DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 201 Luns, 23 de outubro de 2023 Páx. 58389

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 9 de outubro de 2023, do Xurado Provincial de Clasificación Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 6 de outubro de 2023, relativa á solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común Serra de Larouco, Serra de Sandín e Lamas, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Lucenza, no concello de Cualedro.

Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) Serra de Larouco, Serra de Sandín e Lamas, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Lucenza, no concello de Cualedro, resultan os seguintes:

Feitos:

Primeiro. O 30.9.2022 a CMVMC de Lucenza presentou unha solicitude (Rexel núm. 2022/2402657) de revisión de esbozo do MVMC Serra de Larouco, Serra de Sandín e Lamas, no concello de Cualedro.

Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:

– Certificación do acordo da asemblea xeral do 10.9.2022.

– Memoria e planos.

– Arquivos xeográficos en formato vectorial.

Segundo. O Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 12 de xaneiro de 2023 en relación coa citada solicitude. Nel indícase que o perímetro obxecto de revisión inclúe partes do perímetro lindeiras con particulares na parte oeste do monte. Trátase dunha revisión parcial, xa que se centra soamente nunha pequena parte do perímetro do monte. Non se modifican os límites cos montes veciñais estremeiros, que non se atopan deslindados.

O MVMC Serra de Larouco, Serra de Sandín e Lamas foi clasificado cunha superficie total de 614 ha polo Xurado Provincial de Montes en Man Común o ano 1977, modificándose esta superficie no ano 2004 por sentenza do Xulgado de Verín a favor da comunidade de montes de Lucenza, pasando a ter 655,33 ha.

A superficie do MVMC Serra de Larouco, Serra de Sandín e Lamas, unha vez revisado o esbozo, resulta de 401,53 ha fronte ás 614 ha do acordo de clasificación inicial ou as 655,33 ha indicadas coa modificación tras a sentenza xudicial. Esta superficie total parte dun erro desde a clasificación, posto que o shape dixitalizado do esbozo modificado tras a sentenza, ten unha superficie de tan só 426,8 ha, sendo esta a ferramenta de traballo utilizada na presente revisión de esbozo. Polo tanto, a redución de superficie respecto ás 426,8 ha do shape de montes veciñais resulta dun 6 %.

Tendo en conta o anterior, infórmase favorablemente revisión do esbozo do MVMC Serra de Larouco, Serra de Sandín e Lamas.

Consideracións legais e técnicas:

Única. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con esta, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión axustándose e completándose con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 12 de xaneiro de 2023, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 17 de abril de 2023:

Aprobar a proposta de revisión de esbozo do monte veciñal en man común MVMC Serra de Larouco, Serra de Sandín e Lamas, pertencente á CMVMC de Lucenza, no concello de Cualedro.

Ourense, 9 de outubro de 2023

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense