DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 205 Venres, 27 de outubro de 2023 Páx. 58806

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 11 de outubro de 2023 pola que se dá publicidade da encomenda do Servizo Galego de Saúde á Sociedade Pública de Investimentos de Galicia, S.A. para o apoio técnico á xestión da licitación e á execución das obras do contrato de concesión do aparcadoiro do novo Hospital Gran Montecelo.

De conformidade co previsto no artigo 9 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e no artigo 8 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, dáse publicidade da seguinte encomenda coas seguintes características:

– Resolución do 22 de setembro de 2023, da Consellería de Sanidade, pola que se encomenda á Sociedade Pública de Investimentos de Galicia, S.A. o apoio técnico á xestión da licitación e á execución das obras do contrato de concesión do aparcadoiro do novo Hospital Gran Montecelo.

– Actividade:

A Sociedade Pública de Investimentos de Galicia, S.A. asumirá a realización das tarefas necesarias para prestar o apoio técnico á xestión da licitación e á execución das obras do contrato de concesión do aparcadoiro do novo Hospital Gran Montecelo, e con este fin obrígase a realizar as seguintes actuacións:

1. Elaboración e redacción do prego de prescricións técnicas e do prego de cláusulas administrativas particulares.

2. Realizar os labores de supervisión e implantación, así como a proposta de aprobación do anteproxecto e do proxecto.

3. Elaboración dos informes de carácter técnico que, en relación co procedemento de preparación e adxudicación dos contratos, sexan encomendados polo órgano encomendante.

4. Asumir as funcións de responsable do contrato na súa fase de execución da obra e, de ser o caso, dos contratos de servizo complementarios da execución da obra.

5. Finalizada a fase de construción, asistir ao acto de recepción e comprobación da obra dos contratos obxecto da encomenda e asinar como responsable destes.

6. Asistir ao órgano encomendante en calquera tarefa que lle sexa requirida durante a fase de explotación do contrato.

7. Convocar o Servizo Galego de Saúde para que designe unha persoa representante cando sexa preciso.

O Servizo Galego de Saúde, pola súa banda, obrígase a realizar as seguintes actuacións:

1. Prestar, cando lle sexa requirido polo órgano encomendado, en calquera das fases en que se atope a execución desta encomenda de xestión, a axuda e colaboración técnica necesaria para desenvolvela satisfactoriamente.

2. Asumir, no caso de que así se requirise, a realización das xestións pertinentes ante os organismos que correspondan para a obtención dos permisos, licenzas ou autorizacións regulamentarias, que necesariamente deben ser solicitadas polo Servizo Galego de Saúde.

3. Aprobar o anteproxecto, o proxecto e realizar os actos e negocios xurídicos propios da preparación, selección de contratista e adxudicación do correspondente contrato de concesión de obra e contratos dos servizos complementarios delas.

4. Dar a conformidade, no caso de que exista unha modificación dos contratos vinculados á actuación, tanto de prestación de servizos como de obra.

5. Unha vez finalizada a fase de construción do contrato obxecto da encomenda e recibida a obra, o Servizo Galego de Saúde será o responsable do contrato durante a fase de explotación do aparcadoiro.

– Natureza e alcance das funcións encomendadas: a encarga ten natureza de encomenda intersubxectiva a medio propio, segundo o disposto no artigo 13.1 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico; e nos artigos 9, 47 e seguintes da Lei 16/2010, do 17 de decembro, ao ter a Sociedade Pública de Investimentos de Galicia, S.A. a consideración de medio propio e servizo técnico da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

– Financiamento: a realización das actividades e/ou dos actos e negocios xurídicos necesarios para a execución desta encomenda efectuarase a título gratuíto, sen que exista retribución ou tarifa.

– Prazo de vixencia: a eficacia da encomenda estenderase desde o día seguinte ao da súa sinatura ata a data de finalización do prazo de garantía dos contratos obxecto desta.

Santiago de Compostela, 11 de outubro de 2023

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade e presidente
do Servizo Galego de Saúde