DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 213 Xoves, 9 de novembro de 2023 Páx. 61643

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Xuventude

ORDE do 2 de novembro de 2023 pola que se modifica a Orde do 19 de maio de 2023, pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas a entidades privadas para o fomento da gratuidade da atención educativa dos nenos e nenas da Comunidade Autónoma de Galicia en escolas infantís 0-3 para o curso 2023/24 e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS420C).

O 5 de xuño de 2023 publicouse no número 105 do Diario Oficial de Galicia a Orde do 19 de maio de 2023 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas a entidades privadas para o fomento da gratuidade da atención educativa dos nenos e nenas da Comunidade Autónoma de Galicia en escolas infantís 0-3 para o curso 2023/24 e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS420C).

Esta orde ten por obxecto convocar, en réxime de concorrencia non competitiva, o procedemento de concesión de axudas económicas a entidades privadas para promover a aplicación nas escolas infantís 0-3 anos da súa titularidade dunha bonificación do 100 % do prezo correspondente á atención educativa prestada aos nenos e nenas da Comunidade Autónoma de Galicia entre o 1 de setembro de 2023 e o 31 de agosto de 2024 (código de procedemento BS420C).

Así mesmo, serán destinatarias da concesión destas axudas económicas as entidades privadas xestoras destes recursos que acrediten a aplicación dunha bonificación do 100 % do prezo correspondente á atención educativa prestada desde o inicio do dito curso.

A presente modificación ten por obxecto concretar os meses efectivos da gratuidade da atención educativa mantendo o máximo de 11 meses por curso e excluíndo o mes de agosto ao considerar que a maioría das escolas infantís 0-3 están pechadas por baixa demanda, incrementar o crédito en 660.000 € na anualidade de 2023 e en 1.155.000 € na anualidade de 2024 na aplicación orzamentaria 13.02.312B.470.2, debido ao aumento do número de nenos e nenas asistentes ás escolas infantís 0-3; facilitar o acceso a esta convocatoria de axudas a aquelas entidades cuxos prezos se sitúan por debaixo dos topes previstos nela, para que poidan compensar, de ser o caso, o incremento experimentado polos prezos das subministracións e outros gastos correntes que repercuten nos custos das prazas, adiantar o prazo de xustificación para proceder tamén ao adianto da tramitación da axuda e proceder ao pagamento da axuda complementaria polo aumento de prazas ou do reintegro pola diminución delas, de ser o caso.

En consecuencia, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta de Galicia e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo único. Modificación da Orde do 19 de maio de 2023 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas a entidades privadas para o fomento da gratuidade da atención educativa dos nenos e nenas da Comunidade Autónoma de Galicia en escolas infantís 0-3 para o curso 2023/24 e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS420C)

A Orde do 19 de maio de 2023 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas a entidades privadas para o fomento da gratuidade da atención educativa dos nenos e nenas da Comunidade Autónoma de Galicia en escolas infantís 0-3 para o curso 2023/24 e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS420C), queda modificada como segue:

Un. O número 1 do artigo 1, referido ao obxecto da convocatoria, queda redactado como segue:

«1. Esta orde ten por obxecto convocar, en réxime de concorrencia non competitiva, o procedemento de concesión de axudas económicas a entidades privadas para promover a aplicación nas escolas infantís 0-3 anos da súa titularidade dunha bonificación do 100 % do prezo correspondente á atención educativa prestada aos nenos e nenas da Comunidade Autónoma de Galicia entre o 1 de setembro de 2023 e o 31 de xullo de 2024 (código de procedemento BS420C)».

Dous. O número 1 do artigo 2, referido ao financiamento, queda redactado como segue:

«1. Ás axudas obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total de 43.285.939 euros, coa seguinte desagregación:

Aplicación orzamentaria

Código de proxecto

Ano 2023

Ano 2024

Total

13.02.312B.470.2

2020.00052

11.395.576 €

19.942.260 €

31.337.836 €

13.02.312B.481.3

2020.00052

4.344.765 €

7.603.338 €

11.948.103 €

Total

15.740.341 €

27.545.598 €

43.285.939 €»

Tres. O número 2 do artigo 4, referido ao tipo de axuda e contía, queda redactado como segue:

«2. As axudas calcularanse en función das tarifas da escola infantil no curso 2023/24, as cales poderán incrementarse respecto das do curso anterior ata un 7,5 %, sen superar o tope de 329 euros por atención educativa no cal está incluída a parte proporcional da matrícula. No caso de escolas infantís cuxo prezo por xornada completa unha vez realizado o incremento do 7,5 % indicado resultar inferior a 200 euros, poderán realizar un incremento de ata o dito prezo de 200 euros. O cálculo deste importe obterase multiplicando 11 mensualidades, como máximo, polo número de prazas ocupadas na escola infantil na data do 1 de xuño de 2023 e polas tarifas correspondentes».

Catro. O número 1 do artigo 15, referido á xustificación das axudas, queda redactado como segue:

«1. Para a xustificación da axuda concedida, con base no establecido no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e mais nos artigos 44, 52 e seguintes do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e tendo en conta o obxecto e a natureza destas axudas, as entidades beneficiarias deberán achegar, coa data límite do 31 de xullo de 2024, a seguinte documentación:»

Disposición adicional única. Apertura do prazo de presentación de solicitudes

Ábrese un novo prazo de presentación de solicitudes que será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

As solicitudes presentadas segundo o establecido no parágrafo anterior tramitaranse de acordo coas bases establecidas na Orde do 19 de maio de 2023 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas a entidades privadas para o fomento da gratuidade da atención educativa dos nenos e nenas da Comunidade Autónoma de Galicia en escolas infantís 0-3 para o curso 2023/24 e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS420C).

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de novembro de 2023

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Xuventude