíta

O Colexio ditará normas que regulen a prestación dos servizos no seu ámbito territorial, velará polo cumprimento das obrigacións profesionais na prestación do servizo do mesmo xeito que exixirá as responsabilidades ás que houbese lugar conforme a lexislación vixente, ás establecidas no Estatuto xeral da avogacía e demais normas de aplicación.

TÍTULO III

Réxime de responsabilidade dos profesionais da avogacía e das sociedades profesionais

CAPÍTULO I

Responsabilidade disciplinaria

Artigo 38. Da responsabilidade civil, penal e administrativa

1. As persoas integrantes dun colexio da avogacía e as sociedades profesionais están suxeitas á responsabilidade penal polos delitos que cometan no exercicio da súa actividade profesional.

2. Os profesionais da avogacía e as sociedades profesionais, no seu exercicio profesional, están suxeitas á responsabilidade civil cando, por dolo ou neglixencia, danen os intereses cuxa defensa lles foi confiada; responsabilidade que será exixible conforme a lexislación ordinaria ante os tribunais de xustiza, podendo establecerse legalmente o seu aseguramento obrigatorio.

3. Os avogados, avogadas ou a sociedade profesional que reciba a encarga de promover actuacións de calquera clase contra outro ou outra sobre responsabilidades relacionadas co exercicio profesional deberán informar o decano ou decana, con carácter previo, para que poida realizar un labor de mediación se a considera oportuna.

Artigo 39. Da responsabilidade disciplinaria

1. O decano ou decana e a Xunta de Goberno é competente para o exercicio da potestade disciplinaria nos termos que prevén as normas legais e estatutarias sobre a materia.

2. As persoas integrantes do Colexio e as sociedades profesionais que, no exercicio da profesión, incumpran os deberes previstos nos presentes sstatutos, o Estatuto xeral da avogacía, o Código deontolóxico e as demais normas de aplicación á profesión, incorrerán en responsabilidade disciplinaria sen prexuízo de calquera outra responsabilidade penal, civil ou administrativa que proceda.

3. O exercicio da potestade sancionadora respecto dos profesionais da avogacía integrantes do Colexio e as sociedades profesionais corresponde á Xunta de Goberno e esténdese a todas as accións ou omisións susceptibles de sanción que teñan lugar no seu ámbito territorial, aínda cando se trate de avogados, avogadas ou sociedades profesionais incorporados a outros colexios. A Xunta de Goberno é igualmente o órgano encargado de executar as sancións impostas, unha vez firmes.

4. A potestade disciplinaria cando recaia sobre membros da Xunta de Goberno haberá que aterse ao previsto no Estatuto xeral da avogacía española e Estatuto do Consello da avogacía Galega, salvo que a lexislación autonómica ou as normas estatutarias establezan outra cousa.

5. A tipificación das infraccións disciplinarias e as sancións correspondentes, o procedemento contraditorio a seguir para o seu exame e imposición, así como o réxime de cancelación e rehabilitación, rexerase polo disposto nas leis que regulen as profesións tituladas e os colexios profesionais, o Estatuto xeral da avogacía española, os códigos deontolóxicos e o Regulamento de procedemento disciplinario aprobado polo Consello Xeral da avogacía Española, ou outras normas de aplicación ou que, se é o caso, o substituan.

6. As sancións disciplinarias faranse constar no expediente persoal da persoa integrante do Colexio ou sociedade profesional, ata que proceda a súa cancelación.

7. Todas as sancións disciplinarias graves e moi graves que leven a suspensión temporal no exercicio da avogacía ou a expulsión do Colexio, comunicaranse ao Consello Xeral da avogacía Española, Consello da avogacía Galega e, de ser o caso, ao Ministerio de Xustiza para a súa efectividade.

8. As sancións disciplinarias corporativas faranse constar, en todo caso, no expediente persoal do colexiado, colexiada ou, se é o caso, da sociedade profesional.

Artigo 40. Potestade disciplinaria

1. O decano ou decana e a Xunta de Goberno son competentes para o exercicio da xurisdición disciplinaria que se estenderá á sanción de infracción de deberes profesionais ou normas éticas de conduta en canto afecten a profesión.

2. A responsabilidade disciplinaria declararase logo de formación de expediente seguido polos trámites que se especifiquen no Estatuto xeral da avogacía española e o Regulamento de procedemento disciplinario, cando se trate de faltas graves ou moi graves. As faltas leves serán sancionadas pola Xunta de Goberno ou polo decano ou decana do Colexio, mediante expediente, limitado á audiencia ou descarga do inculpado.

3. As correccións que poderán aplicarse aos avogados e avogadas en exercicio serán as seguintes:

a) Apercibimento por escrito.

b) Multa pecuniaria.

c) Suspensión do exercicio da avogacía.

d) Expulsión do Colexio.

4. Os colexiados/as non exercentes quedan sometidos a idénticas responsabilidades disciplinarias en todo aquilo que lles sexa de aplicación en relación á súa actuación colexial.

5. As sancións que poderán impoñerse aos profesionais da avogacía que sexan titores de prácticas externas dos cursos ou másteres de acceso á profesión son as contidas no Estatuto xeral da avogacía española.

6. As sancións aos profesionais da avogacía na quenda de oficio por infraccións cometidas no desempeño da defensa na quenda de oficio serán as que prevé o Estatuto xeral da avogacía e demais normas legais de aplicación.

Artigo 41. Principio de proporcionalidade

A imposición de calquera sanción gardará a debida adecuación entre a gravidade do feito constitutivo da infracción e a sanción aplicada. Para tal fin considerarase, en todo caso, a existencia de reincidencia e reiteración, tendo especialmente en conta a natureza e entidade dos prexuízos causados a terceiros ou á profesión.

Artigo 42. Suspensión de exercicio profesional ou expulsión

1. O acordo de suspensión por máis de seis meses ou expulsión deberá ser tomado exclusivamente pola Xunta de Goberno, mediante votación secreta e coa conformidade das dúas terceiras partes dos membros compoñentes daquela.

2. A esta sesión están obrigados a asistir todos os membros da Xunta, salvo causa xustificada.

CAPÍTULO II

Das infraccións e sancións correspondentes aos profesionais da avogacía

Artigo 43. Infraccións

Son infraccións disciplinarias as condutas contidas no Estatuto xeral da avogacía española, no presente estatuto e nos códigos deontolóxicos. As infraccións que poidan levar aparellada sanción disciplinaria clasifícanse en moi graves, graves e leves.

Artigo 44. Infraccións moi graves

Son infraccións moi graves dos profesionais da avogacía:

a) A condena en sentenza firme por delitos dolosos, en calquera grao de participación, como consecuencia do exercicio da profesión.

b) A condena en sentenza firme a penas graves conforme o artigo 33.2 do Código penal.

c) O exercicio da profesión na vulneración de resolucións administrativas ou xudiciais firmes de inhabilitación ou prohibición do exercicio profesional.

d) A colaboración ou o encubrimento do intrusionismo profesional.

e) O exercicio da profesión estando incurso en causa de incompatibilidade.

f) A vulneración do deber de segredo profesional cando a concreta infracción non estea tipificada de forma específica.

g) A renuncia ou o abandono da defensa que lle fose confiada cando se cause indefensión ao cliente.

h) A negativa inxustificada a realizar as intervencións profesionais que se establezan por lei, conforme o previsto no artigo 17 do Estatuto xeral.

i) A defensa de intereses contrapostos cos do propio profesional da avogacía ou cos do despacho do que formase parte ou co que colabore.

j) A indebida percepción de honorarios, dereitos ou beneficios económicos polos servizos derivados da Lei 1/1996, do 10 de xaneiro.

k) A retención ou apropiación de cantidades correspondentes ao cliente e recibidas por calquera concepto.

l) A apropiación ou retención de documentos ou arquivos relativos a clientes do despacho no que estivese integrado previamente, salvo autorización expresa do cliente.

m) O quebrantamento das sancións impostas.

n) A publicidade de servizos profesionais con incumprimento dos requisitos do artigo 20 do Estatuto xeral da avogacía.

Artigo 45. Infraccións graves

Son infraccións graves dos profesionais da avogacía:

a) A vulneración dos deberes deontolóxicos nos casos seguintes:

I. A infracción dos deberes de confidencialidade e das prohibicións que protexen as comunicacións entre profesionais nos termos establecidos no artigo 23 do Estatuto xeral.

II. O incumprimento dos compromisos formalizados entre compañeiros, verbalmente ou por escrito, no exercicio das súas funcións profesionais.

III. A falta de respecto debido á realización de alusións persoais de menosprezo, ou descrédito, no exercicio da profesión, a outro profesional da avogacía ou ao seu cliente.

IV. A indución inxustificada ao cliente a non aboar os honorarios devindicados por un compañeiro ou compañeira no caso de substitución ou cambio de profesional da avogacía.

V. A retención de documentación dun cliente contra as súas expresas instrucións.

VI. A falta de remisión da documentación correspondente ao profesional da avogacía que lle substitúa na dirección letrada dun asunto.

VII. A citación dun profesional da avogacía como testemuña de feitos relacionados coa súa actuación profesional.

b) A publicidade de servizos profesionais con incumprimento dos requisitos do artigo 20 do Estatuto xeral, salvo o previsto no artigo 124.n), en relación co artigo 20.2.c) do devandito texto.

c) O incumprimento dos deberes de identificación e información que se recollen nos artigos 48 e 49 do Estatuto xeral.

d) O incumprimento das obrigacións en materia de reclamacións recollidas no artigo 52 do Estatuto xeral.

e) A falta de respecto debido a quen interveña na Administración de xustiza.

f) A falta de pagamento das cotas colexiais, sen prexuízo da baixa no Colexio polo dito motivo.

g) A falta de respecto debido á incomparecencia inxustificada ás citacións efectuadas, baixo apercibimento, polos membros dos órganos corporativos ou de goberno da avogacía no exercicio das súas funcións.

h) A falta de cumprimento das súas funcións como membros de órganos de goberno corporativo que impida ou dificulte o seu correcto funcionamento.

i) A condena penal firme pola comisión de delitos leves dolosos como consecuencia do exercicio da profesión.

j) A defensa de intereses en conflito cos doutros clientes do profesional da avogacía ou despacho do que formase parte ou co que colaborase, en vulneración do establecido no artigo 51 do Estatuto da avogacía española.

k) O incumprimento inxustificads da encarga contida na designación realizada polo Colexio da avogacía en materia de asistencia xurídica gratuíta.

l) O incumprimento da obrigación de comunicar a substitución na dirección profesional dun asunto ao compañeiro substituído, nos termos previstos no artigo 60 do Estatuto xeral.

m) A relación ou comunicación coa parte contraria cando lle conste que está representada ou asistida por outro profesional da avogacía, salvo a súa autorización expresa.

n) O abuso da circunstancia de ser o único profesional da avogacía interveniente causando unha lesión inxusta.

ñ) A incomparecencia inxustificada a calquera dilixencia xudicial, sempre que cause un prexuízo aos intereses cuxa defensa lle foi confiada.

o) O pagamento, cobranza, exixencia ou aceptación de comisións ou outro tipo de compensación doutro profesional da avogacía ou de calquera persoa, infrinxindo as normas legais sobre competencia ou as reguladoras da deontoloxía profesional.

p) A negativa ou o atraso inxustificado a render contas da encarga profesional ou a facer a correspondente liquidación de honorarios e gastos que lle sexa exixida polo cliente.

q) A compensación de honorarios con fondos do cliente que non fosen recibidos como provisión sen o seu consentimento.

r) A falsa atribución dunha encarga profesional.

s) A embriaguez ou consumo de drogas cando afecten o exercicio da profesión.

t) A falta de contratación de seguro ou garantía cando a obrigación de contar co devandito réxime de garantía para cubrir as responsabilidades por razón do exercicio profesional así estea prevista por lei.

u) A falta de respecto e consideración aos membros da Xunta de Goberno, delegados, representantes ou calquera profesional que actúe en nome da corporación, incluído o persoal do Colexio.

v) Os demais actos ou omisións que constitúan ofensa grave á dignidade da profesión e ás regras que a gobernan, conforme o establecido no presente Estatuto xeral e outras normas legais.

Artigo 46. Infraccións leves

Son infraccións leves dos profesionais da avogacía:

a) Ofender levemente en calquera comunicación privada oral ou escrita ao profesional da avogacía da parte contraria, sempre que non transcendese a ofensa.

b) Comprometer nas súas comunicacións e manifestacións co profesional da avogacía da parte contraria ao propio cliente con comentarios ou manifestacións que poidan causarlle desprestixio.

c) Impugnar reiterada e inxustificadamente os honorarios doutros profesionais da avogacía.

d) Non atender coa debida dilixencia as visitas, comunicacións escritas ou telefónicas doutros profesionais da avogacía.

e) Non comunicar oportunamente ao Colexio o cambio de domicilio profesional ou calquera outra circunstancia persoal que afecte a súa relación con aquel.

f) Non consignar no primeiro escrito ou actuación a súa identificación o Colexio ao que estivese incorporado e o número de colexiado.

g) Non atender coa dilixencia debida os asuntos derivados da quenda de oficio, cando o incumprimento non constitúa infracción grave ou moi grave.

h) Calquera outros incumprimentos do previsto no Estatuto xeral da avogacía española ou no Código deontolóxico, cando non constitúan infracción grave ou moi grave.

Artigo 47. Sancións para os profesionais da avogacía

1. Pola comisión de infraccións moi graves, atendendo a criterios de proporcionalidade, poderá impoñerse a expulsión do Colexio ou a suspensión do exercicio da avogacía por prazo superior a un ano sen exceder os dous.

2. Pola comisión de infraccións graves poderá impoñerse a sanción de suspensión do exercicio da avogacía por un prazo superior a quince días sen exceder un ano ou multa pecuniaria por importe de entre 1.001 e 10.000 euros.

3. Pola comisión de infraccións leves poderá impoñerse a sanción de apercibimento escrito ou suspensión do exercicio da avogacía por un prazo non superior a quince días, ou multa pecuniaria por importe de ata 1.000 euros.

4. As sancións que se impoñan por infraccións graves ou moi graves relacionadas con actuacións desenvolvidas na prestación dos servizos da quenda de oficio, levarán aparellada, en todo caso, a exclusión do profesional da avogacía dos devanditos servizos por un prazo mínimo de seis meses e inferior a un ano se a infracción fose grave e de entre un e dous anos se fose moi grave.

Nos supostos de infraccións leves, poderá impoñerse tamén a exclusión do profesional da avogacía dos ditos servizos por un prazo non superior a seis meses.

Incoado un expediente disciplinario como consecuencia dunha denuncia formulada por un usuario dos servizos de asistencia xurídica gratuíta, cando a gravidade do feito denunciado o aconselle, poderá acordarse a separación cautelar do servizo do profesional da avogacía presuntamente responsable por un período máximo de seis meses ata que o expediente disciplinario se resolva.

Artigo 48. Regra xeral sobre infraccións e sancións a sociedades profesionais

1. A sociedade profesional poderá ser sancionada nos termos previstos no Estatuto xeral da avogacía española.

2. As sociedades profesionais poderán ser sancionadas, de acordo co Estatuto xeral da avogacía española, polas infraccións cometidas polos avogados que as integran, cando resulte acreditada a súa responsabilidade concorrente, como partícipes ou encubridores, na comisión das devanditas infraccións. Presumirase que existe esa responsabilidade concorrente cando as infraccións se cometeron por conta e en proveito da sociedade profesional os seus administradores ou quen, seguindo as súas instrucións, a represente. Nestes supostos considerarase a infracción da sociedade profesional como da mesma clase que a cometida polo avogado para efectos de aplicar a sanción correspondente.

3. Igualmente poderán ser sancionadas as sociedades profesionais pola realización de condutas directamente imputables á sociedade que se atopen tipificadas como infraccións para os avogados ou avogadas, graduándose as infraccións conforme o previsto no Estatuto xeral da avogacía española.

4. As infraccións e sancións para as sociedades profesionais son as fixadas e establecidas no Estatuto xeral da avogacía española e demais normas de aplicación.

CAPÍTULO III

Procedemento sancionador

Artigo 49. Do procedemento

1. O procedemento disciplinario tramitarase de acordo co Regulamento de réxime disciplinario do Consello Xeral da avogacía Española e, se é o caso, con outros regulamentos que poidan ser de aplicación.

2. As sancións disciplinarias só poderán impoñerse en virtude de procedemento instruído para o efecto no que se lle garantan ao interesado os dereitos para ser notificado dos feitos que se lle imputan, formular alegacións e utilizar os medios de defensa admitidos polo ordenamento xurídico que resulten procedentes.

3. O procedemento iniciarase de oficio, por acordo do órgano competente, ben por propia iniciativa ou como consecuencia de denuncia.

4. Con anterioridade ao acordo de iniciación, o órgano competente poderá abrir un período de información previa co fin de determinar se procede ou non iniciar o procedemento sancionador. No caso en que se acorde o seu inicio, deberase nomear un instrutor de entre os membros da Xunta de Goberno, da Comisión Deontolóxica, colexiados que formasen parte da Xunta de Goberno ou con máis de dez anos de exercicio.

5. A Xunta de Goberno e o decano ou decana poderán delegar as súas facultades de instrución de expediente disciplinario e de proposta de resolución no órgano que se poida crear para tal fin. A resolución do expediente ou o acordo de imposición de sanción corresponderá, en todo caso, á Xunta de Goberno.

6. O procedemento tramitarase de conformidade co establecido na lexislación administrativa básica e normas que a desenvolvan, así como no disposto pola normativa autonómica e corporativa. No caso de infraccións leves aplicarase un procedemento simplificado. O prazo máximo no que debe ditarse e notificarse a resolución expresa será o previsto nas leis, salvo que poida establecerse outro diferente por norma regulamentaria.

Artigo 50. Execución das sancións

1. As sancións disciplinarias serán executivas unha vez que sexan firmes en vía administrativa.

2. A Xunta de Goberno remitirá ao Consello Xeral da avogacía e ao Consello da avogacía Galega testemuño dos seus acordos de sanción nos expedientes sobre responsabilidade disciplinaria dos avogados por faltas graves e moi graves.

3. A execución das sancións de multa pecuniaria será concretada regulamentariamente. Poderanse alcanzar acordos de colaboración entre colexios para facer efectiva a súa execución cando fose imposta a un profesional da avogacía incorporado a outro colexio.

Artigo 51. Extinción da responsabilidade disciplinaria dos profesionais da avogacía

1. A responsabilidade disciplinaria dos colexiados extínguese polo cumprimento da sanción, o falecemento, a prescrición da infracción e a prescrición da sanción. No suposto no que a sanción imposta fose a de expulsión do colexio deberá aterse ao establecido no presente estatuto e ao disposto no artigo 13 do Estatuto xeral da avogacía en materia de rehabilitación.

2. A baixa no Colexio non extingue a responsabilidade disciplinaria contraída durante o período de alta, senón que se concluirá o procedemento disciplinario e se acordará a sanción que corresponda. No suposto no que a sanción non poida facerse efectiva quedará en suspenso para ser cumprida se o sancionado causase novamente alta no Colexio.

Artigo 52. Prescrición das infraccións

1. As infraccións moi graves prescribirán aos tres anos, as graves aos dous anos e as leves aos seis meses.

2. O prazo de prescrición das infraccións comezará a contarse desde o día no que a infracción se cometiese. Interromperá a prescrición a iniciación, con coñecemento do interesado, do procedemento sancionador.

En todo caso, renovarase o cómputo do prazo de prescrición se o procedemento permanecese paralizado durante máis dun mes por causa non imputable ao colexiado.

Artigo 53. Prescrición das sancións

1. As sancións impostas por infraccións moi graves prescribirán aos tres anos; as impostas por infraccións graves aos dous anos; e as impostas por infraccións leves aos seis meses.

2. O prazo de prescrición das sancións comezará a contar desde o día seguinte a aquel en que poidan ser executadas. Interromperá a prescrición a iniciación, con coñecemento do interesado, do procedemento de execución, e volverá transcorrer o prazo se aquel está paralizado durante máis dun mes por causa non imputable ao infractor.

3. O prazo de prescrición da sanción, cando o sancionado quebrante o seu cumprimento, comezará a contar desde a data do quebrantamento.

Artigo 54. Cancelación da anotación das sancións no expediente persoal do profesional da avogacía

1. As sancións disciplinarias corporativas faranse constar, en todo caso, no expediente persoal do colexiado ou colexiada.

2. A anotación das sancións no expediente persoal do profesional da avogacía cancelarase cando transcorresen os seguintes prazos sen que aquel incorrese en nova responsabilidade disciplinaria: seis meses no caso de sancións de apercibimento, suspensión do exercicio da avogacía por un prazo non superior a quince días ou multa pecuniaria de ata 1.000 euros; un ano no caso de sanción de suspensión superior a quince días sen exceder un ano ou multa pecuniaria entre 1.001 e 10.000 euros; tres anos no caso de sanción de suspensión por prazo superior a un ano sen exceder os dous anos; e cinco anos no caso de expulsión.

3. Estes prazos computaranse desde o día seguinte ao cumprimento da sanción.

4. A cancelación da anotación poderá facerse de oficio ou por pedimento dos sancionados.

5. A Xunta de Goberno remitirá ao Consello Xeral da avogacía e ao Consello da avogacía Galega testemuño dos expedientes de rehabilitación de que coñeza.

TÍTULO IV

Dos órganos de goberno do colexio. Estrutura e funcións

CAPÍTULO I

Dos órganos de goberno do Colexio

Sección Primeira. Disposicións xerais

Artigo 55. Principios reitores e órganos de goberno

1. O goberno do Colexio está presidido polos principios de democracia, autonomía, participación colexial, transparencia e igualdade entre mulleres e homes.

2. Son os seus órganos de goberno o decano ou decana, a Xunta de Goberno e a Xunta Xeral.

3. Na súa organización e funcionamento, os órganos colexiais réxense pola lei, os presentes estatutos e o resto do ordenamento xurídico aplicable.

Artigo 56. Da transparencia

1. O Colexio está suxeito á Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, ou a lexislación que a substitúa, na súa condición de corporación de dereito público, no relativo ás súas actividades suxeitas a dereito administrativo.

2. A Xunta de Goberno será o órgano responsable do cumprimento das obrigacións de publicidade activa establecidas na lei, así como de garantir o exercicio do dereito de acceso á información pública nos termos establecidos nesta.

3. O Colexio disporá dunha páxina web para que, a través do portal único previsto na Lei 17/2009, do 23 de novembro, reguladora do libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, os profesionais da avogacía e as sociedades profesionais poidan realizar todos os trámites necesarios para a súa colexiación, exercicio e baixa no Colexio por vía electrónica e a distancia, facilitando ademais a información necesaria respecto diso. Tamén poderán, a través do portal único, convocar os colexiados ás xuntas xerais e poñer no seu coñecemento a actividade do Colexio, sen prexuízo de que poidan utilizar, adicionalmente ou de forma exclusiva, outros medios.

Especificamente, a través de portal único, os profesionais poderán, de forma gratuíta:

a) Obter toda a información e os formularios necesarios para o acceso e exercicio da avogacía.

b) Presentar toda a documentación e solicitudes, incluíndo a de colexiación.

c) Coñecer o estado de tramitación dos procedementos nos que teñan a condición de interesado, así como recibir a correspondente notificación dos preceptivos actos de trámite e das resolucións dos procedementos.

Así mesmo, para facer eficaz unha mellor defensa dos dereitos dos consumidores e usuarios, o Colexio ofrecerá, a través do portal único e de forma clara, inequívoca e gratuíta, a seguinte información:

a) O acceso ao rexistro de colexiados, que deberá atoparse permanentemente actualizado e no que constarán os nomes e apelidos dos profesionais da avogacía, número de colexiación, títulos oficiais dos que estean en posesión, domicilio profesional e situación de habilitación profesional e a denominación social das sociedades profesionais.

b) As vías de reclamación e, se é o caso, os recursos que poden interpoñerse cando se produza un conflito entre o consumidor ou usuario e un colexiado ou entre aquel e o colexio respectivo.

c) Os datos das asociacións ou organizacións de consumidores e usuarios ás que os destinatarios dos servizos profesionais poden dirixirse para obter asistencia. Esta información poderá proporcionarse a través dunha ligazón coa páxina web da Administración pública competente.

d) O acceso ao rexistro de sociedades profesionais que terá o contido descrito no artigo 8 da Lei 2/2007, do 15 de marzo.

e) O contido dos códigos deontolóxicos.

4. O Colexio da avogacía está suxeito ao principio de transparencia e responsabilidade na súa xestión. Por iso, elaborará unha memoria anual que conteña polo menos a información seguinte:

a) Informe anual de xestión económica, incluíndo os gastos de persoal suficientemente desagregados e especificando as retribucións de todo tipo, axudas de custo e reembolso dos gastos percibidos polo conxunto dos membros da Xunta de Goberno en razón do seu cargo.

b) Importe das cotas aplicables aos conceptos e servizos de todo tipo prestados polo Colexio, así como as normas para o seu cálculo e aplicación.

c) Información agregada e estatística relativa aos procedementos informativos e sancionadores en fase de instrución ou que alcanzasen firmeza, con indicación da infracción a que se refiren, da súa tramitación e da sanción imposta, se é o caso, con pleno respecto da lexislación en materia de protección de datos de carácter persoal.

d) Información agregada e estatística relativa ás queixas e reclamacións presentadas polos consumidores ou usuarios, da súa tramitación e, se é o caso, dos motivos de estimación ou desestimación da queixa ou reclamación, con pleno respecto da lexislación en materia de protección de datos de carácter persoal.

e) Os cambios no contido dos seus códigos deontolóxicos e a vía para o acceso ao seu contido íntegro.

f) As normas sobre incompatibilidades e as situacións de conflito de intereses en que se atopen os membros das xuntas de Goberno.

A Memoria anual deberá facerse pública a través da páxina web no primeiro semestre do ano seguinte.

Artigo 57. Da adopción de acordos

1. As xuntas de Goberno serán presididas polo decano ou decana ou quen estatutariamente lle substitúa.

2. Das sesións e deliberacións dos órganos colexiados redactarase acta, que asinará o titular da Secretaría. As actas someteranse a aprobación, de así acordarse, na seguinte sesión que celebre o órgano de que se trate, abondando o voto favorable da maioría simple dos asistentes.

3. Non se poderán adoptar acordos sobre asuntos non comprendidos na orde do día, salvo os que o decano ou decana ou a maioría dos membros da Xunta de Goberno consideren de urxencia.

4. Os acordos contidos nas actas serán inmediatamente executivos sen prexuízo da súa ulterior aprobación.

Artigo 58. Do réxime xurídico dos actos e da súa impugnación

1. Os acordos emanados da Xunta de Goberno e da Xunta Xeral poderán ser obxecto de recurso ante o Consello da avogacía Galega ou, se é o caso, ante o Consello Xeral da avogacía Española, dentro do prazo dun mes desde a súa publicación ou, se é o caso, notificación aos colexiados ou persoas a quen afecte.

O recurso será presentado ante a Xunta de Goberno, que deberá elevalo ao órgano competente cos seus antecedentes e o informe que proceda dentro dos 15 días seguintes á data da súa presentación.

2. Aqueles acordos que afectasen situacións persoais deberán ser notificados aos interesados.

3. Ao exporse o recurso, o recorrente, poderá solicitar e o órgano competente poderá discrecionalmente acordar, se non o fixese a Xunta de Goberno, a suspensión da execución do acordo recorrido.

4. Os actos emanados das xuntas xerais e da Xunta de Goberno, en canto estean suxeitos ao dereito Administrativo, unha vez esgotados os recursos corporativos, serán directamente recorribles ante a xurisdición contencioso-administrativa.

Sección Segunda. Do decanato e a Xunta de Goberno

Artigo 59. Do decano ou decana

1. O Decanato é o órgano unipersoal superior do Colexio, elixido conforme o previsto nos presentes estatutos.

2. Corresponde ao decanato:

a) Ter a representación oficial do Colexio en todas as súas relacións, xudiciais e extraxudiciais, incluídas as que manteña cos poderes públicos, organizacións, corporacións, e demais entidades de calquera orde.

b) Exercer as funcións de consello, vixilancia e corrección que os estatutos reserven á súa autoridade.

c) Dirixir e coordinar a actividade do Colexio e, en particular, velar polo cumprimento dos acordos da Xunta Xeral e da Xunta de Goberno.

d) Convocar, presidir, aprobar a orde do día, dirixir e levantar as sesións da Xunta Xeral e da Xunta de Goberno, así como de calquera outros órganos, comisións ou comités colexiais ou especiais aos que asista, con voto de calidade en caso de empate.

e) Manter con todos os compañeiros e compañeiras unha relación asidua de amparo e consello e velar polo mantemento das relacións de lealdade e compañeirismo, e procurará que a súa actuación constitúa unha alta tutela ética, de xeito que a súa rectitude e afecto poñan de manifesto a dignidade substancial da avogacía.

f) Acordar a incorporación dunha nova persoa colexiada en casos de urxencia, sen prexuízo da súa ratificación na seguinte reunión da Xunta de Goberno.

g) Representar ao Colexio na realización e formalización de calquera negocio ou acto xurídico.

h) Expedirá, ademais, os libramentos para o investimento dos fondos do Colexio e propoñerá os avogados e avogadas que deban formar parte dos tribunais de oposición entre os que reúnan as circunstancias necesarias para o efecto.

i) Todas as demais funcións que se lle encomenden ou atribúan nas leis, os regulamentos, o Estatuto xeral da avogacía española e estes estatutos e, en xeral, todas as que sexan precisas para o mellor cumprimento de todas as anteriores.

3. As facultades atribuídas ao Decanato serán delegables nos termos e cos límites establecidos na lexislación vixente e nestes estatutos.

Artigo 60. Composición da Xunta de Goberno

1. A Xunta de Goberno é o órgano de dirección, xestión e administración do Colexio.

2. A Xunta de Goberno estará composta por nove membros. Estará constituída por exercentes e integrada polos profesionais da avogacía que teñen os cargos do Decanato, o Vicedecanato, a Secretaría, a Tesouraría, un ou unha bibliotecario/a contador/a, así como catro vogais ou deputados ou deputadas, numerados ordinalmente, do 2º ao 5º. O ordinal 1º corresponde á persoa que ocupa o cargo do Vicedecanato.

Artigo 61. Do vicedecano ou vicedecana

Quen ten o cargo ao que corresponda o numeral un dos membros da Xunta terá a consideración de vicedecano ou vicedecana, desempeñando todas aquelas funcións que lle confira o decanato, asumindo as deste en caso de falecemento, ausencia, enfermidade, abstención, recusación ou vacante. No caso de que lle afecte algunha desas circunstancias será substituído polo deputado ou deputada que o siga en orde de numeración.

Artigo 62. Do secretario ou secretaria

Quen desempeñe a secretaría do Colexio tamén actuará nese carácter na Xunta de Goberno e na Xunta Xeral, e terá as seguintes funcións:

a) Redactar as actas das xuntas xerais e das sesións da Xunta de Goberno.

b) Recibir e dar conta ao Decanato de todas as solicitudes e comunicacións que se remitan ao Colexio.

c) Preparar o despacho dos asuntos para tratar nas sesións que celebren a Xunta Xeral e a Xunta de Goberno.

d) Efectuar as convocatorias da Xunta Xeral e da Xunta de Goberno conforme o previsto nestes estatutos, redactar, dirixir e calquera outros oficios de citación para todos os actos do Colexio, seguindo as instrucións que puidese darlle o Decanato.

e) Expedir, co visto e prace do Decanato, as certificacións que soliciten os interesados.

f) Organizar e dirixir as oficinas e ter a xefatura do persoal.

g) Ter ao seu cargo o arquivo, selo e, se é o caso, a sinatura electrónica do Colexio.

h) Levar o censo de colexiados e colexiadas con todas as especificacións precisas que afecten a situación do seu exercicio profesional.

i) Asumir o control da legalidade dos actos colexiais.

j) Remitir cada ano as listas dos avogados exercentes incorporados ao Colexio, a todos os xulgados e tribunais da provincia, así como os centros penais e de detención.

k) En xeral, todas as funcións que corresponden á Secretaría dos órganos administrativos colexiados e as demais inherentes ás anteriores e que sexan precisas para o mellor desempeño das súas funcións de Secretaría e cantas outras funcións se lle encomende a Xunta de Goberno.

Artigo 63. Do tesoureiro ou tesoureira

Corresponde ao membro da Xunta nomeado como tesoureira ou tesoureiro as seguintes funcións:

a) Materializar a recadación e custodiar os fondos do Colexio.

b) Pagar os libramentos debidamente autorizados polo Decanato.

c) Informar periodicamente a Xunta de Goberno sobre a conta de ingresos e gastos, así como da marcha do orzamento.

d) Redactar para a súa presentación á Xunta Xeral as contas do exercicio económico vencido e os orzamentos anuais.

e) Ingresar e retirar fondos das contas bancarias de que fose titular o Colexio, mancomunadamente co decano ou decana, sen prexuízo da autorización expresa da Xunta de Goberno á Tesouraría para levar a efecto os pagamentos e libramentos aprobados.

f) Levar o inventario minucioso dos bens do Colexio.

g) Controlar a recadación, a contabilidade e verificar a caixa.

h) Facer as xestións de cobranza sobre calquera dos recursos económicos do Colexio.

i) Cantas outras funcións lle encomenden a Xunta de Goberno.

Artigo 64. Do bibliotecario/a contador ou contadora

Poderá adoptar as medidas oportunas co fin de que a biblioteca se atope en adecuado uso, actualizando permanentemente os fondos que deba acoller, tanto bibliográficos como informáticos ou en calquera outro soporte, levando os oportunos rexistros e catálogos. Deberá propoñer á Xunta de Goberno as adquisicións de todo tipo que se entendan precisas ou convenientes para o bo servizo.

Na súa función de contador/a para intervir as operacións de tesouraría e as restantes funcións que se lle encomenden.

Artigo 65. Dos e das vogais ou deputados ou deputadas da Xunta

Os vogais ou deputados da Xunta terán as concretas atribucións ou competencias que a propia Xunta de Goberno fixe. En todo caso, asumirán as delegacións que o decano ou a propia Xunta lles encomenden.

Os seus cargos serán numerados co fin de substituír por orde de categoría o decano no caso de enfermidade, ausencia, ou vacante.

Artigo 66. Das substitucións

Quen desempeñe as funcións de Secretaría, Tesouraría ou bibliotecario/a contador/a serán substituídos, no suposto de ausencia temporal ou definitiva, polos vogais que designe a Xunta de Goberno ata que se celebren eleccións, e noutro caso, proverase empezando polo último.

Artigo 67. Atribucións da Xunta de Goberno

Ademais das que establece o Estatuto xeral da avogacía española e demais normativa aplicable, son atribucións da Xunta de Goberno as seguintes:

En relación coas persoas colexiadas:

a) Acordar a realización de cantas actividades considere convenientes aos intereses da corporación e das persoas colexiadas.

b) Acordar a colexiación de quen solicite incorporarse ao Colexio, na condición de avogados ou avogadas exercentes ou persoas colexiadas non exercentes, e poderá exercer esta facultade o decanato, nos casos de urxencia, e será sometida posteriormente á ratificación da Xunta de Goberno.

c) Determinar as cotas de incorporación, reincorporación e as ordinarias para o sostemento das cargas e servizos colexiais e acordar a súa exención cando cumpra. Propoñer á Xunta Xeral a imposición de cotas extraordinarias.

d) Outorgar ás persoas colexiadas amparo cando a súa independencia e liberdade, a consideración debida á avogacía, a salvagarda do segredo profesional e a protección do dereito e deber de defensa se vexan limitados ou perturbados por calquera causa.

e) Velar para que os avogados e as avogadas observen boa conduta con relación aos tribunais de xustiza, aos seus compañeiros e aos seus clientes, e que no desempeño da súa función despreguen a necesaria dilixencia e competencia profesional, así como propiciar a harmonía e colaboración entre as persoas colexiadas, impedindo a competencia desleal conforme a legalidade vixente.

f) Buscar e promover o respecto e cumprimento, a divulgación, o coñecemento e a ensinanza das normas deontolóxicas.

g) Atender as queixas das persoas colexiadas, así como de terceiros, que lle fosen expostas.

h) Exercer as facultades disciplinarias respecto dos colexiados e das colexiadas, nos termos establecidos polos presentes estatutos, o Estatuto xeral da avogacía, o Código deontolóxico, o Regulamento de procedemento disciplinario da avogacía e demais normativa de aplicación.

i) Regular, nos termos legalmente establecidos, o funcionamento dos servizos de asistencia xurídica gratuíta.

j) Promover, actividades para a formación profesional inicial e continuada das persoas colexiadas e establecer sistemas de axuda.

k) Ditar as normas que estime necesarias para o adecuado funcionamento dos distintos servizos colexiais.

l) Propoñer á aprobación da Xunta Xeral os regulamentos de orde interior.

m) Someter a referendo, por sufraxio secreto, asuntos concretos de interese colexial.

n) Convocar eleccións para prover os cargos da Xunta de Goberno.

ñ) Convocar xuntas xerais ordinarias e extraordinarias, sinalando a orde do día para cada unha.

o) Exercer as accións e actuacións oportunas para impedir e perseguir o intrusionismo, así como o exercicio da profesión a quen, colexiados ou non, a exercesen en forma e baixo condicións contrarias ás legalmente establecidas, sen excluír as persoas naturais ou xurídicas, que faciliten o exercicio profesional irregular.

p) Informar os colexiados con prontitude de cantas cuestións lles poidan afectar, xa sexan de índole corporativa, colexial, profesional ou cultural, das que a Xunta de Goberno teña noticia no exercicio da súa función ou no dalgún dos seus membros.

q) Procurar facilitar, na medida do posible, a través do Colexio, o aseguramento da responsabilidade profesional das persoas colexiadas.

r) Fomentar os vínculos de compañeirismo entre as persoas integrantes do Colexio.

s) Crear as delegacións, comisións ou agrupacións para cumprir funcións ou emprender actividades de interese para os colexiados, o Colexio ou para a defensa e promoción da avogacía, regulando o seu funcionamento e fixando as facultades que, se é o caso, delegue.

t) Constituír sociedades, asociacións ou fundacións para a mellor consecución dos fins do Colexio.

u) Cantas outras establezan os presentes estatutos e o Estatuto xeral da avogacía española.

En relación cos tribunais de xustiza:

a) Fomentar e considere as relacións entre o Colexio e as persoas colexiadas e a maxistratura, os membros do Ministerio Fiscal, letrados e letradas da Administración de xustiza, forenses, e demais estamentos da Administración de xustiza.

b) Aprobar ou propoñer á Xunta Xeral o establecemento de criterios orientativos de honorarios profesionais para efectos de taxación de custas e xura de contas e emitir informes periciais ao respecto cando proceda.

En relación cos organismos oficiais:

a) Defender, cando o estime procedente e xusto, os colexiados e colexiadas no desempeño das funcións da profesión ou con ocasión destas.

b) Promover, diante do Goberno e das autoridades, canto se considere beneficioso para o interese común e para a recta e pronta administración de xustiza.

c) Emitir, en nome do Colexio, informes ou ditames que sexan requiridos e solicitados nos proxectos ou iniciativas do Goberno, ou das cámaras lexislativas do Estado ou da Comunidade Autónoma de Galicia e outros organismos, e sexan procedentes.

En relación cos recursos económicos:

Recadar, distribuír e administrar os fondos do Colexio; aprobar o anteproxecto de orzamentos elaborado polo tesoureiro ou a Tesoureira para o seu sometemento á Xunta Xeral; render as contas anuais e propoñer á Xunta Xeral o investimento ou disposición do patrimonio colexial, se se tratase de inmobles.

Artigo 68. Funcionamento da Xunta de Goberno

1. A Xunta de Goberno reunirase con carácter ordinario polo menos unha vez ao mes, salvo durante o mes de agosto, sen prexuízo de podelo facer con maior frecuencia cando a importancia ou urxencia dos asuntos o requira ou o solicite unha cuarta parte dos seus membros.

2. A convocatoria para as reunións fará a Secretaría, por mandato do/a decano/a, con polo menos con vinte e catro horas de antelación, salvo situacións de urxencia. Formularase por escrito ou por vía telemática e irá acompañada da orde do día correspondente. Fóra desta non se poderán tratar outros asuntos, salvo os que o/a decano/a ou a maioría dos membros da Xunta de Goberno consideren de urxencia.

3. Cando sexan razóns de máxima urxencia as que motiven a convocatoria da Xunta, prescindirase da orde do día e do requisito temporal de coñecemento da convocatoria antes establecido, abondando que, por calquera medio, se faga saber aos membros da Xunta o motivo da convocatoria e o lugar e a hora de realización.

4. A Xunta será presidida polo decano, decana ou por quen estatutariamente lle substitúa, quen dirixirá os debates, dando quenda de palabra e coidando de que as intervencións sexan concisas e axustadas ao asunto obxecto de cuestión.

5. Os acordos adoptaranse por maioría de votos dos asistentes, que se emitirán de forma escrita e secreta se algún membro da Xunta así o solicita. No caso de empate decidirá o voto de calidade do decanato ou, se é o caso, de quen presida. Todo iso, salvo os supostos que expresamente se establezan nunha norma de rango superior ou se precise unha maioría cualificada.

6. A documentación relativa aos asuntos para tratar deberá estar na Secretaría do Colexio, ao dispor dos compoñentes da Xunta con, polo menos, vinte e catro horas de antelación á realización da sesión de que se trate.

7. Os membros da Xunta de Goberno que teñan interese directo ou indirecto nun asunto concreto incluído na orde do día, ausentaranse da sesión durante a súa discusión e votación, incorporándose a ela, unha vez tomada a decisión pola Xunta que sobre tal punto se considerase pertinente. De tal feito deixarase constancia na acta.

8. A asistencia á Xunta de Goberno é obrigatoria para todos os seus compoñentes, polo que a ausencia inxustificada a cinco sesións consecutivas ou dez alternas nun período dun ano levan a perda da condición de membro da Xunta, logo de acordo en tal sentido adoptado pola Xunta de Goberno. Unha vez notificado o acordo, poderase convocar eleccións para prover a vacante ou vacantes que por tal motivo se producisen.

9. A Xunta de Goberno poderá crear as comisións que considere convenientes que deberán, en todo caso, ser presididas polo decano ou decana ou en quen el mesmo delegue, atribuíndolle as funcións que considere oportunas.

10. Das sesións e deliberacións dos órganos colexiados levantarase acta que asinará o titular da Secretaría. As actas someteranse a aprobación na seguinte sesión, de así acordalo, que celebre o órgano de que se trate, abondando o voto favorable da maioría simple dos asistentes.

11. Os acordos contidos nas actas serán inmediatamente executivos sen prexuízo da súa ulterior aprobación.

12. A Xunta de Goberno poderá acordar a delegación da sinatura da Secretaría en cuestións non substanciais, ben noutro compoñente da Xunta ou ben nun traballador do Colexio.

Sección Terceira. Das xuntas xerais

Artigo 69. Clases de xuntas xerais

1. É o órgano máximo de goberno do Colexio no que se manifesta a vontade colexial nos asuntos propios da súa competencia e os seus acordos validamente adoptados son obrigatorios, mesmo para os/as ausentes.

2. As reunións da Xunta Xeral poderán ser ordinarias ou extraordinarias.

3. Todos os colexiados e colexiadas poderán asistir con voz e voto ás xuntas xerais ordinarias e extraordinarias que se celebren salvo as excepcións que nestes estatutos se determinan.

4. O voto dos exercentes computará con dobre valor que o dos demais colexiados.

Artigo 70. Atribucións da Xunta Xeral

Terá as seguintes atribucións ademais das establecidas no Estatuto xeral da avogacía española e demais normativa aplicable:

a) Aprobar o Estatuto do colexio e as súas modificacións ou reformas.

b) Debater e, se é o caso, aprobar os orzamentos e as contas anuais de cada exercicio.

c) Debater e, se é o caso, resolver sobre a reprobación ou censura da Xunta de Goberno ou de calquera dos seus membros.

d) Aprobar a imposición de cotas extraordinarias.

e) Aprobar o investimento ou disposición do patrimonio colexial se se tratase de inmobles.

f) Aprobar os regulamentos de réxime interior que lle propoña a Xunta de Goberno.

g) Calquera outra facultade que lle atribúan as leis, os regulamentos ou o presente estatuto.

Artigo 71. Convocatoria das xuntas xerais

1. Reuniranse con carácter ordinario en dúas ocasións cada ano e con carácter extraordinario cando sexa debidamente convocada por iniciativa do decano ou decana, da Xunta de Goberno ou dun número de 10 % de membros exercentes.

2. As xuntas xerais deberán convocarse cunha antelación mínima de quince días naturais, salvo nos casos de urxencia, no que a xuízo do Decanato ou a Xunta de Goberno deba reducirse o prazo.

3. A convocatoria, que contera a orde do día, publicarase na páxina web colexial do Colexio, e notificarase a todos os membros por comunicación escrita ou telemática na que igualmente se inserirá a orde do día; a citación dos colexiados e colexiadas podera facela o decanato ou a secretaría indistintamente; citación persoal que, no caso de convocatoria urxente, poderá ser substituída pola publicación desta no taboleiro de anuncios colexial ou nun medio provincial de comunicación escrita dos de maior difusión.

4. A citación sinalará a data, hora e lugar de celebración e expresará debidamente numerada a orde do día. Se a convocatoria ou algún dos puntos para tratar fosen por instancia das persoas colexiadas deberá indicarse tal circunstancia.

5. Os antecedentes dos asuntos que deliberar á Xunta convocada estarán ao dispor dos colexiados e colexiadas con polo menos vinte e catro horas antes da súa celebración durante as horas de despacho na Secretaría do Colexio.

Artigo 72. Da celebración das Xuntas Xerais

1. As xuntas xerais celebraranse no día e hora sinalados, calquera que sexa o número de colexiados e colexiadas concorrentes a elas, salvo nos casos nos que se exixa un quorum de asistencia determinado. Os acordos tomaranse por maioría de votos emitidos salvo nos casos nos que se exixa outro por estes estatutos.

2. As xuntas xerais ordinarias e extraordinarias poderán ser convocadas, en segunda convocatoria, media hora despois da primeira, para o suposto de que non se obtivese o quorum necesario na primeira, cando fose necesario este quorum; aínda que na segunda convocatoria serán válidos os acordos que se adopten pola maioría exixida, calquera que sexa o número dos asistentes.

3. Permitirase a delegación por escrito do voto que deberá ser específico para a Xunta Xeral a que se refira a delegación sempre que conste debidamente acreditada a súa autenticidade e recaia nun colexiado ou colexiada. Non pode delegarse o voto para as eleccións e votacións de censura e permitirase un máximo de 3 delegacións por votante. O voto para participar nas xuntas xerais onde deba tratarse o cambio de denominación, a fusión, segregación, disolución e liquidación do Colexio tampouco será delegable.

4. Os acordos serán obrigatorios para todas as persoas colexiadas sen prexuízo dos recursos que legalmente poidan ser interpostos.

5. Do contido da Xunta levantarase acta que será asinada por quen presida e por quen desempeñe a Secretaría.

6. O voto de censura á Xunta de Goberno rexerase polo disposto no Estatuto xeral da avogacía española.

Artigo 73. Das xuntas xerais ordinarias

Celebraranse dúas xuntas xerais ordinarias cada ano:

a) Antes do día trinta e un do mes de marzo será celebrada a primeira xunta xeral ordinaria de cada ano, conforme a seguinte orde do día:

1. Resumo que fará o/a decano/a dos acontecementos máis importantes que durante o ano anterior tivesen lugar en relación co Colexio.

2. Lectura, discusión e votación da Conta Xeral de ingresos e gastos do ano anterior.

3. Lectura, discusión e votación dos ditames e proposicións que se consignen na convocatoria, incluíndose neste puntos os asuntos sobre os que, ben a Xunta de Goberno, ben os colexiados, sometan á deliberación do Colexio e que deberán entregarse á Secretaría do Colexio cunha antelación mínima de trinta días naturais á celebración da Xunta Xeral.

4. Proposicións.

5. Rogos e preguntas.

6. Toma de posesión, se é o caso, dos seus cargos respectivos, polos membros da Xunta de Goberno elixidos, cesando aqueles a quen corresponda cesar.

b) A segunda Xunta Xeral Ordinaria de cada ano celebrarase no último trimestre, conforme a seguinte orde do día:

1. Exame e votación do orzamento elaborado pola Xunta de Goberno para o exercicio seguinte.

2. Elección para cargos vacantes da Xunta de Goberno cando cumpra.

3. Lectura, discusión e votación dos asuntos que se consignen na convocatoria.

4. Rogos e preguntas.

Artigo 74. Das xuntas xerais extraordinarias

As xuntas xerais extraordinarias celebraranse por iniciativa do decano ou decana, da Xunta de Goberno ou a solicitude do dez por cento dos profesionais da avogacía exercentes, con expresión dos asuntos concretos que deban de tratarse nelas. A Xunta celebrarase no prazo sinalado dentro dos trinta días naturais desde o acordo do Decanato ou da Xunta de Goberno, no primeiro caso, ou desde a presentación da solicitude no segundo, e nunca poderán ser tratados nesta máis asuntos que os expresados na convocatoria.

En todo caso, será necesaria unha xunta xeral extraordinaria para os supostos de modificación dos estatutos e voto de censura á Xunta de Goberno, e os requisitos específicos que se sinalan no artigo 81 do Estatuto xeral da avogacía española.

CAPÍTULO II

Das eleccións aos órganos de goberno

Artigo 75. Do mandato e renovacións de cargos

1. A Xunta de Goberno renovarase cada 5 anos, total ou parcialmente, e poderán optar os seus compoñentes a máis dunha reelección ao mesmo cargo. Para estes efectos, o cargo de deputado é único calquera que sexa o número correlativo que se lle asigne.

2. No caso de que a convocatoria o fose para cubrir vacantes que se producisen na Xunta de Goberno durante a vixencia do seu mandato, a Xunta poderá designar a outro membro para ocupar o cargo vacante polo tempo restante ata a próxima renovación.

3. Serán electores todos os colexiados e colexiadas cunha antigüidade de máis de seis meses de incorporación á data da convocatoria, que, na dita data, non se atopen cumprindo unha sanción disciplinaria e estean ao día das súas obrigacións colexiais.

4. Poderán participar, como elixibles, as persoas integrantes do Colexio que sexan profesionais da avogacía exercentes residentes dentro do ámbito territorial do Colexio.

No caso da elección do decanato, a persoa elixible que aspire ter o cargo ademais deberá cumprir co requisito de levar colexiado ou colexiada como exercente polo menos os últimos dez anos á data da presentación da candidatura.

5. En todo caso, non poderán estar incursos ou incursas en ningunha das seguintes situacións á data de peche do prazo para a presentación de candidaturas:

a) Os condenados ou condenadas por sentenza firme que leve aparellada a inhabilitación ou suspensión para cargos públicos en tanto estas subsistan.

b) Ser disciplinariamente sancionados ou sancionadas en calquera colexio da avogacía mentres non fosen rehabilitados ou rehabilitadas. Para estes efectos, solicitarase a colaboración do Consello Xeral da avogacía para comprobar que non concorre esta causa de inelixibilidade.

c) Ser integrantes de órganos reitores doutro colexio profesional.

d) Non estar ao día do pagamento das cotas colexiais.

6. Os membros da Xunta de Goberno serán elixidos en votación directa e secreta entre os do Colexio nos termos e condicións que establece o Estatuto xeral da avogacía española. Non se permitirá a delegación de voto.

7. Nas eleccións o voto dos exercentes e dos inscritos terá o dobre valor que o voto dos non exercentes.

8. No caso de que opte por presentarse ás eleccións algún membro da Xunta de Goberno, defensor do Colexiado, Xunta Electoral, delegados da Xunta de Goberno nos partidos xudiciais, director da Escola de Práctica Xurídica, membros de xuntas directivas de agrupacións, coordinadores, presidentes de seccións e comisións, ou calquera outro coordinador ou responsable dun órgano estatutario, teráselle por renunciado automaticamente de todos os seus cargos, a condición de que se presenten para un cargo distinto ao que ocupasen, unha vez presentada a candidatura.

9. Se por esta circunstancia quedasen vacantes máis da metade dos integrantes da Xunta de Goberno, esta completarase provisionalmente cos colexiados ou colexiadas exercentes residentes con máis anos de exercicio profesional que fosen membros da Xunta de Goberno, que serán chamados seguindo a orde da súa colexiación, comezando polo de incorporación menos recente. Se vacasen por esta razón todos os membros da Xunta, o chamamento efectuarao o Consello Autonómico ou o Consello Xeral da avogacía Española e terá -nese caso- o decanato o máis antigo dos chamados e a secretaría o máis moderno.

10. Esta norma aplicarase tamén calquera que sexa a razón da vacancia.

Artigo 76. Da convocatoria electoral

As eleccións serán convocadas por acordo da Xunta de Goberno e deberán celebrarse as da súa renovación na data da última Xunta Xeral Ordinaria do ano no que finalice o seu mandato rexéndose, en todo o non recollido no presente estatuto, polo establecido nesta materia polo Estatuto xeral da avogacía española.

Os trámites para seguir ata a celebración do acto electoral serán os seguintes:

1. A convocatoria será efectuada pola Xunta de Goberno e anunciarase cunha antelación mínima de dous meses á data de celebración da elección.

2. Nos cinco días seguintes á data da convocatoria, a Secretaría verificarán os seguintes particulares:

a) Publicarase na web colexial a convocatoria electoral e, se é o caso, nos demais medios de difusión dos que dispoña o Colexio, a convocatoria electoral na que deberán constar os seguintes puntos:

– Cargos que teñen que ser obxecto de elección e requisitos de situación colexial exixidos para poder aspirar a cada un destes.

– Día e hora de celebración da Xunta Xeral e hora á que se pecharán as urnas para o comezo do escrutinio, segundo o disposto sobre o particular nos presentes estatutos.

b) Así mesmo, expoñeranse na web colexial do Colexio as listas separadas de avogados e colexiados non exercentes con dereito a voto.

Artigo 77. Das candidaturas

1. As candidaturas deberanse de presentar na Secretaría do Colexio ante a Mesa Electoral con, polo menos, un mes de antelación á data sinalada para o acto electoral. Estas candidaturas poderán ser conxuntas, para varios cargos, ou individuais para cargos determinados, e deberán ser subscribidas polos propios candidatos.

Ningún colexiado poderá presentarse candidato a máis dun cargo.

2. Coa presentación da candidatura recoñécese a cada candidato ou candidata o dereito para obter da Xunta de Goberno unha lista de colexiados cos seus enderezos e teléfonos profesionais, tanto en soporte electrónico como en papel que deberán facelo ao seu cargo e coa debida observancia do disposto na LOPD e demais normativa aplicable.

3. Os colexiados e colexiadas que quixesen formular reclamacións contra as listas de electores deberán verificalo dentro do prazo dos dez días seguintes á exposición destas.

A Xunta de Goberno no caso de haber reclamacións contra as devanditas listas resolverá sobre elas dentro dos cinco días seguintes á expiración do prazo para formulalas, notificándose a súa resolución a cada reclamante dentro dos tres días seguintes.

4. A Mesa Electoral, dentro dos tres días seguintes da finalización do prazo de presentación de candidaturas, proclamará candidatos a quen reúna os requisitos legais exixibles, declarando electos os que non teñan opoñentes.

Seguidamente publicarase na web colexial e comunicarase aos interesados.

5. Os prazos sinalados por días neste artigo computaranse por días hábiles.

Artigo 78. Da Mesa Electoral

1. Os procesos electorais desenvolveranse baixo a supervisión dunha mesa electoral a quen lle corresponderá velar pola boa marcha de cantos trámites electorais se levasen a cabo durante o período para o que fosen elixidos os seus compoñentes.

2. Actuará con total independencia e deberá ser provista pola Xunta de Goberno de todos os medios que requira para o desenvolvemento do seu labor.

3. No momento da convocatoria das eleccións, a Xunta de Goberno designará unha mesa electoral, formada por 5 membros, que regulará o desenvolvemento do proceso sen prexuízo das atribucións que os estatutos outorgan á propia Xunta. Estará constituída por dous membros da Xunta de Goberno cuxos cargos non sexan obxecto de renovación nesa convocatoria electoral, así como un anterior membro que pertencese á Xunta de Goberno e polo avogado residente de maior e polo de menor antigüidade no exercicio profesional, os que serán substituídos -no caso de incapacidade, incompatibilidade ou imposibilidade- polo seguinte en antigüidade, respectivamente.

4. A validez dos acordos da Xunta Electoral requirirá un quorum de polo menos a maioría dos seus membros. No caso de empate nas deliberacións, quen presida terá voto de calidade.

5. No caso de que na citada Mesa Electoral non se puidese prover a totalidade dos membros que deben compoñela por falta de candidatos, os postos que quedasen vacantes deberán ser cubertos pola Xunta de Goberno, nun prazo non superior a quince días, por colexiados ou colexiadas exercentes residentes da súa libre elección, preferentemente entre antigos membros de anteriores Xuntas de Goberno.

6. Igualmente, será a Xunta de Goberno a que designe os membros da Mesa Electoral no suposto de vacancia da totalidade ou dalgúns dos seus integrantes.

7. Presidirá a Mesa Electoral o compoñente que se elixa ou, se non hai acordo, o de maior antigüidade no exercicio profesional. Exercerá as funcións de Secretaría o profesional da avogacía de menor tempo de incorporación no exercicio.

8. A Mesa Electoral acordará o número e instalación de mesas electorais para o acto da votación e noutras dependencias. Designará, así mesmo, entre os seus compoñentes ou doutros membros do Colexio quen presida ou desempeñe a secretaría de cada unha das mesas electorais.

9. Serán competencia da Mesa Electoral todas as incidencias que afecten o proceso electoral, desde o momento da presentación das candidaturas ata o momento da proclamación dos elixidos.

10. Os acordos da Mesa serán recorribles ante a Xunta de Goberno e os que esta adopte serán recorribles ante o Consello da avogacía Galega.

Artigo 79. Votación anticipada. Voto por medios telemáticos

1. A Xunta poderá establecer mecanismos ou procedementos de voto por medios telemáticos ou electrónicos que garantan a identidade do votante e o segredo do voto.

2. Poderase exercer o dereito ao voto de maneira anticipada dentro dos 5 días hábiles anteriores ao sinalado para as eleccións ininterrompidamente, conforme se dispoña na convocatoria para o efecto.

3. O voto telemático deberá exercerse con sinatura electrónica que garanta a identidade do votante a través do programa de voto telemático ao que se accederá desde a páxina web colexial ou plataforma creada para o efecto.

Artigo 80. Votación anticipada. Voto por correo

1. Para exercer o voto por correo será imprescindible que o colexiado ou colexiada solicite previamente o impreso que lle recoñeza o carácter de votante por correo. A solicitude deberá facerse persoalmente mediante escrito dirixido por correo electrónico á Xunta de Goberno, confirmado pola Secretaría do Colexio, coa sinatura, en todo caso, do interesado e a acreditación da súa identidade mediante achega inescusable de fotocopia ou reprodución de DNI por ambas as caras.

2. A Secretaría do Colexio fará entrega inmediata da solicitude de voto por correo á Comisión que, se é o caso, acorde constituír a Xunta de Goberno e que, polo menos, 3 veces por semana, se reunirá para dar trámite ás peticións.

3. Podera designar a Xunta de Goberno unha comisión que confeccionará os impresos que autoricen a emisión do voto por correo, que terán a mesma redacción e unha numeración correlativa que permita remitilos pola orde de petición. Os impresos serán autorizados coa sinatura dun dos membros da Comisión.

4. O impreso que autoriza o voto por correo será enviado ao solicitante, acompañado dun sobre numerado no que inescusablemente haberá de remitir o voto por correo, así como as papeletas de votación editadas polo Colexio e o sobre que haberá de conter o voto.

5. Dentro do sobre numerado, que deberá ser remitido ao Colexio por correo certificado con xustificante de recepción ou ser recollido presencialmente na sede colexial, o votante introducirá o impreso ao que se refiren os puntos anteriores, xuntamente co sobre no que, para garantir o segredo do voto, deberá ir introducida a papeleta.

Artigo 81. Desenvolvemento das votacións

1. A elección de cargos da Xunta de Goberno verificarase na segunda Xunta Xeral dos anos que corresponda. O día fixado para as eleccións constituiranse mesas electorais na sede do Colexio ou nas demais dependencias deste.

2. Constituirase a Mesa Electoral acompañada dos interventores que, no número de dous como máximo, poderán designar cada unha das candidaturas; interventores que os representarán durante o desenvolvemento das votacións.

3. As votacións comezarán ás dez da mañá do día das eleccións e continuarán ininterrompidamente ata as sete da tarde na que se pecharán as urnas para proceder ao correspondente escrutinio.

4. Na sede electoral habilitaranse dúas urnas, unha para os exercentes e inscritos e outra para os non exercentes.

5. As papeletas de votación que edite o Colexio deberán ser brancas e deberán levar impresos no seu anverso exclusivamente a relación dos cargos que se elixen sen prexuízo de que se poidan introducir na papeleta de voto as modificacións que sexan necesarias e imprescindibles para a súa lectura e/ou reconto por medios telemáticos, e requirirase, en todo caso, para a súa edición a aprobación do formato pola Mesa Electoral.

6. Finalizado o acto da votación en cada mesa, procederá o Presidente a introducir nas urnas os votos anticipados emitidos por correo e, unha vez terminadas estas operacións, poderán exercer o seu dereito ao voto os integrantes das mesas restantes. Os votantes deberán acreditarse ante as mesas electorais.

7. A papeleta deberá introducirse nun sobre de cor branca que para ese efecto será facilitado polo Colexio.

8. A mesa comprobará a identidade e a inclusión no censo electoral do votante, e pronunciará en voz alta o seu nome, indicando que vota, tras o cal introducirá o sobre na urna que corresponda.

9. Transcorrido o tempo de votación, pecharanse as portas do local, votarán os que se atopen dentro e non o fixesen, e despois votarán os integrantes das mesas en último lugar, dando por concluída a votación.

10. Seguidamente en cada mesa electoral, se son varias, as urnas, debidamente precintadas, abriranse para proceder ao seu reconto. Unha vez finalizadas as votacións en todas as mesas, comezará o escrutinio, e unha vez finalizado, proclamarase electos para cada cargo aos candidatos que obteñan a maioría.

11. No caso de empate entenderase elixido o que máis votos obtivese entre os exercentes; de persistir este, o de maior tempo de exercicio no Colexio; e se aínda se mantivese o empate, o de maior idade.

12. Da elección e o escrutinio levantarase a correspondente acta, que asinarán todos os/as integrantes da Mesa electoral.

Artigo 82. Dos candidatos electos e da toma de posesión

1. As persoas elixidas tomarán posesión dos seus cargos, en acto solemne, na primeira Xunta Xeral, que terá que celebrarse no primeiro trimestre do ano seguinte ao da elección, logo do xuramento ou promesa de cumprir fielmente o cargo respectivo e gardar segredo das deliberacións da Xunta de Goberno, impoñeránselles os distintivos colexiais acreditativos dos seus cargos, momento no que cesarán os substituídos; a maiores, nos supostos excepcionais, poderán tomar posesión provisional con anterioridade á celebración desta Xunta, solemnizando a toma de posesión nesta.

2. No prazo de cinco días desde a constitución do órgano de goberno, a Xunta comunicarao ao Consello da avogacía Galega, ao Consello Xeral da avogacía e á consellería competente en materia de colexios profesionais, para os efectos da preceptiva anotación no Rexistro de Colexios Profesionais, o resultado da elección con indicación da nova composición do órgano de goberno, identificación dos seus membros, cargos para os que foron elixidos, período de mandato e cumprimento dos requisitos legais.

Artigo 83. Disposicións comúns á elección

1. Os prazos sinalados en días excluirán os días inhábiles.

2. Os recursos que se interpoñan durante o proceso electoral ou contra o seu resultado serán admitidos nun só efecto e non suspenderán a votación, proclamación e toma de posesión dos electos.

Artigo 84. Cesamento

En defecto doutra regulación específica, os membros da Xunta de Goberno dos colexios da avogacía cesarán polas causas seguintes:

a) Falecemento.

b) Renuncia.

c) Falta inicial non coñecida ou perda sobrevinda dos requisitos estatutarios e de capacidade para desempeñar o cargo.

d) Expiración do termo ou prazo para o que foron elixidos.

e) Falta de asistencia inxustificada a cinco sesións consecutivas da Xunta de Goberno ou dez alternas no termo dun ano, logo de acordo da propia Xunta, conforme o establecido no artigo 68 do presente estatuto.

f) Aprobación dunha moción de censura segundo o regulado neste estatuto e nos estatutos particulares do Colexio.

Artigo 85. Voto de censura ao/á decano/a e demais membros da Xunta de Goberno

1. O voto de censura á Xunta de Goberno ou a algún dos seus membros competerá sempre á Xunta Xeral Extraordinaria convocada para ese efecto.

2. A solicitude de convocatoria de Xunta Xeral extraordinaria requirirá a sinatura dun mínimo do 20 por 100 dos colexiados exercentes, incorporados polo menos con tres meses de antelación e expresará con claridade as razóns na que se funde.

3. A Xunta Xeral Extraordinaria deberá celebrarse dentro dos trinta días hábiles contados desde que se presentou a solicitude e non poderán tratarse máis asuntos que os expresados na convocatoria.

4. A válida constitución desta xunta xeral extraordinaria requirirá, en primeira convocatoria, a concorrencia persoal da metade máis un do censo colexial con dereito a voto e, en segunda convocatoria, bastará un terzo do censo colexial con dereito a voto. O voto deberá ser expresado necesariamente de forma persoal, directa e secreta.

CAPÍTULO III

Das delegacións, comisións e agrupacións colexiais

Artigo 86. Das delegacións

1. Para o mellor cumprimento dos seus fins e a maior eficacia das súas funcións, o Colexio poderá establecer, por acordo da súa Xunta de Goberno, delegacións naqueles partidos xudiciais nos que así o requiran os intereses profesionais e que funcionarán conforme as indicacións ou o regulamento que aprobará a Xunta de Goberno. A demarcación de cada delegación poderá comprender un ou varios partidos xudiciais.

2. A Delegación terá a representación da Xunta de Goberno no ámbito da súa demarcación e terá como misión colaborar con esta e actuará baixo as súas directrices e funcións.

3. As delegacións estarán a cargo dun ou máis colexiados ou colexiadas cuxa designación corresponde á Xunta de Goberno.

4. As delegacións poderán ser disolvidas en calquera momento por acordo da Xunta de Goberno.

Artigo 87. Creación de comisións

1. A Xunta de Goberno, para unha maior eficacia no desenvolvemento das súas funcións, estará asistida das comisións que se creen mediante acordo de forma permanente ou temporal cando se considere necesario ou oportuno, e poderá delegar nelas as competencias que estime oportunas.

2. As comisións poderán designar de entre os seus membros dúas persoas para que desempeñe unha delas a coordinación e outra a secretaría, e poderán organizarse mediante subcomisións.

3. A Xunta de Goberno, por propia iniciativa ou por pedimento dun número mínimo de 50 colexiados ou colexiadas, poderá crear cantas seccións ou agrupacións teña por conveniente co obxecto de posibilitar o contacto entre especializados en materias concretas e o recíproco intercambio de información técnico-xurídica sobre o tema que se trate. As seccións deberán propoñer as iniciativas que consideren procedentes á Xunta de Goberno para ser elevadas ás instancias que correspondan.

Artigo 88. Comisión de Deontoloxía Profesional

1. Con esa denominación existirá no ámbito do Colexio unha comisión cuxo labor será a instrución e tramitación dos expedientes que en materia disciplinaria sexan incoados pola Xunta de Goberno, aténdose tanto ao preceptuado no Estatuto xeral da avogacía española como ao regulado no Regulamento de procedemento disciplinario.

2. Igualmente procederá ao estudo e investigación do contido das denuncias que se interpuñan ante o Colexio en materia de intrusionismo, propoñendo á Xunta de Goberno cantas iniciativas e medidas deban adoptarse nesta materia.

3. Por requirimento da Xunta de Goberno, tramitará os informes sobre as materias que lle son propias.

4. As fases de instrución dos procedementos disciplinarios vén atribuída aos instrutores, que deberán ser exercentes, non pertencentes á Xunta de Goberno, con máis de 10 anos de antigüidade en calidade de avogados/as, designados por acordo desta.

5. A resolución das informacións previas e os expedientes disciplinarios está atribuída á Xunta de Goberno.

6. Corresponde á Xunta de Goberno fixar a súa composición, membros e as normas de funcionamento.

Artigo 89. Da Agrupación da avogacía nova

1. Na Corporación poderá existir unha Agrupación da avogacía nova á que poderán pertencer quen conte cunha idade inferior aos 35 anos cumpridos e con menos de 7 anos de exercicio profesional.

2. A organización, réxime e funcionamento da Agrupación regularanse nos seus estatutos particulares que, en ningún caso, poderán ser contrarios aos do colexio.

3. Nos orzamentos xerais do Colexio poderase prever unha partida como dotación económica para atender ao mantemento da Agrupación e deberá darse conta no mes de xaneiro de cada ano á Xunta de Goberno do concreto destino dado aos fondos que se lle entregaron co fin de que se xustifiquen debidamente na conta xeral de gastos do Colexio.

4. Corresponderá á Xunta de Goberno aprobar a constitución, suspensión ou disolución da agrupación, así como os seus estatutos e as súas modificacións.

Artigo 90. Servizo de atención aos colexiados e aos consumidores e usuarios

1. O Colexio deberá atender as queixas ou reclamacións presentadas polos seus membros.

2. Así mesmo, disporá dun servizo de atención aos consumidores ou usuarios e aos clientes dos servizos da avogacía, que tramitará e resolverá cantas queixas e reclamacións referidas á actividade colexial ou das persoas colexiadas presente calquera cliente que contrate os servizos profesionais dos profesionais da avogacía que actúen no seu ámbito territorial, así como asociacións e organizacións de consumidores e usuarios na súa representación ou en defensa dos seus intereses.

3. O Colexio, a través do servizo de atención aos consumidores ou usuarios, resolverá sobre as queixas ou reclamacións, segundo os casos, dalgunha das seguintes formas:

a) Informando sobre o sistema extraxudicial de resolución de conflitos, no caso de existir e ser aplicable.

b) Acordando remitir o expediente aos órganos colexiais competentes para iniciar o procedemento sancionador.

c) Arquivando o expediente.

d) Adoptando calquera outra decisión que corresponda.

CAPÍTULO IV

Da defensa do colexiado

Artigo 91. Funcións, mandato e atribucións

1. A Xunta de Goberno poderá acordar a creación da figura de defensor ou defensora do Colexiado/a para que asuma a función de estudar e canalizar as queixas que se formulen polo anormal funcionamento dos servizos colexiais ou actuación dos seus distintos órganos de goberno, e poderá realizar cantas suxestións de carácter xeral estime oportunas á Xunta de Goberno para a salvagarda dos dereitos dos membros do Colexio e os fins da corporación.

2. O cargo será desempeñado por un avogado ou avogada en exercicio que conte con máis de 10 anos de exercicio profesional na corporación e que non estea incurso en ningunha das seguintes situacións:

a) Estar condenado por sentenza firme que leve aparellada a inhabilitación ou suspensión para cargos públicos, en tanto esta subsista.

b) Ser disciplinariamente sancionado, mentres non fose rehabilitado.

3. O seu período de mandato terá unha duración máxima de 5 anos e, en todo caso, polo tempo que reste de mandato da Xunta de Goberno pola que foi designado, podendo optar a unha soa reelección por igual período.

Artigo 92. Elección e voto de censura

1. O defensor ou defensora do Colexiado será elixido pola Xunta de Goberno.

2. O defensor ou defensora do Colexiado poderá ser removido do seu cargo mediante acordo da Xunta de Goberno polo incumprimento das obrigacións e atribucións encomendadas no devandito cargo.

Artigo 93. Modo de actuación

1. As queixas serán dirixidas ao defensor ou defensora do/da colexiado/a mediante escrito presentado no Colexio do que se lle dará inmediato traslado co fin de que proceda a realizar cantas xestións estime pertinentes, solicitando da Xunta de Goberno a información oportuna. Á vista de todo iso, se estima fundada a queixa, elevará informe á Xunta no que motivadamente propoñerá cal debe ser, ao seu xuízo, o acordo que deba adoptarse ou posibles solucións que se vaia adoptar.

2. Se a Xunta de Goberno non atendese as peticións da persoa defensora do/da colexiado/a, esta poderá solicitar daquela que se inclúa, a cuestión da que se trate, como punto da orde do día na primeira Xunta Xeral que se celebre; solicitude que deberá acoller a Xunta de Goberno obrigatoriamente, indicando na orde do día que este punto se inclúe a proposta do defensor ou defensora do colexiado/a.

3. Anualmente, deberáselle solicitar ao defensor ou defensora redactar unha memoria na que recollerá nas queixas que se lle formularon e as decisións adoptadas ao respecto pola Xunta de Goberno ou, se é o caso, pola Xunta Xeral, así como as iniciativas ou peticións que, pola súa propia instancia, elevase; memoria a que se lle dará a debida publicidade.

TÍTULO V

Escola de práctica xurídica Decano Pedro González

Artigo 94. Escola de Práctica Xurídica

1. O Colexio ten creada a Escola de Práctica Xurídica “Decano Pedro González”. O seu funcionamento, actividades que se realizan e funcións que se lle atribúen dependen da Xunta de Goberno, que poderá nomear a un director ou directora da escola, ben de entre os membros desta xunta ou ben de entre as persoas exercentes pertencentes á corporación.

2. A súa función principal consiste en canalizar, a través desta, a organización de actividades formativas para os seus colexiados e colexiadas. Tamén poderán organizar este tipo de actividades conxuntamente con outras organizacións públicas ou privadas, en especial coas universidades.

3. A través da Escola de Práctica tamén se poderá cumprir, de ser acordado así pola Xunta de Goberno, a misión de impartir a formación dirixida á obtención do título profesional, ademais da continua de todos os profesionais da avogacía, incluída a súa especialización en determinadas ramas do dereito.

TÍTULO VI

Servizo de mediación do colexio

Artigo 95. Servizo de Mediación

1. O Servizo de Mediación do Ilustre Colexio de avogacía de Lugo é un servizo, integrado na estrutura colexial e dependente directamente da Xunta de Goberno, creado co obxecto de facilitar o acceso ás modalidades alternativas de solución de conflitos e fomentar a resolución amigable dos litixios, promovendo o uso da mediación. A través del levarase a cabo a administración e xestión dos procedementos de mediación que se soliciten ao Colexio, de conformidade co Regulamento de procedemento e demais lexislación vixente en materia de mediación.

2. A Xunta de Goberno, conforme a lexislación vixente, establecerá os requisitos de especialización, anos de exercicio, formación inicial e continua e demais para o acceso ao Servizo de Mediación, centro dependente do Colexio a través do que se prestará o servizo.

3. Poderán someterse á mediación as cuestións ou pretensións susceptibles de renuncia, transacción ou arbitraxe, é dicir, aquelas que non afecten dereitos ou obrigas indispoñibles. O alcance e efectos da mediación serán aqueles que lles sexan propios segundo a materia de que se trate e que non prohíban as leis españolas.

4. O Colexio dispón dun Rexistro de Persoas Mediadoras rexistradas no Centro de Mediación; listaxe que se aplicará, pola quenda que corresponda, en defecto de designación específica polas partes implicadas no procedemento de mediación, conforme o disposto no Regulamento do servizo existente.

5. O Colexio poderá participar en institucións de carácter nacional, europeo ou internacional, formalizará convenios e desenvolverá, en xeral, cantas actividades teñan por obxecto a difusión e o fomento da mediación, así como doutros métodos alternativos de resolución de controversias ou conflitos.

TÍTULO VII

Do réxime económico do colexio

Artigo 96. Principios informadores e contas anuais

1. De conformidade co disposto no Estatuto xeral da avogacía española, o funcionamento económico do Colexio axustarase ao réxime de orzamento anual e será obxecto dunha ordenada contabilidade, coincidindo o exercicio económico co ano natural, para cuxos efectos se confeccionará unha memoria anual, consonte co disposto pola lei.

2. A corrección das súas contas e a realidade dos seus ingresos e gastos deberá ser auditada, mediante informe emitido por persoa externa ao Colexio, habilitada legalmente, cando menos, ao producirse a renovación ordinaria da maioría dos membros da Xunta de Goberno.

3. Todos os colexiados e colexiadas poderán examinar as contas durante os 15 días naturais anteriores á data de celebración da Xunta Xeral a que houbesen de someterse para a súa aprobación ou rexeitamento. Este dereito de información exercerase mediante exame persoal por parte do colexiado.

Artigo 97. Recursos económicos

Constitúen recursos ordinarios económicos do Colexio:

a) Os rendementos de calquera natureza que produzan as actividades que realice, especialmente os derivados da organización de actividades de formación, e os bens ou dereitos que integren o seu patrimonio.

b) As cotas de incorporación.

c) Os dereitos que correspondan por expedición de certificacións e de comunicacións.

d) Os dereitos que correspondan pola emisión de ditames, resolucións, informes ou consultas que se realicen sobre calquera materia, incluídas as referidas a honorarios, así como pola prestación doutros servizos colexiais.

e) O importe das cotas ordinarias, fixas ou variables, así como o das cotas extraordinarias.

f) As subvencións ou donativos que conceda calquera Administración pública ou persoa física ou xurídica.

g) Os bens e dereitos de toda clase que, por herdanza, legado ou outro título pasen a formar parte do seu patrimonio.

h) A participación do Colexio que corresponda pola xestión das mutualidades de previsión social.

i) Os xuros, rendas, pensións e valores que produzan os bens ou dereitos que integran o capital ou o patrimonio do Colexio.

j) Todos os demais ingresos que a Xunta Xeral ou a Xunta de Goberno, nas súas respectivas atribucións, acorde establecer con este carácter, así como os posibles ingresos que se obteñan por servizos prestados polo Colexio por publicación, documentación, informacións ou ditames.

k) As sancións de multa que, se é o caso, se apliquen.

l) Calquera outro que legalmente proceda.

Artigo 98. Orzamento

1. Anualmente a Xunta de Goberno elaborará un orzamento, que elevará á Xunta Xeral para o seu exame, emenda e aprobación ou rexeitamento.

2. Se non se aprobasen antes do primeiro día do exercicio económico correspondente, consideraranse automaticamente prorrogados os orzamentos do exercicio económico anterior.

Artigo 99. Da contabilidade

A contabilidade do Colexio adaptarase ao Plan xeral de contabilidade que estea vixente en cada momento.

TÍTULO VIII

Do persoal e funcionamento administrativo do colexio

Artigo 100. Expedientes, actos e comunicacións

1. A actividade do Colexio axustarase, no non previsto neste estatuto nin no Estatuto xeral da avogacía española, ao disposto nas leis administrativas ou laborais, segundo a natureza dos asuntos desenvolvidos.

2. As convocatorias, circulares e toda clase de notificacións e comunicacións colexiais poderanse practicar por medios telemáticos, fax, listas de correo de distribución electrónica ou mensaxes de correo electrónico, que comunicarán, ao domicilio profesional do colexiado ou colexiada e, se é o caso, ao das sociedades profesionais que se facilitaron ao Colexio. A Xunta de Goberno procederá á regulación detallada das ditas notificacións a Xunta de Goberno.

3. Nas comunicacións, notificacións e demais escritos oficiais do Colexio da avogacía de Lugo utilizaranse, indistintamente, os dous idiomas cooficiais da comunidade autónoma, o galego e castelán, sen prexuízo da súa tradución, se así se requirise.

Artigo 101. Do/da xerente ou director/a letrado/a ou o secretario/a técnico/a do Colexio e persoal administrativo e auxiliar

O Colexio da avogacía poderá contar cos servizos de xerencia ou dirección letrada ou secretaría técnica, que organizará administrativamente o Colexio e terá as demais funcións e competencias que a propia Xunta determine ou delegue, excepto a competencia para resolver os expedientes disciplinarios.

A Xunta de Goberno procederá á designación dos empregados administrativos, auxiliares e subalternos que sexan necesarios para a boa marcha do Colexio.

TÍTULO IX

Da modificación dos estatutos

Artigo 102. Modificación do Estatuto

A modificación do presente Estatuto será competencia da Xunta Xeral, nos termos e cos requisitos que prevé o Estatuto xeral da avogacía española, por proposta da Xunta de Goberno ou dun grupo de máis dun 25 % de colexiados e colexiadas que, polo menos, leven seis meses incorporados ao Colexio.

Quen propuxese a modificación redactará o proxecto, que será distribuído a todos os membros do Colexio para o seu coñecemento, e calquera poderá formular emendas, totais ou parciais, que se deberán presentar no prazo fixado para o efecto e, en todo caso, dentro dos dous meses seguintes á publicación do devandito proxecto, e estas serán as únicas que se sometan a discusión e votación.

A Xunta Xeral convocarase dentro do mes seguinte ao da expiración do prazo e recepción de emendas, e deberá celebrarse antes dos dous meses seguintes á convocatoria. Requirirá para a súa válida constitución a este fin, nesta primeira convocatoria, a asistencia da metade máis un do censo colexial con dereito a voto. Se non se alcanzase este quorum, a Xunta de Goberno convocará nova unha Xunta Xeral na que non se exixirá quorum especial ningún.

Na Xunta Xeral o membro da Xunta que esta designe defenderá o proxecto e, seguidamente, quen propuxese a emenda, ou se fosen varias, a persoa que de entre eles designen poderá facer uso do dereito á súa defensa. Unha vez finalizada a súa intervención, abriranse quendas a favor e en contra, de forma alternativa por cada emenda presentada, e someterase seguidamente a votación.

Finalizada a quenda de emendas, o texto definitivo do proxecto será sometido a votación e, se é o caso, elevarase ao Consello correspondente para a súa aprobación. Remitirase tamén á consellería competente en materia de colexios profesionais para a súa aprobación definitiva, logo de cualificación de legalidade.

Habilítase expresamente a Xunta de Goberno para introducir as eventuais modificacións estatutarias que fosen requiridas ou propostas polo Consello Xeral da avogacía Española, o Consello da avogacía Galega ou o órgano competente da Xunta de Galicia no trámite de cualificación da súa legalidade ou por impositivo legal.

TÍTULO X

Do cambio de denominación, fusión, segregación, disolución e liquidación

Artigo 103. A fusión, disolución e liquidación do Colexio

O cambio de denominación, a fusión con outros colexios e a disolución do Colexio poderán ser acordados en Xunta Xeral Extraordinaria convocada especialmente para o efecto pola Xunta de Goberno ou cando o soliciten, polo menos, unha quinta parte dos colexiados exercentes, con máis de seis meses de antigüidade no exercicio profesional. Á Xunta deberán asistir persoalmente, polo menos a metade máis un dos integrantes do censo colexial, e non se permitará a delegación do voto.

No suposto de aprobarse a disolución, a mesma Xunta Xeral proverá o conveniente e requirirá acordo unánime dos seus membros adoptado en Xunta Xeral convocada para o efecto e ratificado pola disposición legal correspondente. En canto á liquidación, levarase a cabo conforme as disposicións vixentes legais e prescricións contidas no acordo de disolución adoptado pola Xunta Xeral a que se refire o parágrafo anterior.

Disposición adicional

En todo o non previsto no presente estatuto será de aplicación o prevido nas leis que regulan os colexios profesionais e o Estatuto xeral da avogacía española e o Estatuto do consello da avogacía galega, as normas de desenvolvemento que os citados Consellos diten e a Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común que se aplicará a cantos actos dos órganos colexiais supoñan exercicio de potestades administrativas.

Disposición transitoria

Con carácter xeral, os procedementos en tramitación á data de entrada en vigor do presente estatuto proseguirán ata a súa terminación conforme a normativa a cuxo teor se iniciaron. Con todo, o disposto sobre réxime xurídico e impugnación dos actos colexiais, en todo o relativo a normativa aplicable, cómputo de prazos, executividade e eficacia dos actos suxeitos a dereito administrativo, notificación das resolucións colexiais e recursos, será de aplicación a todos os procedementos en tramitación desde a mesma entrada en vigor dos presentes estatutos.