DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 214 Venres, 10 de novembro de 2023 Páx. 62227

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Innovación

RESOLUCIÓN do 2 de novembro de 2023 pola que se convoca o procedemento de acceso ao grao I do complemento de desempeño do posto de traballo para o persoal laboral propio.

Tras ser asinado o 31 de outubro de 2023 o Acordo entre a Consellería de Facenda e Administración Pública e as organizacións sindicais CSIF, CC.OO. e UGT (en diante, Acordo) para a integración do persoal da Axencia Galega de Innovación nas estruturas da Administración da Xunta de Galicia, a presente resolución ten por finalidade a convocatoria de carácter extraordinario do grao I do complemento de desempeño do posto de traballo para o persoal laboral da Axencia Galega de Innovación (Gain).

Esta resolución divídese en dúas seccións e consta de 14 artigos, 2 cláusulas adicionais e unha disposición derradeira.

A sección primeira, baixo a rúbrica de disposicións xerais, consta de 12 artigos e regula o obxecto, o ámbito subxectivo, os supostos de desistencia, renuncia e cambio de grupo ou vínculo, así como a forma de acreditación dos requisitos exixidos e o procedemento.

A sección segunda regula os criterios de acceso ao grao I.

Por todo iso, en virtude do disposto no artigo 38 do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do estatuto básico do empregado público, e do disposto no artigo 154 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, a directora da Axencia Galega de Innovación, en uso das competencias que lle atribúe o Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación e se aproban os seus estatutos,

DISPÓN:

Sección 1ª. Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto regular o procedemento para o acceso ao réxime extraordinario do grao I do sistema transitorio do complemento de desempeño do posto de traballo para o persoal laboral. Este complemento de carácter fixo será adicional aos conceptos retributivos actualmente existentes na estrutura salarial do persoal laboral.

Artigo 2. Ámbito subxectivo

O sistema transitorio de complemento de desempeño do posto do persoal laboral será de aplicación ao persoal laboral propio da Axencia Galega de Innovación (Gain ou Axencia).

Artigo 3. Exclusións

Queda excluído o persoal investigador contratado pola Axencia baixo a modalidade de persoal investigador distinguido, que se regula no Decreto 64/2016, do 26 de maio.

Así mesmo, queda excluído o persoal laboral da Xunta de Galicia.

Artigo 4. Desistencia e renuncia

4.1. O persoal laboral propio da Axencia Galega de Innovación poderá desistir da súa solicitude de recoñecemento do grao do complemento de desempeño antes da súa resolución ou ben renunciar ao grao unha vez recoñecido.

4.2. Tanto a desistencia como a renuncia serán comunicadas por escrito á persoa titular da Axencia, que aceptará de plano a desistencia ou a renuncia e ditará resolución en que declare finalizado o procedemento de recoñecemento do grao no sistema de complemento de desempeño.

4.3. Os efectos da comunicación de desistencia produciranse desde a data de recepción desta. A renuncia implicará a perda permanente do grao que tivese recoñecido e os dereitos económicos asociados a el desde o mes seguinte á data da resolución.

Artigo 5. Progresión de graos

O grao extraordinario adquírese no grupo de pertenza ou nomeamento en 31.12.2022. A progresión nos distintos graos para cada grupo será consecutiva e irreversible.

Artigo 6. Cambio de grupo ou subgrupo ou vínculo

6.1. O persoal laboral incluído no ámbito subxectivo desta resolución que acceda a outro grupo ou subgrupo mediante os procedementos de promoción interna e teña recoñecido un grao de carreira administrativa deberá reiniciar a carreira no novo grupo ou subgrupo.

Este cambio non afectará o grao de carreira xa recoñecido. Polo tanto, continuará percibindo o complemento de carreira no grupo ou subgrupo de orixe, ao cal se lle irán sumando as novas retribucións, ata o límite de catro graos. Cando o persoal laboral teña recoñecidos máis de catro graos, percibirá o complemento de desempeño correspondente aos catro graos de maior contía.

Porén, daráselle por recoñecido o grao inicial. No caso da promoción interna vertical, o tempo prestado no anterior grupo ou subgrupo computará como prestado no novo grupo ou subgrupo.

6.2. O desempeño de funcións de categoría superior en ningún caso consolidará as cantidades nin o grao superior do complemento de desempeño.

Artigo 7. Homologación de graos recoñecidos noutras administracións públicas

O persoal laboral incluído no ámbito de aplicación desta resolución que supere o correspondente proceso de funcionarización consolidará o grao recoñecido e a Dirección Xeral da Función Pública realizará a súa conversión como complemento de desempeño do persoal laboral da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Efectos económicos

En función das dispoñibilidades orzamentarias, o pagamento deste complemento adicional ao complemento de desempeño correspondente ao grao I recoñecido producirase de maneira progresiva en dúas anualidades, con efectos económicos do 1 de xaneiro de cada ano, coa distribución que se indica a continuación:

• En 2023 o 80 %.

• En 2024 o 100 %.

A retribución percibirase sempre que se estea en servizo activo no grupo en que se lle recoñeceu.

O persoal laboral que se encontre de permiso por parto, paternidade ou adopción e acollemento ou en incapacidade temporal poderá solicitar o recoñecemento igualmente, pero os efectos económicos produciranse a partir da finalización do permiso ou incapacidade.

Nestes supostos do parágrafo anterior tamén poderá solicitarse o recoñecemento do grao I durante o mes seguinte á finalización do permiso ou da incapacidade.

No caso do persoal laboral en activo en 31.12.2022 xubilado con anterioridade ao inicio do prazo de presentación de solicitudes, os efectos económicos serán desde o 1.1.2023 ata a data da xubilación.

No caso de persoal laboral en activo en 31.12.2022 que falecese con anterioridade ao inicio do prazo de presentación, a solicitude presentarana os herdeiros a través da sede electrónica da Xunta de Galicia mediante o modelo PR004A (presentación electrónica de solicitudes, escritos e comunicacións que non conten cun sistema electrónico específico nin cun modelo electrónico normalizado), dirixida á Axencia Galega de Innovación. Deberán achegar a documentación xustificativa da condición de herdeiro e consignar a conta bancaria onde realizar o pagamento. Neste caso, os efectos económicos serán desde o 1.1.2023 ata a data de falecemento.

Artigo 9. Efectos administrativos

9.1. Poderá solicitar o recoñecemento do grao I con efectos administrativos:

a) O persoal laboral propio que non estea en activo no seu grupo.

b) O persoal laboral propio en excedencia voluntaria ou excedencia voluntaria por incompatibilidade.

c) O persoal laboral propio en excedencia voluntaria por coidado de fillos ou familiares ou en excedencia por razón de violencia de xénero ou violencia sexual.

d) O persoal laboral propio en excedencia forzosa, pero que non estea prestando servizos en postos ou desempeñando cargos no ámbito da Administración ou en entes instrumentais integrantes do sector público autonómico.

e) O persoal laboral propio en situación de suspensión do contrato de traballo.

f) O persoal laboral propio que estea desempeñando un posto nos órganos estatutarios da Comunidade Autónoma previstos na disposición adicional primeira da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.

9.2. Para o recoñecemento terase en conta o último posto ocupado nesta axencia.

9.3. Nos casos anteriores, o recoñecemento do grao do complemento de desempeño soamente terá efectos administrativos e, unha vez que se reincorporen ao traballo no seu grupo, producirá efectos económicos, para o cal deberán presentar a correspondente solicitude á Axencia Galega de Innovación.

Artigo 10. Procedemento

As persoas interesadas deberán presentar a través da sede electrónica da Xunta de Galicia unha solicitude de recoñecemento do grao do complemento de desempeño do posto de traballo, mediante o modelo PR004A (presentación electrónica de solicitudes, escritos e comunicacións que non conten cun sistema electrónico específico nin cun modelo electrónico normalizado), dirixida á Axencia Galega de Innovación e na cal aleguen o que consideren necesario.

En virtude do disposto no artigo 28.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, o persoal que participou no proceso de estabilización convocado pola Axencia poderá facer constar expresamente na solicitude que se teñan en conta os méritos achegados nel, sen que sexa preciso neste caso presentalos de novo.

Non obstante, poderá presentar outros méritos adicionais que considere oportunos.

O prazo para presentar as solicitudes iniciarase o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e será de 10 días naturais.

Artigo 11. Valoración dos criterios

A Axencia avaliará os criterios que consten no expediente e, se cumpre algún dos requisitos exixidos na convocatoria, estimarase a súa solicitude.

No caso de que non cumpra os requisitos, a persoa será posteriormente requirida para que, no prazo de 5 días naturais. acredite o cumprimento dalgún dos criterios. Non se permite a actualización do expediente para os efectos de solicitar o recoñecemento do complemento de desempeño.

No caso de recibir o requirimento, o procedemento de acreditación dos méritos será o previsto no anexo I desta resolución.

Artigo 12. Resolución

12.1. O prazo máximo para resolver as solicitudes será de 1 mes, contado desde a presentación da solicitude. De non ditarse resolución no dito prazo, a solicitude entenderase desestimada.

12.2. As resolucións estimatorias de recoñecemento de grao terán efectos desde o 1 de xaneiro de 2023.

12.3. As resolucións estimatorias ou desestimatorias do recoñecemento extraordinario do grao de complemento de desempeño seranlle notificadas directamente a cada interesado e publicadas na páxina web da Axencia <gain.xunta.gal>, de xeito que quede garantida a protección dos datos persoais das persoas interesadas.

12.4. Contra a resolución estimatoria ou desestimatoria do recoñecemento extraordinario do grao do complemento de desempeño, as persoas interesadas poderán interpor recurso potestativo de reposición ante a directora da Axencia Galega de Innovación no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da data de notificación da correspondente resolución, de acordo co previsto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderán presentar recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da notificación da correspondente resolución, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Sección 2ª. Acceso ao grao I

Artigo 13. Requisitos específicos para o acceso ao grao I

13.1. Para acceder ao grao I o persoal laboral debe cumprir os seguintes requisitos:

a) Ter a condición de persoal laboral propio na Axencia Galega de Innovación en 31.12.2022, cunha antigüidade, na Gain, de polos menos cinco anos en 31.12.2022 e ter participado no proceso de estabilización convocado pola Gain derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público.

b) Cumprir un dos criterios de avaliación establecidos no artigo 14 en 31.12.2022.

c) Asinar o compromiso de participar no proceso de funcionarización que se convoque.

13.2. O grao extraordinario adquírese no grupo de pertenza ou nomeamento en que se estea ocupando un posto de traballo na dita data, de acordo cos artigos 5 e 6.

Artigo 14. Criterios de avaliación do grao I

Establécense os seguintes criterios de avaliación, dos cales soamente será necesario acreditar un para este recoñecemento:

a) Formación:

• Recibida: valoraranse os cursos de formación convocados, organizados ou impartidos pola Escola Galega de Administración Pública (EGAP); pola Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp); pola Escola Galega de Administración Sanitaria (Fegas); pola Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS); polo Instituto Nacional de Administración Pública (INAP); polas escolas oficiais de formación similares do Estado e das restantes comunidades autónomas, e os cursos dos acordos de formación para o emprego das administracións públicas; cursos impartidos polas organizacións sindicais sempre que fosen homologados pola EGAP; cursos dunha consellería da Xunta de Galicia; cursos impartidos polo INEM; cursos impartidos en entes instrumentais do artigo 45.a) da Lei 16/2010, do 17 de decembro; ou por algún ministerio da Administración xeral do Estado ou por universidades ou entes locais (concellos, deputacións provinciais, cabidos).

A suma de todos os cursos debe consistir nun mínimo de 4 créditos/40 horas.

Para estes efectos, tamén serán considerados os cursos de lingua galega (iniciación, perfeccionamento, medio ou superior de linguaxe administrativa galega ou o ciclo superior dos estudos de galego das escolas oficiais de idiomas) homologados polo órgano competente en materia de política lingüística, sempre que sexan dun nivel superior ao requirido para o desempeño do posto de traballo no correspondente corpo, escala ou categoría profesional. Para estes efectos, os cursos impartidos pola Secretaría Xeral de Política Lingüística considéranse como impartidos por unha consellería da Xunta de Galicia.

Non se valorará a asistencia a congresos, xornadas, seminarios, simposios e similares nin as materias (créditos) que formen parte dunha titulación académica. Tampouco se valoran módulos separados dun determinado curso.

• Impartida: para os/as empregados/as públicos/as que impartisen os cursos anteditos: 10 horas.

b) Realización de todos os cursos de doutoramento (sistema anterior ao Real decreto 185/1985) ou do programa de doutoramento ata o nivel de suficiencia investigadora, segundo os reais decretos 185/1985 e 778/1998, ou pola obtención do diploma de estudos avanzados (DEA)/título de doutor/máster universitario oficial, máster universitario-título propio, experto universitario, especialista universitario.

c) Publicación de traballos científicos e de investigación relacionados coa Administración pública.

d) Dous anos en situación de excedencia por coidado de fillos e familiares ou nunha situación en que o/a empregado/a público/a, estando exento/a de desempeñar as funcións inherentes ao seu nomeamento, desenvolva actividades ou funcións de interese xeral ou público ou de carácter representativo: programas de cooperación internacional, membro do Goberno ou órganos do Goberno das comunidades autónomas, membro das institucións da Unión Europea ou das organizacións internacionais, cargos electivos de representación política, postos ou cargos directivos en organismos ou entidades instrumentais do sector público, dispensas para a realización de funcións sindicais, participación nos órganos constitucionais ou órganos estatutarios das comunidades autónomas e, en xeral, calquera outra situación similar ás anteriores.

e) Nomeamento e participación na totalidade do proceso como membro dalgún tribunal cualificador de procesos selectivos ou de provisión de postos.

f) Ser beneficiario/a do premio de empregados/as públicos/as innovadores convocado pola Axencia Galega de Innovación.

Cláusula adicional primeira. Comisión de Seguimento

Constitúese unha Comisión de Seguimento coas funcións de vixilancia, interpretación e control do Acordo, que estará composta por un membro de cada unha das organizacións sindicais asinantes ou adheridas a este e un número igual de persoas por parte da Administración. Presidirá a persoa titular da Axencia Galega de Innovación ou persoa en que esta delegue e será secretario/a un/unha funcionario/a público/a con rango de subdirector/a xeral ou xefe/a de servizo, que actuará con voz pero sen voto.

Cláusula adicional segunda. Disposición en materia de protección de datos

Os datos persoais recollidos neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Axencia Galega de Innovación coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento, incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas; esta circunstancia reflectirase no devandito formulario.

Os datos seranlles comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para tramitar e resolver os seus procedementos ou para que a cidadanía poida acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de dar a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas poderán ser publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou, presencialmente, nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

Disposición derradeira. Entrada en vigor

A presente resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de novembro de 2023

Patricia Argerey Vilar
Directora da Axencia Galega de Innovación

ANEXO I

Procedemento de acreditación de méritos

Criterio

Forma de acreditación

a) Formación

Recibida: acreditarase mediante copia auténtica do certificado de asistencia ao curso, no cal deberá constar o organismo ou entidade que o convocou e que impartiu a dita actividade formativa, as datas de realización, o contido do curso e número de créditos e/ou horas asignados. Poderáselle requirir á persoa solicitante a achega do programa formativo.

Serán válidos, ademais, aqueles diplomas asinados dixitalmente por certificado dixital emitido pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre (FNMT), así como aqueles que se poidan referir a unha web verificable ou cotexable.

Noutro suposto, deberá achegarse certificación orixinal asinada polo órgano que impartiu a actividade formativa, coas datas de realización, o contido do curso e número de créditos e/ou horas asignados.

Non se valorarán nesta epígrafe os cursos/módulos nin as materias que sexan parte dunha titulación de formación académica. Tampouco se valoran módulos separados dun determinado curso.

Non se valorará a asistencia a congresos, xornadas, seminarios, simposios e similares. Non se valorarán cursos impartidos por entidades distintas ás indicadas no artigo 2.1.a)

Impartida: acreditarase mediante certificación do organismo ou entidade convocante, na cal deberá constar o contido da actividade formativa, así como o número de horas de docencia impartidas.

Soamente se valorará formación impartida a persoal empregado público.

Noutro suposto, non se entenderá debidamente acreditado tal mérito.

b) Formación universitaria de posgrao

Acreditarase mediante copia auténtica do título expedido polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte ou certificación da respectiva universidade, debidamente asinado, que deixe constancia do mérito invocado pola persoa solicitante.

No relativo aos cursos de doutoramento, para que o dito mérito poida ser obxecto de valoración, a certificación que se achegue deberá deixar constancia expresa de que a persoa solicitante realizou todos os cursos de doutoramento.

No suposto de titulacións obtidas no estranxeiro, presentarase, xunto coa copia auténtica do título, unha tradución xurada deste ou equivalente e credencial de recoñecemento ou homologación da titulación expedida polo Ministerio de Educación español.

c) Publicacións de traballos científicos e de investigación relacionados coa Administración pública

Acreditarase mediante certificación ou copia impresa autenticada pola editorial responsable ou organismo público con competencias en xestión e arquivo de publicacións. Na certificación ou copia impresa deberá constar o nome da revista, o título do traballo, o seu autor e a data de publicación.

Libros/capítulos de libro editados en papel: deberá achegarse copia auténtica das follas en que conste o título do libro, o título do capítulo, o autor, a editorial, o seu depósito legal e/ou ISBN/NIPO, lugar e ano de publicación e índice da obra. Ademais, deberá quedar acreditado o número de páxinas do libro/capítulo e que tal publicación está avalada por unha institución pública, académica, sociedade científica ou realizada por editoriais científicas de recoñecido prestixio.

Libros editados en formato electrónico: acreditarase mediante certificación ou copia impresa autenticada pola editorial ou organismo público con competencias de xestión e arquivo de publicacións, na cal se fará constar a autoría do capítulo e demais datos bibliográficos básicos que identifiquen a obra e/ou capítulo (autores, data de publicación, edición, ano, URL e data de consulta e acceso). Tal publicación deberá estar avalada por unha institución pública, académica, sociedade científica ou realizada por editoriais científicas de recoñecido prestixio.

Noutro suposto, non se entenderá debidamente acreditado tal mérito.

d) Situación de excedencia por coidado de fillos e familiares ou outra situación en que, exento/a de desempeñar as funcións inherentes ao seu nomeamento, desenvolva actividades ou funcións de interese xeral ou público ou de carácter representativo

Excedencia por coidado de familiares: acreditarase mediante certificación en que conste a data de inicio e a data de finalización desta situación.

Resto de casos: acreditarase mediante certificación expedida polo órgano, organismo u organización correspondente en que consten o período de duración e as funcións desenvolvidas.

e) Nomeamento e participación na totalidade do proceso como membro dalgún tribunal cualificador de procesos selectivos ou de provisión de postos

Acreditarase mediante certificación expedida polo órgano convocante do correspondente proceso de selección ou provisión.

f) Ser beneficiario/a do premio de empregados/as públicos/as innovadores convocado pola Axencia Galega de Innovación

Acreditarase mediante certificación expedida pola Axencia Galega de Innovación.