DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 213 Xoves, 9 de novembro de 2023 Páx. 61646

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Xuventude

EXTRACTO da Orde do 2 de novembro de 2023 pola que se modifica a Orde do 19 de maio de 2023, pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas a entidades privadas para o fomento da gratuidade da atención educativa dos nenos e nenas da Comunidade Autónoma de Galicia en escolas infantís 0-3 para o curso 2023/24 e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS420C).

BDNS (Identif.): 700002.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

As persoas beneficiarias, ao abeiro desta modificación, son as entidades previstas na Orde do 19 de maio de 2023 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas a entidades privadas para o fomento da gratuidade da atención educativa dos nenos e nenas da Comunidade Autónoma de Galicia en escolas infantís 0-3 para o curso 2023/24 e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS420C).

Segundo. Obxecto e finalidade

A presente modificación ten por obxecto concretar os meses efectivos da gratuidade da atención educativa establecidos na Orde do 19 de maio de 2023, mantendo o máximo de 11 meses por curso e excluíndo o mes de agosto; incrementar o crédito en 660.000 € na anualidade de 2023 e en 1.155.000 € na anualidade de 2024 na aplicación orzamentaria 13.02.312B.470.2, facilitarlles o acceso a esta convocatoria de axudas a aquelas entidades cuxos prezos se sitúan por debaixo dos topes previstos nela e adiantar o prazo de xustificación.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 19 de maio de 2023 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas a entidades privadas para o fomento da gratuidade da atención educativa dos nenos e nenas da Comunidade Autónoma de Galicia en escolas infantís 0-3 para o curso 2023/24 e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS420C).

Cuarto. Financiamento

En virtude do incremento do crédito, ás axudas obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total de 43.285.939 euros, coa seguinte desagregación:

Aplicación orzamentaria

Código de proxecto

Ano 2023

Ano 2024

Total

13.02.312B.470.2

2020.00052

11.395.576 €

19.942.260 €

31.337.836 €

13.02.312B.481.3

2020.00052

4.344.765 €

7.603.338 €

11.948.103 €

Total

15.740.341 €

27.545.598 €

43.285.939 €

Quinto. Tipos de axuda e contía

1. A convocatoria comprende unha liña de axudas destinada a compensar a aplicación da bonificación do 100 % do prezo da atención educativa na contía do prezo mensual que lle correspondera aboar á familia segundo as tarifas establecidas polas horas de asistencia do neno ou nena ata un máximo de 329 euros/mes por praza a xornada completa, excluído o mes de vacacións do neno ou nena.

2. As axudas calcularanse en función das tarifas da escola infantil no curso 2023/24, as cales poderán incrementarse respecto das do curso anterior ata un 7,5 %, sen superar o tope de 329 euros por atención educativa no cal está incluída a parte proporcional da matrícula. No caso de escolas infantís cuxo prezo por xornada completa unha vez realizado o incremento do 7,5 % indicado resultar inferior a 200 euros, poderán realizar un incremento de ata o dito prezo de 200 euros. O cálculo deste importe obterase multiplicando 11 mensualidades, como máximo, polo número de prazas ocupadas na escola infantil na data do 1 de xuño de 2023 e polas tarifas correspondentes.

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

En virtude da modificación, ábrese o prazo de presentación de solicitudes, que será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

As solicitudes presentadas segundo o establecido no parágrafo anterior tramitaranse de acordo coas bases establecidas na Orde do 19 de maio de 2023 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas a entidades privadas para o fomento da gratuidade da atención educativa dos nenos e das nenas da Comunidade Autónoma de Galicia en escolas infantís 0-3 para o curso 2023/24 e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS420C).

Santiago de Compostela, 2 de novembro de 2023

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Xuventude