DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 201 Luns, 23 de outubro de 2023 Páx. 58386

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 9 de outubro de 2023, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 6 de outubro de 2023, relativa á solicitude de deslindamento formulada polos representantes dos montes veciñais en man común Devesa e Fumaces, nos concellos de Vilardevós e Riós.

Examinada a solicitude de deslinde formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) Devesa, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Devesa, e o de Fumaces, pertencente á CMVMC de Fumaces, nos concellos de Vilardevós e Riós, resultan os seguintes:

Feitos:

Primeiro. O 29.9.2022 a CMVMC de Devesa presentou unha solicitude (Rexel núm. 2022/2392780) de deslindamento do MVMC de Devesa co MVMC de Fumaces nos concellos de Vilardevós e Riós.

Coa solicitude achegou a seguinte documentación:

– Acta de deslindamento.

– Certificacións de aprobación das respectivas asembleas xerais.

– Memoria e planos.

– Arquivos xeográficos.

– Acta de conciliación levantada no Xulgado de Paz de Vilardevós.

Segundo. O informe do Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense do 16 de xaneiro de 2023 fai constar que o perímetro obxecto de deslindamento inclúe o perímetro lindeiro entre estes dous MVMC.

O deslindamento comeza no punto 1 nunha devasa en dirección O-NO pola devasa ata o punto 10 seguindo sempre a mencionada devasa, quedando este dentro dos límites do MVMC de Devesa. O punto 10a é un punto auxiliar tomado para unir o presente deslindamento co MVMC de Hospital, que non se atopa deslindado, polo que non é un punto definitivo de unión entre os montes deslindados e o mencionado MVMC de Hospital. O punto 1a non se ten en conta ao coexistir e coincidir o punto 1 no expediente de deslindamento tramitado entre os MVMC de Devesa e Traseirexa.

As diferenzas de superficies dos polígonos resultantes dos MVMC de Devesa e Fumaces, respecto das superficies clasificadas, despois do deslindamento, son inferiores ao 1 %.

O citado informe considera que a solicitude se axusta ao establecido no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, polo que propón ao Xurado Provincial a súa aprobación.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A presente resolución dítase o abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segunda. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que se vai seguir no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o xurado provincial de montes veciñais en man común, logo do exame da documentación presentada, ditará resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do 16 de xaneiro de 2023, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o 17 de abril de 2023:

Aprobar o acto de conciliación acadado polas xuntas reitoras dos MVMC de Devesa, pertencente á CMVMC de Devesa, e máis o MVMC de Fumaces, pertencente á CMVMC de Fumaces, nos concellos de Vilardevós e Riós.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 9 de outubro de 2023

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense