DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 201 Luns, 23 de outubro de 2023 Páx. 58237

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Xuventude

ORDE do 13 de outubro de 2023 pola que se modifica a Orde do 1 de agosto de 2023, pola que se regulan as bases que rexerán a concesión das subvencións ás entidades de acción voluntaria e entidades locais enmarcadas no programa de servizo de voluntariado xuvenil, así como a proxectos de voluntariado interxeracional no medio rural, con base no proxecto piloto de talento interxeracional no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento BS320A).

missing image file

No Diario Oficial de Galicia número 156, do 18 de agosto de 2023, publicouse a Orde do 1 de agosto de 2023 pola que se regulan as bases que rexerán a concesión das subvencións ás entidades de acción voluntaria e entidades locais enmarcadas no programa de servizo de voluntariado xuvenil, así como a proxectos de voluntariado interxeracional no medio rural, con base no proxecto piloto de talento interxeracional no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento BS320A).

O obxecto da convocatoria é instar á participación nas entidades de acción voluntaria e nas entidades locais inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia das persoas mozas galegas, para a súa colaboración como persoas voluntarias na realización dos proxectos de voluntariado que se presenten ao abeiro desta convocatoria e dentro dos sectores de actuación establecidos na Lei 10/2011, do 28 de novembro, de acción voluntaria. Ademais, nesta convocatoria subvencionaranse actuacións que posibiliten a participación destas persoas mozas en grupos interxeracionais orientados ao desenvolvemento de proxectos de voluntariado enmarcados nas actividades vinculadas co proxecto piloto de talento interxeracional. A execución dos proxectos terá como data límite o 31 de outubro de 2023.

No artigo 17, no punto primeiro do número 1, establécese:

«1. Unha vez publicado o outorgamento da axuda, a data límite para a presentación da xustificación dos gastos é o día 8 de novembro de 2023».

A data de publicación da convocatoria determina que a fase de instrución e a resolución do procedemento finalizarán máis alá das datas inicialmente previstas, polo que, co fin de garantir a maior eficacia posible no desenvolvemento dos proxectos de intervención subvencionados, considérase recomendable ampliar o prazo de finalización da xustificación inicialmente previsto.

Esta ampliación do prazo está amparada no artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo o cal o órgano concedente da subvención poderá outorgar, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para a presentación da xustificación que non exceda a metade deste, e sempre que con iso non se prexudiquen os dereitos de terceiros.

En consecuencia, no uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e polo Decreto 124/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Xuventude,

RESOLVO:

Artigo único. Modificación da Orde do 1 de agosto de 2023 pola que se regulan as bases que rexerán a concesión das subvencións ás entidades de acción voluntaria e entidades locais enmarcadas no programa de servizo de voluntariado xuvenil, así como a proxectos de voluntariado interxeracional no medio rural, con base no proxecto piloto de talento interxeracional no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento BS320A)

O número 1 do artigo 17, referido á xustificación das subvencións da Orde do 1 de agosto de 2023 pola que se regulan as bases que rexerán a concesión das subvencións ás entidades de acción voluntaria e entidades locais enmarcadas no programa de servizo de voluntariado xuvenil, así como a proxectos de voluntariado interxeracional no medio rural, con base no proxecto piloto de talento interxeracional no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento BS320A), queda redactado como segue:

«1. Unha vez publicado o outorgamento da axuda, a data límite para a presentación da xustificación dos gastos é o día 1 de decembro de 2023.

A entidade beneficiaria deberá presentar, a través da Carpeta cidadá dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, a xustificación da totalidade do proxecto avaliado pola Comisión. No suposto de ter resultado beneficiaria de subvención para dous proxectos, un correspondente ás actividades incluídas nas letras desde o a) ata o i) do artigo 2.2, e o outro correspondente á actividade da letra j) do dito artigo, a xustificación presentarase separada e independentemente para cada proxecto».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2023

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Xuventude