DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 214 Venres, 10 de novembro de 2023 Páx. 62002

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

RESOLUCIÓN do 2 de novembro de 2023, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición da Fundación Cultural da Vieira no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición da Fundación Cultural da Vieira no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprécianse os seguintes feitos e fundamentos de dereito:

Feitos:

1. O 20 de xuño de 2023, José Carlos Palmou Cibeira, asesor xurídico do padroado da Fundación, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Cultural da Vieira constituírona José Cerdeira Taboada, Irene de Blas Hidalgo, José Antonio González Lana, Carlos de Blas Armada, José Luis Pardo Armesto, Rafael Sánchez Rivera, Santiago de Blas Hidalgo, Julio Domínguez Blas e María Carmen Hidalgo Lorduy, mediante escritura pública outorgada o 25 de maio de 2023, ante o notario de Madrid Luis Máiz Cal, co número de protocolo 1.115. Tras requirimento do 26 de xuño de 2023, o 31 de xullo os fundadores achegaron unha nova escritura outorgada o 17 de xullo de 2023, ante a notaria da Estrada (Pontevedra) Carmen Alicia Calaza López, co número 1.089 do seu protocolo, en que emendan o indicado no citado requirimento.

3. A Fundación, consonte o artigo 6 dos seus estatutos, ten como fin principal «o fomento e a difusión da lingua, a cultura e o sentimento de galeguidade, á marxe de ideoloxías, potenciando especialmente, con motivo dos anos santos, o coñecemento das rutas xacobeas e das peregrinacións a Santiago».

4. Na escritura de constitución da fundación constan os aspectos relativos á identidade dos fundadores; a súa capacidade para constituíla; a súa vontade de facelo como de interese galego conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; a dotación; os estatutos e a composición do padroado inicial.

5. Nos estatutos da fundación constan a súa denominación; o seu enderezo; o seu obxecto e finalidade; as regras para a aplicación das rendas aos fins fundacionais e para a determinación dos/das beneficiarios/as; a composición e as normas de funcionamento do padroado; e as causas de disolución e o destino dos bens e dereitos resultantes da súa liquidación.

6. O padroado inicial da Fundación está formado por José Cerdeira Taboada, como presidente; Irene de Blas Hidalgo, como vicepresidenta; Carlos de Blas Armada, como secretario; José Antonio González Lana, como tesoureiro; José Carlos Palmou Cibeira, como vogal con funcións de asesor xurídico, e José Luis Pardo Armesto, Rafael Sánchez Rivera, Santiago de Blas Hidalgo, Julio Domínguez Blas e María Carmen Hidalgo Lorduy, como vogais.

7. A comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías elevou ao vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Cultural da Vieira, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e segundo establecen os artigos 47.2 da citada lei, 51 do Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, e 7 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, o protectorado será exercido polo departamento da Xunta de Galicia que teña atribuídas as competencias correspondentes aos fins fundacionais.

8. De conformidade coa citada proposta, pola Orde da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes do 17 de outubro de 2023 (Diario Oficial de Galicia núm. 208, do 2 de novembro de 2023) clasificouse de interese cultural a Fundación Cultural da Vieira, e adscribiuse á Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

Fundamentos de dereito:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece que es competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, en relación co Decreto 119/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, corresponde a esta consellería a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Cultural da Vieira, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no dito regulamento.

Á vista do que antecede e tendo en consideración o establecido na normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, e nas demais normas de xeral e pertinente aplicación, en uso das competencias atribuídas polo Decreto 119/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar de interese galego a Fundación Cultural da Vieira.

Segundo. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, Sección da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

Terceiro. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, no Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, no Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, e na demais normativa de aplicación e, especialmente, ás obrigas de dar publicidade suficiente dos seus obxectivos e actividades, da ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como á de presentación anual da documentación contable e do plan de actuación ante o protectorado.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñerse recurso de alzada ante o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación, de acordo co sinalado nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 2 de novembro de 2023

Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación,
Formación Profesional e Universidades