DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 209 Venres, 3 de novembro de 2023 Páx. 60619

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

DECRETO 141/2023, do 26 de outubro, polo que se declara, en concreto, a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de interese autonómico denominado Novo Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), no concello da Coruña (clave AC/21/215.30.0).

Antecedentes:

Primeiro. O 26 de maio de 2023, o Servizo Galego de Saúde publicou no Diario Oficial de Galicia núm. 99 o Anuncio do 22 de maio de 2023, da Dirección Xeral de Recursos Económicos, polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de interese autonómico denominado Novo Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), coa clave AC/21/215.30.0, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referido.

Segundo. Na súa reunión do 5 de outubro de 2023, o Consello da Xunta de Galicia aproba definitivamente o proxecto de interese autonómico (PIA) denominado Novo Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), coa clave AC/21/215.30.0, para os efectos establecidos na Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia (LOTG).

O artigo 59 da LOTG establece a utilidade pública e o interese social dos proxectos de interese autonómico cando os ditos instrumentos habiliten para a súa execución e esta deba producirse por expropiación.

Neste caso, e dadas as características excepcionais da obra e a súa repercusión social, xa que estamos ante unha infraestrutura básica da asistencia sanitaria non só da provincia da Coruña, senón de toda Galicia, determínase a urxencia da actuación.

Fundamentos xurídicos:

A competencia para a execución da expropiación forzosa correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do número dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.

Correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros no ámbito da Administración autonómica, a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dá lugar a realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Sanidade, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e seis de outubro de dous mil vinte e tres,

DISPOÑO:

Artigo único. Declarar, en concreto, a necesidade de urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de interese autonómico denominado Novo Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), coa clave AC/21/215.30.0.

Santiago de Compostela, vinte e seis de outubro de dous mil vinte e tres

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade