DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 213 Xoves, 9 de novembro de 2023 Páx. 61618

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Xuventude

ORDE do 31 de outubro de 2023 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas económicas para compensar os gastos do servizo de comedor das escolas infantís 0-3 dependentes de entidades privadas de iniciativa social para o curso 2023/24, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS420F).

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23, asígnalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, establece, no seu artigo 3, os obxectivos do Sistema galego de servizos sociais, incluíndo entre estes o de dar protección e oportunidades sociais e educativas a menores de idade e a aqueloutras persoas que estean en situación de conflito ou de desamparo.

A Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, recoñece no seu artigo 6 como un dos principios de responsabilidade pública o de atender, apoiar e protexer as familias como núcleo fundamental da sociedade no cumprimento das súas funcións.

Pola súa vez, o Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia, prevé que as escolas infantís 0-3, ademais do coidado e atención dos nenos e nenas, poderán prestarlles un servizo de comedor. Este servizo, de carácter complementario, ademais de constituír un factor importante para a escolarización nesta etapa de escolarización non obrigatoria, tamén desenvolve unha destacada función social, pois a Consellería de Política Social e Xuventude xa vén bonificando o custo dos menús diarios dos nenos e nenas usuarios do servizo de comedor en escolas infantís dependentes de centros sostidos con fondos públicos en función da renda da unidade familiar.

Tendo en conta o Decreto 59/2023, do 14 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e o Decreto 79/2023, do 22 de xuño, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, e mais o Decreto 124/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Xuventude, atribúese á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica o exercicio das políticas autonómicas en materia de acción social de apoio á familia, á infancia e á adolescencia, segundo o disposto na Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, na Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, e na Lei 4/2001, do 31 de maio, reguladora da mediación familiar.

A atención á infancia e o apoio ás familias é unha das liñas estratéxicas de actuación da Xunta de Galicia, articulada a través do Programa de apoio á natalidade (PAN), un programa integral cuxo obxectivo principal é aumentar o benestar das familias galegas mediante diferentes actuacións que se estruturan en tres eixes principais: axudas, servizos e recursos de conciliación.

En consonancia co anterior, esta orde de axudas que se encadra no programa PAN ten como finalidade a concesión das axudas co obxecto de contribuír a sufragar parte dos gastos de alimentación dos nenos e nenas que asisten ás escolas infantís 0-3 dependentes de entidades privadas de iniciativa social, en moitos casos familias vulnerables e xa usuarias destas escolas infantís que xa viñan recibindo unha bonificación polo servizo de comedor.

Esta orde, que se tramitará en réxime de concorrencia non competitiva, por non ser necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos, de acordo co previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, adáptase ao disposto na dita lei, así como ao Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e demais normativa de desenvolvemento; á Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como ao Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; tendo en conta, en todo caso, os principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación e eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración da Xunta de Galicia, e a eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas en virtude do artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta de Galicia e súa Presidencia, e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin para o cal foron establecidos,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer, en réxime de concorrencia non competitiva, o procedemento de concesión de axudas económicas destinadas ás entidades privadas de iniciativa social titulares das escolas infantís 0-3 anos coa finalidade de bonificar e compensar os gastos derivados da prestación do servizo de comedor aos nenos e nenas como persoas usuarias da escola e do dito servizo durante o curso escolar 2023/24, e proceder á súa convocatoria (código de procedemento BS420F).

2. Para os efectos desta orde enténdese por servizo de comedor o prestado ben por persoal do propio centro, ben por persoal alleo a el e contratado con tal fin (servizo de catering), e que inclúe os alimentos.

Só poderán facer uso do servizo de comedor os nenos e nenas como persoas usuarias do servizo de atención educativa da escola infantil 0-3.

3. Non será subvencionable o uso do servizo de comedor por días soltos.

Artigo 2. Financiamento

1. Ás axudas obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total de 1.237.103,00 €, que se imputarán á aplicación orzamentaria 13.02.312B.481.3 coa seguinte desagregación:

Aplicación orzamentaria

Ano 2023

Ano 2024

Total

13.02.312B.481.3

449.856,00 €

787.247,00 €

1.237.103,00 €

2. De conformidade co disposto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de acordo co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 3. Entidades beneficiarias

Poderán optar a estas axudas as entidades privadas de iniciativa social titulares dunha ou máis escolas infantís 0-3 en funcionamento que desenvolvan a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia e cumpran os seguintes requisitos:

a) Que a entidade titular da escola infantil 0-3 que presta o servizo de comedor pola que solicita as axudas fose beneficiaria das axudas convocadas a través da Orde do 30 de decembro de 2020 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para o funcionamento das escolas infantís 0-3 dependentes de entidades privadas de iniciativa social, e se procede á súa convocatoria para os anos 2021 e 2022 (código de procedemento BS420A), publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 7, do 13.1.2021.

b) Estar debidamente inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS) da Consellería de Política Social e Xuventude, de acordo co disposto no Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia.

c) Que a escola infantil 0-3 da entidade que presta o servizo de comedor pola que solicita as axudas dispón do permiso de inicio de actividades para a prestación do servizo de escola infantil outorgado pola consellería competente na materia.

d) Que a escola infantil 0-3 da entidade que presta o servizo de comedor pola que solicitan as axudas dispón da documentación que acredita que os nenos e nenas que asisten a ela seguen o calendario de vacinación infantil do Programa galego de vacinación de conformidade coa normativa de aplicación e teñen a súa residencia na Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Que a escola infantil 0-3 da entidade que presta o servizo de comedor pola que se solicitan as axudas estea aplicando, pola utilización do dito servizo, un réxime de prezos equivalente ao previsto no Decreto 49/2012, do 19 de xaneiro, polo que se aproba o réxime de prezos das escolas infantís 0-3 dependentes da Consellería de Traballo e Benestar, entón órgano competente na materia.

Artigo 4. Tipo de axuda e contía

A axuda consistirá nunha compensación para sufragar os gastos do uso do servizo de comedor por cada neno ou nena como persoas usuarias da escola infantil, que será a equivalente ao importe que deixen de aboar as familias nas escolas infantís do sector público autonómico de conformidade coa normativa reguladora do seu réxime de prezos máis a contía de 15,95 €/mes por cada neno ou nena usuarios.

Subvencionarase un máximo de 11 meses entre o 1 de setembro de 2023 e o 31 de xullo de 2024.

Artigo 5. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

1. A percepción das axudas para gastos causados pola utilización do servizo de comedor é compatible con outras subvencións, axudas e ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado.

2. No caso de percibírense outras axudas, deberase acreditar documentalmente a súa natureza e contía, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución das actuacións. A comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

3. En ningún caso o importe das axudas concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas, ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere os gastos da actividade subvencionada.

4. As entidades solicitantes deberán presentar unha declaración comprensiva de todas as axudas e subvencións solicitadas, concedidas ou percibidas para a mesma finalidade, usando o formulario establecido para o efecto nesta orde, o cal terán que volver achegar actualizado no suposto de variar as circunstancias inicialmente declaradas.

Artigo 6. Lugar e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. De acordo co previsto no artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 7. Documentación complementaria

1. As entidades solicitantes deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Acreditación da personalidade e representación da persoa que solicita a axuda no caso de ter variacións respecto da última presentada ante calquera Administración .

b) Relación nominal dos nenos e das nenas que asisten á escola infantil 0-3 e fan uso do servizo de comedor durante o período subvencionado (curso 2023/24), con indicación da contía que lle corresponda aboar polo dito servizo, que deberán ter cuberto na aplicación informática escinf, no enderezo seguinte: https://escinf.xunta.es/escinfextweb.

2. Ademais, na epígrafe correspondente do anexo I faranse constar as seguintes declaracións:

a) O conxunto de todas as axudas concedidas para a mesma finalidade que a solicitada ao abeiro desta orde.

b) Que foi beneficiaria das axudas convocadas a través da Orde do 30 de decembro de 2020.

c) Que está debidamente inscrita no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS) da Consellería de Política Social e Xuventude, de acordo co disposto no Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia.

d) Que a escola infantil 0-3 pola que solicita as axudas dispón do permiso de inicio de actividades para a prestación do servizo de escola infantil outorgado pola consellería competente na materia.

e) Que dispón da documentación acreditativa do cumprimento do calendario de vacinación infantil do Programa galego de vacinación dos nenos e nenas que asisten á escola infantil e do requisito de residencia en Galicia respecto dos que acceden á bonificación.

f) Que a escola infantil está aplicando pola utilización do servizo de comedor un réxime de prezos equivalente ao previsto na normativa reguladora do réxime de prezos das escolas infantís 0-3 públicas do Sistema de servizos sociais.

g) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan coa solicitude son certos.

h) Que non está incurso/a en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

i) Que non está incurso/a en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

j) Que está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o artigo 9 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

k) Que se compromete a manter o cumprimento destes requisitos durante o período de tempo en que perciba esta subvención e a comunicar inmediatamente cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.

3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados con anterioridade pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) Resolución de inhabilitación para obter subvencións ou axudas rexistrada na Base de datos nacional de subvencións.

d) Resolución de concesión de subvencións ou axudas rexistrada na Base de datos nacional de subvencións.

e) Relación das tarifas de prezos do curso 2023/24, adaptada ao disposto na letra d) do artigo 3.

f) Certificación de estar ao día nas obrigas tributarias emitida pola Axencia Estatal de Administración tributaria.

g) Certificación de estar ao día nas obrigas coa Seguridade Social.

h) Certificación de estar ao día nas obrigas tributarias coa Facenda da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Instrución e procedemento de concesión

1. O procedemento de concesión da axuda é o de concorrencia non competitiva por non ser necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas polas entidades que reúnan os requisitos establecidos, de acordo co previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. En consecuencia, o órgano competente para a tramitación do procedemento comezará a instrución dos expedientes seguindo a orde de presentación das solicitudes de acordo co disposto no artigo 71.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, e concederá a subvención en actos sucesivos ata o esgotamento do crédito.

2. A instrución do procedemento correspóndelle á subdirección con competencias en materia de demografía e conciliación, quen realizará as correspondentes propostas de resolución.

3. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, o órgano responsable da tramitación requirirá as persoas interesadas para que, nun prazo de dez días hábiles, emenden a falta ou acheguen os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixeren, se terán por desistidas da súa petición, logo da correspondente resolución, nos termos previstos no artigo 21 da dita lei.

4. Sen prexuízo do disposto no número anterior, o órgano instrutor realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución e poderá requirir a persoa solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

5. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, para aquelas que reúnan todos os requisitos e acheguen a documentación necesaria solicitarase un informe á subdirección con competencias en materia de autorización e inspección de servizos sociais da Consellería de Política Social e Xuventude sobre as condicións actuais dos centros das entidades solicitantes, para os efectos de comprobación do cumprimento da normativa vixente en materia de servizos sociais.

6. As solicitudes que recollan os datos e a documentación necesaria tramitaranse por un procedemento abreviado en que o órgano instrutor lle formulará ao órgano concedente a proposta de resolución tras comprobar a concorrencia dos requisitos requiridos para a súa concesión.

7. Respecto dos expedientes en que concorran causas de inadmisión, así como de declaración ou aceptación de desistencia, o órgano instrutor formulará a correspondente proposta. En todo caso, non se admitirán a trámite e procederase a ditar a resolución de inadmisión e o arquivamento das solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido na convocatoria.

Artigo 11. Resolución

1. A resolución dos expedientes de axuda, logo da fiscalización da proposta, facendo uso das facultades conferidas no artigo 7.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social e Xuventude.

Con anterioridade a ditarse a resolución de concesión deberá quedar acreditado que a entidade beneficiaria está ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O prazo máximo para resolver e notificar é de tres meses contados a partir do día seguinte ao da data en que a solicitude teña entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o dito prazo sen se ditar resolución expresa, as solicitudes poderanse entender desestimadas.

Artigo 12. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Réxime de recursos

As resolucións expresas ou presuntas que se diten ao abeiro desta orde poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ou ben directamente a interposición de recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a súa notificación, se esta for expresa, ou seis meses a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 14. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

2. Poderá modificarse a resolución inicial cando existan variacións no número de nenos e nenas usuarios do servizo de atención educativa que fagan uso do servizo de comedor. Para estes efectos, terase en conta:

a) Se a contía resultante é superior á concedida polo aumento de nenos e nenas usuarios do servizo de atención educativa que fagan uso do servizo de comedor poderán ditarse resolucións complementarias pola contía que corresponda nos termos previstos no artigo 4.

b) Se a contía resultante é inferior á concedida pola diminución de nenos e nenas usuarios do servizo de atención educativa que fagan uso do servizo de comedor ditaranse as resolucións revogatorias que procedan.

3. As modificacións da concesión inicial realizaranse tendo en conta que a axuda se calcula mensualmente, excluído o mes de vacacións.

4. A modificación das resolucións da letra a) do número 2 están supeditadas á existencia de crédito adecuado e suficiente e á solicitude da entidade beneficiaria de modificación da resolución de concesión a través do anexo II.

Artigo 15. Xustificación das axudas

1. Para a xustificación da axuda concedida, con base no establecido no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e máis nos artigos 44 e 52 e seguintes do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e tendo en conta o obxecto e a natureza destas axudas, deberán achegar coa data límite do 5 de xullo de 2024 a seguinte documentación:

a) Solicitude de pagamento (anexo II) e de concesión complementaria nos supostos recollidos no artigo 14.2.a).

b) Relación nominal dos nenos e nenas que asistiron á escola infantil 0-3 e fixeron uso do servizo de comedor durante o período subvencionado (curso 2023/24), con indicación da contía que lles corresponde aboar polo dito servizo, que deberán ter cuberto na aplicación informática escinf, no enderezo seguinte: https://escinf.xunta.es/escinfextweb.

2. A Consellería de Política Social e Xuventude poderá comprobar os xustificantes que considere oportunos respecto do importe total da actividade subvencionada e que permitan obter unha evidencia razoable sobre a adecuada aplicación da subvención e poderá requirir á entidade beneficiaria a entrega dos xustificantes non achegados inicialmente e mais da documentación xustificativa da entrega ás familias dos xustificantes mensuais de pagamento.

Artigo 16. Pagamento

1. As entidades beneficiarias das axudas percibirán un pagamento anticipado do 100 % da cantidade correspondente á anualidade 2023, polo uso do servizo de comedor, que se fará efectiva unha vez ditada a resolución de concesión. Este importe deberá xustificarse, en todo caso, con gastos realizados na mesma anualidade.

2. Na anualidade 2024 librarase un pagamento anticipado de ata o 90 % da subvención que corresponda á dita anualidade polo uso do servizo de comedor segundo a resolución de concesión.

3. O importe restante librarase unha vez xustificado o número de nenos e nenas usuarios do servizo de atención educativa que fagan uso do servizo de comedor para os cales se concedeu a axuda nos termos establecidos nesta orde, tendo en conta as modificacións que procedan de acordo co previsto no artigo anterior.

4. A percepción destes pagamentos en concepto de anticipo polas entidades beneficiarias queda exonerado da constitución de garantías.

Artigo 17. Obrigas das entidades beneficiarias.

1. As entidades beneficiarias destas axudas obríganse a observar o disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e ademais especificamente a:

a) Manter actualizados no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS) todos os datos exixidos pola normativa de aplicación e, nomeadamente, a relación nominal de nenos e nenas que asisten á escola infantil 0-3 e fan uso do servizo de comedor, relación nominal de traballadores e traballadoras, tarifa de prezos e prazas vacantes.

b) Asegurar o cumprimento do proxecto educativo na/s escola/s subvencionadas.

c) Remitir os informes e demais documentación que reclamen os órganos competentes da Consellería de Política Social e Xuventude.

d) Facilitar a inspección e control dos órganos competentes da Consellería de Política Social e Xuventude respecto dos centros subvencionados.

e) Ter á disposición da Consellería de Política Social e Xuventude a documentación acreditativa de que todos os nenos e nenas matriculados na escola infantil 0-3 cumpren o calendario de vacinación infantil do Programa galego de vacinación de conformidade coa normativa de aplicación e teñen a súa residencia na Comunidade Autónoma de Galicia

f) Asegurar na prestación do servizo de comedor que se proporciona unha dieta equilibrada e axeitada á idade dos nenos e nenas e poñer á disposición dos pais e das nais a relación semanal de menús.

g) Aplicar a bonificación do 100 % do custo por atención educativa a todas as nenas e nenos residentes en Galicia matriculados na escola infantil 0-3 e conservar á disposición da Consellería de Política Social e Xuventude a documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos para ter acceso á dita bonificación e mais da entrega ás familias dos xustificantes mensuais de pagamento.

h) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

i) Dar a adecuada publicidade das axudas percibidas a través do taboleiro de anuncios do centro e da páxina web, no caso de que dispoñan dela.

2. As entidades beneficiarias teñen a obriga de subministrar información nos termos previstos no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

Artigo 18. Incumprimento, revogación e reintegro de axudas

1. De acordo co establecido no artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro da totalidade da axuda percibida calquera incumprimento das seguintes obrigas:

a) Cando se obtivese a subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedisen.

b) Cando se incumpran totalmente o obxectivo, a actividade, o proxecto ou non se adopte o comportamento que fundamentou a concesión da subvención.

c) Cando se incumpra totalmente a obriga da xustificación da subvención.

d) Cando se incumpra a obriga de conservación da documentación acreditativa da entrega ás familias dos xustificantes mensuais de pagamento.

e) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro previstas nos artigos 11 e 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

2. Procederá o reintegro parcial proporcional ao grao de incumprimento nos seguintes supostos:

a) Cando se incumpran parcialmente o obxectivo, a actividade, o proxecto ou se adopte de xeito parcial o comportamento que fundamentou a concesión da subvención, entre o 2 % e o 50 % da axuda percibida, en proporción ao período do ano en que se producise o incumprimento.

b) No caso de xustificación insuficiente segundo os termos do artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, procederá o reintegro das cantidades non xustificadas ou xustificadas insuficientemente.

c) Cando se incumpra a obriga de adoptar as medidas de difusión establecidas no artigo 17, procederá o reintegro do 10 % da axuda percibida.

d) Cando se dea algún incumprimento do resto das obrigas recollidas no artigo 17, procederá o reintegro de entre o 2 % e o 80 % da axuda percibida, de xeito proporcional ao grao de incumprimento, tendo en conta a súa duración e os nenos e nenas usuarios do servizo de atención educativa afectados que fagan uso do servizo de comedor.

3. No suposto previsto no número 3 do artigo 17 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, procederá o reintegro do exceso obtido sobre o custo da actividade subvencionada, así como a exixencia do xuro de demora correspondente.

4. Para facer efectiva a devolución a que se refiren os números anteriores, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento.

5. Con anterioridade ao requirimento previo da Administración, as entidades beneficiarias poderán realizar con carácter voluntario a devolución do importe da axuda obxecto de reintegro.

Esta devolución efectuarase mediante ingreso na conta operativa do Tesouro da Xunta de Galicia ES82-2080-0300-87-3110063172, segundo o disposto na normativa reguladora do procedemento de recadación, e o importe incluirá os xuros de demora, de acordo co previsto no artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 19. Infraccións e sancións

Ás entidades beneficiarias das axudas reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no título VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 20. Control e verificación

Todas as axudas concedidas ao abeiro desta orde estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e a súa normativa de desenvolvemento e ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 21. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 22. Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código BS420F, poderase obter documentación normalizada ou información no enderezo https://sede.xunta.gal, no teléfono 012 ou no enderezo electrónico demografiaeconciliacion@xunta.gal

Disposición adicional primeira. Límite das axudas

A concesión das axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asignado nos orzamentos para estes fins e respectando, en todo caso, a realización das actuacións subvencionables dentro do exercicio económico correspondente, de conformidade co establecido no artigo 1.

Disposición adicional segunda. Base de datos nacional de subvencións

A consellería transmitirá á Base de datos nacional de subvencións a información necesaria de conformidade co disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Disposición adicional terceira. Prezos por outros servizos

No marco desta convocatoria, se algunha entidade presta outro tipo de servizo nas escolas infantís 0-3 polas que solicita a subvención distinto dos servizos suxeitos ao réxime de prezos establecido na normativa reguladora do réxime de prezos para as escolas infantís 0-3 públicas do Sistema de servizos sociais, coa excepción do servizo de transporte polo que poderán seguir percibindo o importe correspondente, só poderá establecer un prezo polos relacionados a continuación e coas condicións e contías máximas indicadas para cada un deles:

a) Material: prezo máximo por curso 100,00 €.

b) Cociña, entendida como a prestación do servizo consistente na achega dos medios persoais e materiais precisos para a adecuada distribución e consumo dos alimentos que traen as familias: prezo máximo por mes 25,00 €. Este servizo non poderá cobrarse simultaneamente ao de comedor.

c) Actividades complementarias, que deberán ter carácter voluntario e garantir a atención educativa na aula dos nenos e nenas que non as realicen desenvolvendo outra actividade incluída na programación didáctica. Só se considerarán actividades complementarias as seguintes:

1º. Natación.

2º. Lingua estranxeira, entendida coma a impartida por persoal con formación específica e titulación oficial e nunha aula diferente.

Disposición adicional cuarta. Delegación de competencias

Apróbase a delegación das facultades para a concesión destas subvencións a favor da persoa titular da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, ao abeiro do establecido no artigo 7.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento da orde

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica para ditar os actos e instrucións necesarios para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de outubro de 2023

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Xuventude

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file