DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 205 Venres, 27 de outubro de 2023 Páx. 59102

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Vigo

ANUNCIO do 3 de outubro de 2023 de notificacións de resolucións de execución forzosa de forma subsidiaria da obriga de xestión da biomasa.

De conformidade co disposto no artigo 44 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, en relación co artigo 22.3 da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, notifícase por medio do presente anuncio no Boletín Oficial del Estado, no Diario Oficial de Galicia e no taboleiro de anuncios do Concello de Vigo aos/ás interesados/as que resultan descoñecidos, se ignore o lugar da notificación ou ben, intentada a notificación persoal, non se puido efectuar, as resolucións dos procedementos que se citan a seguir.

Para os efectos do cómputo de prazos nos correspondentes procedementos administrativos que se citan, computaranse desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio no Boletín Oficial del Estado.

As resolucións que se notifican cos datos que figuran no anexo teñen o seguinte texto íntegro:

En cumprimento da Lei do Parlamento de Galicia 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (en diante, LPDIFG), particípolle que o concelleiro da Área de Goberno de Parques e Xardíns, Comercio, Participación Cidadá e Festas Especiais, por delegación de competencias do alcalde do 20 de xuño de 2023 (BOPPO núm. 124, do 28 de xuño) en relación co Acordo da Xunta de Goberno local, do 22 de xuño de 2023 (BOPPO núm.129, do 5 de xullo), ditou con data (véxase o anexo) a seguinte resolución:

«Número de expediente: (véxase o anexo).

Resolución de execución forzosa de forma subsidiaria da xestión da biomasa e a retirada de especies arbóreas prohibidas.

Datos da parcela:

– Referencia catastral: (véxase o anexo).

– Superficie: (véxase o anexo).

– Enderezo: (véxase o anexo).

Datos do/dos responsable/s:

Titular/es do predio: (véxase o anexo)

I. Antecedentes.

1. O Concello de Vigo constatou que na parcela sinalada no encabezamento está sen xestionar a biomasa –maleza– e sen retirar as especies arbóreas prohibidas tales como piñeiros, mimosas, acacias, eucaliptos.

2. A Administración municipal ditou resolución en que se lle requiría que procedese á xestión da biomasa vexetal e á retirada das especies arbóreas prohibidas nos prazos establecidos, a cal se lle notificou na forma prevista legalmente.

3. Transcorrido o prazo concedido, constatouse en visita de comprobación á parcela citada que segue sen xestionarse a biomasa –maleza– e sen retirar as especies arbóreas prohibidas tales coma piñeiros, mimosas, acacias, eucaliptos.

II. Fundamentos de dereito.

Primeiro. O Plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais do Concello de Vigo –PMPDIF– aprobado definitivamente pola Xunta de Goberno Local (XGL), en sesión do 2 de abril de 2020, e publicado no BOPPO do 24 de abril de 2020 (ligazón http://www.vigo.org/faixas), determina que a parcela de referencia catastral sinalada no encabezamento está incluída, total ou parcialmente, na rede secundaria de faixa de xestión da biomasa, de xeito que a persoa responsable, entendendo como tal a persoa física ou xurídica titular do dereito de aproveitamento na dita parcela, está obrigada á xestión da biomasa vexetal antes do 31 de maio de cada ano, nos termos sinalados nos artigos 21, 21.ter, 22, disposición adicional terceira, disposición transitoria terceira e demais determinacións da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (LPDIFG), e na súa norma de desenvolvemento (Orde do 31 de xullo de 2007 pola que se establecen os criterios de xestión da biomasa; DOG do 7 de agosto).

Tamén, con carácter xeral, a persoa responsable ten a obriga de retirar as seguintes especies arbóreas prohibidas: piñeiros, mimosas, acacias e eucaliptos, sen prexuízo do establecido na disposición transitoria terceira.2 da dita lei.

Segundo datos catastrais, figura como titular do predio a persoa sinalada no encabezamento.

Segundo. Tal e como comprobou a Administración municipal, non cumpriu coas referidas obrigas de xestión da biomasa e retirada de especies arbóreas prohibidas no prazo establecido.

Terceiro. O concelleiro da Área de Parques e Xardíns, Comercio, Distritos e Festas Especiais, mediante a Resolución de delegación de competencias da Alcaldía do 13 de agosto de 2019 (BOPPO do 2 de setembro), ditou resolución o ( véxase o anexo) en que se lle requiría, como titular catastral da parcela, que procedese á xestión da biomasa vexetal e á retirada das especies arbóreas prohibidas nos prazos legalmente establecidos (artigo 22 da LPDIFG).

Na citada resolución era apercibido de que, transcorridos os prazos legalmente previstos sen que levase a cabo a xestión da biomasa vexetal e a retirada das especiais arbóreas prohibidas, o Concello de Vigo procedería á execución forzosa de forma subsidiaria da referida actuación por si ou por persoa que determine e por conta do/da obrigado/a, e que lle repercutirían os custos na forma legalmente establecida (artigo 22.4 da LPDIFG) e, se é o caso, ao comiso das especies arbóreas prohibidas retiradas pola Administración nas condicións legalmente establecidas. Tamén, no caso de execución subsidiaria, o inicio das actuacións materiais pola Administración poderase verificar en calquera momento transcorrido o prazo máximo concedido, dentro dos catro anos posteriores, sempre que se manteña o incumprimento.

Tamén se lle advertía que, de persistir no incumprimento, é constitutivo dunha infracción administrativa de carácter leve, e o órgano competente para incoar e resolver o procedemento sancionador é o titular da Xefatura Territorial de Pontevedra da Consellería do Medio Rural da Xunta Galicia. Na resolución de incoación do procedemento sancionador adoptarase a medida cautelar de comiso das especies arbóreas prohibidas, cuxo destino será o seu alleamento pola Administración municipal (artigos 22.4, 50 a 54 da LPDIFG, 67 a 80 Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes).

Por último, outorgábaselle un trámite de audiencia polo prazo de dez días hábiles para que presentase as alegacións, documentos, xustificacións que considerase procedentes en defensa dos seus dereitos.

Cuarto. A dita resolución notificóuselle na forma legalmente prevista e, a pesar do tempo transcorrido, constatouse, en visita de comprobación á parcela, que segue sen xestionar a biomasa vexetal e sen retirar as especies arbóreas prohibidas.

Quinto. O artigo 22.2 da LPDIFG, segundo redacción dada por Lei 7/2022, do 27 de decembro, sinala que:

«No suposto de incumprimento da obriga establecida no número 1 do citado artigo, a Administración pública competente, de oficio ou por solicitude da persoa interesada, poderá enviar á persoa responsable unha comunicación en que se lembrará a súa obriga legal de xestión da biomasa vexetal e a retirada de especies arbóreas prohibidas, e se lle concederá un prazo máximo de quince días naturais.

(...)

Na comunicación advertirase de que, no caso de execución subsidiaria, o inicio das actuacións materiais necesarias pola Administración, poderase verificar en calquera momento transcorrido o prazo máximo concedido, dentro dos catro anos posteriores, atendidas as súas posibilidades materiais e orzamentarias de actuación, sempre que se manteña o incumprimento. Una vez transcorrido este prazo de catro años, a Administración competente deberá reiterar o apercibimento para poder proceder ás actuacións materiais en que consista a execución subsidiaria. Igualmente, incluirase na comunicación que, ante a falta de atención do dito apercibimento, a Administración competente realizará as súas accións de control durante os catro anos seguintes co obxectivo de que a xestión estea concluída, en todo caso, con anterioridade ao primeiro día de abril de cada ano.

(...)»

A disposición transitoria terceira da citada lei: comunicacións e apercibimentos realizados con base nos números 2 e 3 do artigo 22 da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, sinala que:

«As comunicacións e apercibimentos realizados antes da entrada en vigor desta lei, con base nos números 2 e 3 do artigo 22 da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, na súa redacción vixente á entrada en vigor desta disposición, habilitarán a Administración competente para realizar as actuacións materiais de execución subsidiaria dentro dos catro anos posteriores á notificación dos apercibimentos, de acordo co réxime previsto nesta lei. Unha vez transcorrido este prazo de catro anos, a Administración competente deberá reiterar o apercibimento para poder proceder ás actuacións materiais en que consista a execución subsidiaria».

Sexto. O artigo 22.4. da LPDIFG, aprobada polo Parlamento de Galicia, establece que:

«Transcorridos os prazos sinalados no número 2 do artigo sen que a persoa responsable xestione a biomasa ou, se é o caso, retire as especies arbóreas prohibidas, e sen prexuízo da posibilidade de proceder a unha visita de comprobación, a Administración pública competente poderá proceder, sen máis trámite, á realización dos traballos materiais en que consista a execución subsidiaria, atendendo ás necesidades de defensa contra os incendios forestais, especialmente respecto da seguridade nas zonas de interface urbano-forestal, conforme o establecido no artigo 44 da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, ou norma que a substitúa, sen prexuízo da repercusión dos custos da xestión da biomasa á persoa responsable.

(...)

Os custos que se repercutirán poderán liquidarse provisionalmente de maneira anticipada, mesmo na comunicación a que se refire o número 2, e realizarse a súa exacción desde o momento en que se verifique o incumprimento da obriga de xestión da biomasa nos prazos sinalados neste artigo, sen prexuízo da súa liquidación definitiva unha vez finalizados os traballos de execución subsidiaria. A liquidación definitiva aprobarase unha vez finalizados os traballos de execución subsidiaria pola Administración actuante que desenvolva as actuacións materiais de execución subsidiaria e será notificada á persoa responsable para o seu pagamento.

Para a liquidación dos custos correspondentes a cada parcela, a Administración terá en conta a cantidade resultante de aplicar a parte proporcional á cabida da parcela do importe do correspondente contrato, encomenda ou custo dos traballos realizados na zona de actuación.

Cando a identidade da persoa responsable non sexa coñecida no momento de proceder á execución subsidiaria, a repercusión dos custos aprazarase ao momento en que, se é o caso, chegue a ser coñecida, sempre que non prescribisen os correspondentes dereitos de cobramento a favor da Facenda pública.

Se a execución subsidiaria inclúe a retirada de especies arbóreas prohibidas, darase traslado da resolución en que se acorde a dita execución subsidiaria ao órgano competente para a incoación do correspondente procedemento sancionador (Xefatura Territorial de Pontevedra da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia), o cal deberá proceder de inmediato á adopción do acordo de incoación do expediente sancionador e da medida cautelar de comiso das indicadas especies. O destino das especies obxecto de comiso será o seu alleamento, o cal será efectuado, nos termos regulados nesta lei, pola Administración que realizase a execución subsidiaria.

No caso de venda das especies obxecto de comiso, os importes obtidos deberán aplicarse, por parte da Administración que realice tales vendas (neste caso, o Concello de Vigo), a sufragar os gastos derivados das execucións subsidiarias da súa competencia».

Sétimo. Segundo os artigos 99 e 102 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a «execución forzosa de forma subsidiaria» supón que a Administración municipal realizará o acto, por si ou a través das persoas que determine, e por conta do/da obrigado/a.

O importe dos gastos, danos e perdas exixiranse ao/á obrigado/a seguindo o procedemento legalmente previsto nas normas reguladoras do procedemento de constrinximento.

Oitavo. No presente caso, concorren os presupostos de feito previstos nos artigos 21, 21.ter, 22, disposición adicional terceira e disposición transitoria terceira 1, da LPDIFG, 99 e 102 da LPACAP e normativa de concordante aplicación, para acordar a execución forzosa de forma subsidiaria da xestión da biomasa vexetal e a retirada das especies arbóreas prohibidas.

Noveno. É competente para ditar a presente resolución o alcalde ao abeiro do artigo 7, 16.4 e 22.7 da LPDIFG. Non obstante, a dita competencia delegouna no concelleiro da Área de Goberno de Parques e Xardíns, Comercio, Participación Cidadá e Festas Especiais, en virtude da Resolución do 20 de xuño de 2023 (BOPPO núm. 124, do 28 de xuño) en relación co Acordo da Xunta de Goberno local do 22 de xuño de 2023 (BOPPO núm. 129, do 5 de xullo).

Polo exposto, e co obxecto de dar cumprimento á Lei do Parlamento de Galicia 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia,

RESOLVO:

Primeiro. Acordar a execución forzosa de forma subsidiaria por parte do Concello de Vigo ou persoa que se determine e por conta do/da obrigado/a, (titular no anexo), da xestión da biomasa vexetal e a retirada das especies arbóreas prohibidas na parcela situada en (véxase o anexo), Vigo, con referencia catastral (véxase o anexo), ao incumprir as obrigas previstas nos artigos 21, 21.ter, 22, disposición adicional terceira, e disposición transitoria terceira 1, da LPDIFG.

Segundo. Informar o/a obrigado/a, titular da parcela, de que, tras a notificación da presente resolución, se procederá á execución forzosa de forma subsidiaria sen máis trámite e de que está obrigado/a a facilitar os accesos necesarios para realizar os traballos de xestión da biomasa e/ou retirada das especies arbóreas prohibidas, sen que sexa preciso o seu consentimento, salvo naqueles supostos excepcionais nos cales o acceso afecte, dentro da parcela, espazos físicos susceptibles de mereceren a cualificación de domicilio para os efectos do artigo 18.2 da Constitución, caso en que deberá pedirse a correspondente autorización xudicial para a entrada neles se non se conta coa súa autorización (artigo 22.9 LPDIFG).

Terceiro. Dar traslado desta resolución á Xefatura Territorial de Pontevedra da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia e instar a incoación do procedemento sancionador e da medida cautelar de comiso das especies arbóreas prohibidas que poidan existir na parcela, ao abeiro do establecido no artigo 22.4, parágrafo quinto, da LPDIFG.

Cuarto. Unha vez executados os traballos de xestión da biomasa vexetal e a retirada das especies arbóreas prohibidas, liquidar o importe dos gastos ocasionados que se exixirán ao/á obrigado/a, seguindo o procedemento legalmente previsto nas normas reguladoras do procedemento de constrinximento.

Quinto. Informalo/a tamén de que, conforme o artigo 22.11 da LPDIFG, o incumprimento por parte da persoa propietaria do terreo das obrigas que establece esta lei implicará o incumprimento da función social da propiedade e será causa de expropiación forzosa por interese social, en caso de que os custos acumulados da execución subsidiaria dos traballos de xestión da biomasa que a Administración actuante asumise con cargo ao seu orzamento, e que non lle poida repercutir a aquela por descoñecerse a súa identidade, superen o valor catastral da parcela. A entidade xestora do Banco de Terras de Galicia ou a Administración que asumise eses custos con cargo ao seu orzamento terá a condición de beneficiaria da expropiación forzosa e compensará, no momento do aboamento do prezo xusto expropiatorio, as cantidades debidas pola persoa propietaria por este concepto, sempre que non prescribisen os correspondentes dereitos de cobramento a favor da Facenda pública. No suposto de que a beneficiaria da expropiación fose a Administración local, poderá ceder eses terreos ao Banco de Terras de Galicia.

Sexto. Informar o/a interesado/a, titular da parcela, de que contra esta resolución, consonte os artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e os artigos 8, 46.1 e 46.4 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa, poderá interpoñer recurso potestativo de reposición, ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Vigo, no prazo de dous meses, ambos os dous prazos contados desde o día seguinte a aquel en que se notifique a resolución expresa. Porén, unha vez interposto o recurso de reposición, non poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente o primeiro ou se produza a súa desestimación presunta polo transcurso do prazo máximo dun mes establecido para ditar e notificar resolución.

Información adicional:

– Os datos indicados sobre a parcela son os que resultan da información contida no Catastro de Bens Inmobles do Ministerio de Facenda tal e como establece a lexislación aplicada. Para calquera aclaración ou rectificación de erro sobre os datos da parcela, deberá dirixirse á correspondente delegación do Catastro (Oficina Catastro en Vigo, rúa Lalín, 2, CP 36271), sen prexuízo da posterior comunicación ao Concello de Vigo no enderezo de correo abaixo indicado, e achegar copia do documento presentado na oficina catastral.

– Para calquera consulta, aclaración, información complementaria ou cita poderá dirixirse ao Servizo de Montes, Parques e Xardíns do Concello de Vigo a través do seguinte enderezo de correo electrónico: faixassecundarias@vigo.org

ANEXO

O anexo cos datos catastrais das parcelas pódese consultar na seguinte ligazón:

https://www.boe.es/boe_n/dias/2023/09/20/not.php?id=BOE-N-2023-736545

Vigo, 3 de outubro de 2023

O concelleiro da Área de Goberno de Parques e Xardíns, Comercio, Participación Cidadá e Festas Especiais [resolucións da Alcaldía do 20 de xuño de 2023 (BOPPO núm. 124, do 28 de xuño) en relación co Acordo da Xunta de Goberno local do 22 de xuño de 2023 (BOPPO núm. 129, do 5 de xullo]. Ángel Rivas González.