DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 213 Xoves, 9 de novembro de 2023 Páx. 61736

IV. Oposicións e concursos

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 30 de outubro de 2023 pola que se aproba e se fai pública a listaxe definitiva de persoas admitidas e excluídas, e se convoca ao segundo exercicio do proceso selectivo para o acceso á escala técnica superior de administración, especialidade económica.

Mediante a Resolución reitoral do 24 de febreiro de 2023 (DOG do 7 de marzo e BOE do 27 de marzo), convocáronse probas selectivas para cubrir dúas prazas na escala técnica superior de administración, especialidade económica, subgrupo A1, pola quenda de acceso libre.

Mediante a Resolución reitoral do 5 de maio de 2023 (DOG do 16 de maio) aprobouse a relación provisional de persoas admitidas e excluídas nas mencionadas probas selectivas e fixouse un prazo para emendar os defectos que motivasen a exclusión ou omisión.

Rematado o dito prazo e consonte o establecido na base 4.4 da convocatoria,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar aprobada e facer pública a listaxe definitiva de persoas admitidas e excluídas ás citadas probas.

Segundo. Indicar que a citada listaxe definitiva está exposta no taboleiro electrónico da USC e na web: https://www.usc.gal/gl/institucional/goberno/area/xestionpersoal/PAS/oep/listado

Terceiro. Convocar as persoas aspirantes admitidas para a realización do segundo exercicio da fase de oposición o día 5 de febreiro de 2024, ás 17.00 horas, na aula núm. 10 da Facultade de Dereito (avenida Dr. Ángel Echeverri, s/n. Santiago de Compostela). Non se realizará o primeiro exercicio dado que todas as persoas aspirantes acreditan coñecemento de galego.

A publicación dos sucesivos anuncios de realización dos demais exercicios efectuaraa o tribunal, nos locais onde se realizase a proba anterior, no taboleiro electrónico da universidade e na páxina web mencionada no punto segundo.

Contra a presente resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Non obstante, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes perante o órgano que a ditou. Neste caso, non se poderá interpoñer o recurso contencioso-administrativo antes citado mentres non se dite resolución expresa ou presunta do recurso administrativo de reposición, ao abeiro dos artigos 123 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2023

Antonio López Díaz
Reitor da Universidade de Santiago de Compostela