DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 211 Martes, 7 de novembro de 2023 Páx. 61403

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 13 de outubro de 2023, da Xefatura Territorial de Pontevedra, de autorización administrativa previa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita, e de autorización administrativa de construción dunha instalación eléctrica no concello de Pontevedra (expediente IN407A 2022/450-4).

Expediente: IN407A 2022/450-4.

Solicitante: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación: soterramento LAT 66 kV DC Mourente-Ponte Sampaio entre os apoios nº 4 e nº 21.

Situación: concello de Pontevedra.

Feitos:

Primeiro. O 4 de novembro de 2022, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación eléctrica denominada soterramento LAT 66 kV DC Mourente-Ponte Sampaio entre os apoios nº 4 e nº 21.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade a regulamentación da instalación a través do soterramento dun tramo da LAT 66 kV Mourente-Ponte Sampaio mediante as seguintes actuacións:

– Desmontaxe dun tramo de aéreo de 3087 metros en dobre circuíto desde o apoio 4 ata o apoio 21, coa consecuente retirada de 18 apoios metálicos de celosía con alturas variables.

– Instalación de dous novos apoios de transición aero-subterráneos próximos aos apoios 4 e 21 (4N PAS e 21N PAS).

– Instalación de 11.1726 metros de liña de alta tensión subterránea en dobre circuíto.

Segundo. Esta xefatura territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Pontevedra, o Servizo do Patrimonio Cultural, R-Cable e Telefónica de España, S.A.U. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados emitidos.

Terceiro. Mediante escrito do 1 de decembro de 2022 esta xefatura territorial notificou a solicitude da autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da referida instalación eléctrica ás persoas que figuran afectadas pola declaración de utilidade pública na relación de bens e dereitos achegada pola empresa promotora.

Cuarto. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante a Resolución do 1 de decembro de 2022, publicada nos seguintes medios:

– DOG (Diario Oficial de Galicia): 2 de xaneiro de 2023.

– Periódico Faro de Vigo: 20 de decembro de 2022.

– Taboleiro de anuncios do Concello de Pontevedra, desde o 16 de decembro de 2022 ata o 30 de xaneiro de 2023, segundo certificado emitido polo propio Concello.

– Portal de transparencia e Goberno aberto da Consellería de Economía, Industria e Innovación.

Quinto. A seguir resúmese o contido das alegacións presentadas durante o período de información pública, así como durante a tramitación do expediente:

– Perda do valor económico das parcelas afectadas a raíz da expropiación, polo que se volven inservibles para calquera tipo de aproveitamento.

– Risco para a saúde das persoas, especialmente cando a instalación está próxima a zonas habitadas, pola exposición continuada aos campos electromagnéticos e os constantes ruídos durante a noite.

– O proxecto presentado non fai referencia aos motivos polos cales se debe soterrar parte do trazado aéreo da LAT existente.

Xunto coas alegacións, propuxéronse os seguintes trazados alternativos:

– Xirar a nova instalación 90º en dirección leste desde o apoio proxectado 21N PAS e conducir a liña a través da parcela 50 ou 539, actualmente gravadas por unha torreta.

– Soterrar a instalación desde o apoio nº 1 integramente por terreos de uso público, pola N-541 ou pola rúa Pradiños e despois pola N-541.

– Soterrar o treito aéreo, cando menos, dos apoios 2, 3 e 4, situados en zonas dun núcleo rural en solo urbano na parroquia de Mourente.

Sexto. As alegacións presentadas foron trasladadas á empresa promotora. A seguir resúmese a contestación de UFD Distribución Electricidad, S.A.:

– O soterramento da LAT foi previsto tendo en consideración a lexislación vixente e os condicionados técnicos e a alternativa elixida é a máis adecuada para conseguir os obxectivos do proxecto.

– O proxecto cumpre cos requisitos que deben concorrer para a declaración de utilidade pública: a xustificación da necesitade da instalación e a determinación da relación de bens e dereitos.

– As actuacións proxectadas realízanse para a regulamentación da instalación, así como a mellora da subministración.

– En canto ao trazado proposto en que a liña atravese outras parcelas que xa se encontran agravadas, UFD salienta que ao colocar o apoio de transición aero-subterráneo se retira a afección por voo dos condutores, establecendo unha nova servidume para a faixa subterránea. Se se adoptase o trazado proposto, a parcela con referencia catastral 36900A08200046 seguiría agravada pola servidume de voo e, ademais, afectaríanse outros propietarios.

– As opcións propostas de soterramento por terreos públicos producirían unha afección por servidume subterránea sobre parcelas particulares maior da prevista no proxecto. Na opción 1, para chegar a N-541 hai que atravesar parcelas particulares, igual que na opción 2 para chegar á rúa Pradiños.

– Con relación ao soterramento da liña desde o apoio núm. 2, destaca que no momento en que establece os seus plans de investimento, debe priorizar esas investimentos de acordo coa normativa de aplicación. Estes plans son aprobados pola Administración competente, polo que non é posible ampliar o alcance dun investimento sen que exista unha debida xustificación, pois o custo se repercutiría na tarifa eléctrica.

– No referente aos posibles danos á saúde, menciona os diversos estudos sobre campos electromagnéticos elaborados polo Ministerio de Sanidade e Consumo e outros organismos, que conclúen que as liñas eléctricas non producen dano.

Sétimo. Os servizos técnicos da xefatura territorial, á vista da documentación contida no expediente, analizaron todas as alegacións presentadas, emitindo o correspondente informe, concluíndo que non se presentan obxeccións para que se poida continuar co trámite da declaración de utilidade pública da instalación eléctrica proxectada, para os efectos da expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento de acordo co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro. Basea esta conclusión basicamente nos seguintes motivos:

– Respecto á valoración dos predios e dos prexuízos causados polas afeccións da instalación que se vai construír, estes poderanse poñer de manifesto na presentación da folla de valoración que requirirá esta xefatura territorial. Ademais, nese momento o titular concretará o valor en que estime o obxecto que se expropia, tal como se indica no artigo 30 da Lei do 16 de decembro de 1954 sobre expropiación forzosa.

– Respecto aos trazados alternativos, non todos xustifican o cumprimento conxunto dos puntos do artigo 161.2 do Real decreto 1955/2000; ademais, a maioría das solucións propostas prevén un soterramento nun tramo da LAT que non figura no proxecto de UFD. Os trazados alternativos propostos, na súa maioría, non van en contra do soterramento entre os apoios 4 e 21, o que solicitan é o soterramento desde o apoio nº 1 ou nº 2 ata o nº 4.

– En relación coa exposición continuada aos campos electromagnéticos, cabe indicar que no Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e a súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, non consta a limitación dos campos magnéticos nas proximidades de instalacións de alta tensión.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo) e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

Segunda. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

– Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

– Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa.

Terceira. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

– Soterramento da LAT 66 kV DC Mourente-Ponte Sampaio mediante unha liña de alta tensión subterránea a 66 kV, dobre circuíto, de 11.726 metros de condutor Al630+h165 Cu, con orixe no novo apoio nº 4 de transición aero-subterráneo e final no novo apoio nº 21 de transición aero-subterráneo.

– Desmantelamento do tramo aéreo, 3.087 metros en dobre circuíto, dende o apoio 4 ao apoio 21.

A instalación está situada no concello de Pontevedra.

Cuarta. Con respecto ás alegacións presentadas, visto o contido destas, as respostas do promotor e o informe dos servizos técnicos desta xefatura territorial, exponse:

– Con relación ao prexuízo que causa a instalación do apoio na parcela, cabe sinalar que, unha vez iniciado o procedemento expropiatorio, a persoa interesada será informada do trámite de levantamento da acta previa á ocupación. Nese momento, de forma concreta, por unha parte débese describir e delimitar o obxecto de expropiación e, por outro lado, débense describir as afeccións concretas que comporta a expropiación.

– De todas as maneiras, poderase poñer de manifesto a perda de valor da parcela na presentación da folla de valoración, momento no cal o titular concretará o valor que estime, como se indica no artigo 29 e seguintes da Lei do 16 de decembro de 1954 sobre expropiación forzosa.

– Con relación aos trazados alternativos, remítese ás conclusións do informe dos servizos técnicos recollidas no punto sétimo dos feitos e destácase que o obxecto do proxecto que se está tramitando actualmente no expediente IN407A 2022/450-4 é a regulamentación da instalación a través do soterramento da LAT 66 kV entre os apoios 4 e 21, non o soterramento desde o apoio 1 ou 2. Esta administración non pode instar á empresa promotora que soterre outra parte do tramo da LAT 66 kV Mourente-Ponte Sampaio, cando non existen motivos que o xustifiquen.

– Por outra banda, cabe traer a colación o disposto no artigo 59 da Lei 24/2013. Constituída a servidume de paso, o titular do predio servente poderá solicitar o cambio de trazado da liña se non existen dificultades técnicas, e serán pola súa conta os gastos de variación.

– Con relación aos plans de investimento presentados polas empresas distribuidoras, cabe aclarar o seguinte: o artigo 40.1.h) da Lei 24/2013, do 26 de decembro, establece que nos plans de investimento anuais figurarán, como mínimo, os datos dos proxectos, as súas principais características técnicas, orzamento e calendario de execución. Así mesmo, a empresa distribuidora deberá executar, nos termos que se establezan, o contido dos plans de investimento que resulten finalmente aprobados pola Administración Xeral do Estado.

– Con relación á emisión de radiacións electromagnéticas perigosas para a saúde, cabe destacar que os estudos sobre a materia non permiten afirmar que a exposición aos campos eléctricos e magnéticos de frecuencia industrial xerados polas instalacións eléctricas de alta tensión supoña un risco para a saúde. Neste tipo de instalacións non se alcanzan os niveis establecidos na Recomendación do Consello de Ministros de Sanidade da Unión Europea 1999/519/CE, do 12 de xullo de 1999, relativa á exposición ao público en xeral a campos electromagnéticos de 0 Hz a 300 GHz.

Conforme o indicado,

resolvo:

Primeiro. Outorgar á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada soterramento LAT 66 kV DC Mourente-Ponte Sampaio entre os apoios nº 4 e nº 21, expediente IN407A 2022/450-4, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

Segundo. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada instalación eléctrica, o que leva implícito a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

A empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento deberán cumprirse as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular canto establecen o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 13 de outubro de 2023

Beatriz López del Olmo
Xefa territorial de Pontevedra