DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 203 Mércores, 25 de outubro de 2023 Páx. 58584

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 17 de outubro de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se delegan competencias na axencia Instituto Enerxético de Galicia en materia de certificados de aforro enerxético.

O Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (actualmente Consellería de Economía, Industria e Innovación), recolle as atribucións da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais.

Consonte a disposición transitoria primeira do Decreto 79/2023, do 22 de xuño, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, mentres non se desenvolva a estrutura que contén, os órganos superiores e de dirección existentes manterán a súa estrutura e funcións.

A actividade administrativa da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais supón unha concentración de funcións arredor do seu titular que aconsella, dado o seu volume, recorrer á delegación de competencias noutros órganos ou entidades, sen esquecer o debido respecto aos principios que informan a actividade administrativa e que a nosa Constitución recolle no seu artigo 103.1.

A delegación de competencias permite a axilización administrativa necesaria e redunda en beneficio tanto da Administración como dos/das administrados/as, dentro do máis rigoroso respecto ás garantías xurídicas que a tutela dos intereses públicos exixe.

Segundo o previsto no artigo 9 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e no artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e demais disposicións de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Primeiro. Sistema de certificados de aforro enerxético

1. Deléganse na axencia Instituto Enerxético de Galicia todas as competencias atribuídas ao xestor autonómico do sistema de certificados de aforro enerxético, establecido polo Real decreto 36/2023, do 24 de xaneiro.

2. Durante a vixencia da presente delegación de competencias, todas as referencias ao órgano competente en materia de eficiencia enerxética da Comunidade Autónoma contidas na antedita normativa entenderanse realizadas á axencia Instituto Enerxético de Galicia e á persoa titular da súa dirección.

Segundo. Resolucións ditadas por delegación

As resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións de competencias conferidas por esta resolución farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse ditadas polo órgano delegante.

Terceiro. Revogación

O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais poderá revogar, en calquera momento, a delegación de competencias contida nesta resolución, da cal quedan excluídos os supostos previstos no artigo 9.2 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e no artigo 6.4 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Cuarto. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais