DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 209 Venres, 3 de novembro de 2023 Páx. 60781

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 24 de outubro de 2023, da Área de Deseño de Infraestruturas, pola que se fai pública a aprobación do expediente de información pública da memoria valorada do desvío provisional para restablecer temporalmente o tráfico na LU-651 entre os puntos quilométricos 17+650 e 18+470, de clave LU/22/071.02.

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, por delegación da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade (Orde do 7 de setembro de 2017, Diario Oficial de Galicia do 20 de setembro), vista a documentación recibida durante o trámite de información pública, ditou o 24 de outubro de 2023 a seguinte resolución:

«Resolución pola que se aproba o expediente de información pública da memoria valorada do desvío provisional para restablecer temporalmente o tráfico na LU-651 entre os puntos quilométricos (p.q.) 17+650 e 18+470, de clave LU/22/071.02.

Antecedentes de feito:

Primeiro. A Axencia Galega de Infraestruturas tivo que realizar diversas actuacións de emerxencia a raíz do colapso acaecido no p.q. 18+300 da estrada LU-651 (Quiroga-Folgoso do Courel) o pasado día 20 de marzo de 2022, por mor do afundimento do terreo sobre o cal se asentaba a estrada, debido ao derrubamento de varias galerías da explotación mineira da Campa.

Segundo. No Diario Oficial de Galicia (DOG) número 136, do 18 de xullo de 2022, publicouse o Anuncio do 30 de xuño de 2022 polo que se somete ao trámite de información pública a memoria valorada da obra de emerxencia do desvío provisional para restablecer temporalmente o tráfico na LU-651 entre os puntos quilométricos (p.q.) 17+650 e 18+470, de clave LU/22/071.02, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados pola referida obra, para os efectos do previsto no artigo 56.1 do Regulamento da Lei de expropiación forzosa, aprobado polo Decreto do 26 de abril de 1957.

Terceiro. As administracións afectadas non emitiron informes e formulouse unha alegación particular, á cal se lle dá resposta motivada segundo figura no informe que consta no expediente, que lles foi notificado, na parte que as afecta, ás administracións, ás cales se lles deu trámite de informe, e ao particular que formulou a alegación.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade é competente para resolver os expedientes de información pública en materia de estradas e informes das administracións afectadas, de acordo co Decreto 118/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade. Esta competencia está delegada na persoa titular da Dirección da Axencia Galega de Infraestruturas, segundo o artigo 8.1.b) da Orde do 7 de setembro de 2017 sobre delegación de competencias no secretario xeral técnico e noutros órganos e entidades públicos adscritos a esta consellería (DOG núm. 179, do 20 de setembro).

Segundo. Someteuse ao trámite de información pública a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados pola realización da obra durante un período de quince (15) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, para os efectos previstos no artigo 56.1 do Regulamento de expropiación forzosa.

De acordo con todo o exposto e tras a alegación e os certificados presentados,

RESOLVO:

Aprobar o expediente de información pública da memoria valorada do desvío provisional para restablecer temporalmente o tráfico na LU-651 entre os puntos quilométricos (p.q.) 17+650 e 18+470, de clave LU/22/071.02, sen modificacións relativas ao trazado sometido a información pública.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que, con carácter previo e potestativo, poida formular un recurso de reposición no prazo dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas».

O anterior faise público para xeral coñecemento.

Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2023

Carlos Lefler Gullón
Xefe da Área de Deseño de Infraestruturas