DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 201 Luns, 23 de outubro de 2023 Páx. 58316

IV. Oposicións e concursos

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

RESOLUCIÓN do 11 de outubro de 2023, da Dirección Xeral de Administración Local, sobre clasificación do posto de traballo de asistencia de secretaría e intervención da Deputación Provincial de Pontevedra como posto reservado a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional.

Á vista da solicitude formulada pola Deputación Provincial de Pontevedra, relativa á clasificación do posto de traballo de asistencia de secretaría e intervención, como reservado a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional (en diante, PFHN), emítese resolución con base nos seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. A Deputación Provincial de Pontevedra presenta no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia solicitude relativa á clasificación do posto de traballo de asistencia de secretaría e intervención reservado a PFHN e adscrito ao Servizo de Asistencia Intermunicipal. Coa citada petición xuntou a seguinte documentación:

– Memoria económica e xurídica xustificativa da clasificación do posto de asistencia de secretaría e intervención como reservado a PFHN.

– Informe e certificación de intervención, relativos aos recursos do orzamento da Deputación Provincial de Pontevedra para o exercicio económico 2023.

– Certificado do secretario provincial, relativo ao Acordo plenario do 19 de maio de 2023 sobre a aprobación inicial da modificación do cadro de persoal funcionario e da relación de postos de traballo do ano 2023 para proceder á creación do posto de traballo anteriormente citado e á ausencia de presentación de alegacións contra este acordo durante o período de exposición pública, tras anuncio inserido no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra núm. 99, do 25 de maio de 2023.

Segundo. No Boletín Oficial da provincia de Pontevedra núm. 131, do 7 de xullo de 2023, publicaronse a aprobación definitiva do expediente de modificación do cadro de persoal funcionario e a relación de postos de traballo do ano 2023 da Deputación Provincial de Pontevedra.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A creación e clasificación do posto de traballo de asistencia de secretaría e intervención na Deputación Provincial de Pontevedra como reservado a PFHN e adscrito ao Servizo de Asistencia Intermunicipal veñen xustificadas polo preceptuado no artigo 36.1.b) da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local (en diante, LRBRL), que consagra como competencia propia das deputacións a asistencia e cooperación xurídica, económica e técnica aos municipios, especialmente aos de menor capacidade económica e de xestión, e debe garantir, en todo caso, nos municipios de menos de mil habitantes a prestación dos servizos de secretaría e intervención.

Ademais, o artigo 16 do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo, polo que se regula o réxime xurídico dos funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional (en diante, Real decreto 128/2018), regula os servizos de asistencia e indica que as funcións reservadas a PFHN en entidades locais eximidas serán exercidas –entre outras formas– polas deputacións provinciais, que incluirán nas súas relacións de postos de traballo os reservados a PFHN necesarios para garantir o cumprimento de tales funcións. Engade o citado precepto o xa sinalado anteriormente na LRBRL, da obriga de garantir, en todo caso, nos municipios de menos de mil habitantes a prestación dos servizos de secretaría e intervención e tesouraría e recadación. Finaliza este precepto regulamentario indicando que lle corresponde á Comunidade Autónoma efectuar a clasificación dos citados postos, por proposta das entidades respectivas, a que a súa provisión se axustará ao establecido regulamentariamente.

E o artigo 55 do Real decreto 128/2018 regula as comisións circunstanciais, indicando que nos casos de ausencia, enfermidade ou abstención legal ou regulamentaria de PFHN en municipios de menos de mil habitantes, por petición da corporación interesada, a Administración ou corporación local que atenda os servizos de asistencia poderá comisionar un PFHN para a realización de funcións especiais de carácter circunstancial, polo tempo imprescindible. Nos mesmos termos pronúnciase o artigo 47 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal (en diante, Decreto 49/2009), sen a limitación relativa aos municipios de menos de mil habitantes.

Segundo. O expediente tramitado pola entidade provincial é conforme o disposto no artigo 10 do Decreto 49/2009, dado que modificou o cadro de persoal funcionario e a relación de postos de traballo do ano 2023, creando o referido posto de traballo reservado a PFHN, adscrito ao Servizo de Asistencia Intermunicipal.

A clasificación proposta para o citado posto de traballo é de Secretaría clase terceira, reservado a PFHN pertencente á subescala de Secretaría-Intervención, segundo o establecido no artigo 3.1 in fine do Decreto 49/2009, e de conformidade coa necesidade proposta pola entidade provincial para garantir o cumprimento das funcións reservadas nos municipios de menos de mil habitantes.

A Dirección Xeral de Administración Local é competente para a adopción deste acordo, segundo o establecido no artigo 29.3.g) do Decreto 117/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica daquela denominada Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, e no artigo 1.6 da Orde do 14 de xullo de 2022 sobre delegación de competencias na Secretaría Xeral Técnica e noutros órganos da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

En virtude do anteriormente exposto, e tendo en conta o informe emitido pola subdirectora xeral de Réxime Xurídico Local,

Resolvo:

Primeiro. Clasificar o seguinte posto de traballo como reservado a PFHN no Servizo de Asistencia Intermunicipal da Deputación Provincial de Pontevedra, coas seguintes características:

Entidade local: Deputación Provincial de Pontevedra.

Posto: asistencia de secretaría e intervención.

Subescala: Secretaría-Intervención.

Forma de provisión: concurso de méritos.

Segundo. Anotar a clasificación do citado posto de traballo reservado no Rexistro integrado de PFHN e dispoñer a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, en cumprimento do preceptuado no artigo 23 do Real decreto 128/2018, do 16 marzo.

Terceiro. Dar traslado desta resolución e da súa respectiva publicación ao Ministerio de Facenda e Función Pública.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, ante o xulgado do contencioso-administrativo competente, de conformidade co establecido nos artigos 8, 14 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Potestativamente, e con carácter previo, os interesados poderán interpoñer recurso administrativo de reposición, ante este órgano directivo, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015. Así mesmo, a entidade local poderá presentar previamente requirimento no prazo de dous meses conforme o disposto no artigo 44 da dita Lei 29/1998.

Santiago de Compostela, 11 de outubro de 2023

Natalia Prieto Viso
Directora xeral de Administración Local