DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 208 Xoves, 2 de novembro de 2023 Páx. 60432

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 17 de outubro de 2023 pola que se clasifica de interese deportivo a Fundación Novobasket.

Unha vez examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Novobasket con domicilio na rúa Doutor Cadaval, número 32, en Vigo (Pontevedra).

Feitos:

1. O 16 de xuño de 2023, José Carlos Gesteiro Salgueiro, en representación do padroado da Fundación, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Novobasket constituíuna o Clube Deportivo Novobasket, representado polo seu presidente Carlos Vázquez Ferro, mediante escritura pública outorgada o 25 de maio de 2023, ante o notario de Vigo (Pontevedra) Manuel Arturo Vidal Rodríguez, co número de protocolo 855.

Tras requirimento do 17 de xullo de 2023, o 30 de agosto achégase unha nova escritura outorgada o 24 de agosto de 2023, na mesma localidade e ante o mesmo notario da anterior, co número 1.418 do seu protocolo, en que emendan a primeira escritura segundo o indicado no citado requirimento.

3. A Fundación, consonte o artigo 6 dos seus estatutos, ten como fin principal «apoiar o labor deportivo, educativo e de divulgación do deporte do baloncesto e os seus valores; promocionar e difundir este deporte como medio para lograr unha formación completa da persoa; desenvolver proxectos relacionados co mundo do baloncesto que melloren os coñecementos dos axentes implicados, da sociedade civil e das institucións; e crear proxectos de carácter social e solidario ligados á actividade física unindo valores éticos e morais cos sociais e deportivos, a través de accións como as desenvoltas contra as drogas, o racismo e a favor da inclusión social».

4. O padroado inicial da Fundación está formado por Carlos Vázquez Ferro, como presidente; Gonzalo Vázquez Palazón, como vicepresidente, e María Jacinta Palazón Vidal, como secretaria.

5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes proposta de clasificación como de interese deportivo da Fundación Novobasket, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de Secretarios Xerais, procede a súa clasificación como de interese deportivo e a súa adscrición á Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Consonte o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, correspóndelle a esta Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de secretarios xerais na súa reunión do día 2 de outubro de 2023.

DISPOÑO:

Clasificar de interese deportivo a Fundación Novobasket, adscribíndoa ao protectorado da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse, no prazo de dous meses, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, consonte o artigo 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa; podéndose interpoñer no prazo dun mes, previamente e con carácter potestativo, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, de conformidade co artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2023

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia,
Xustiza e Deportes