DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 200 Venres, 20 de outubro de 2023 Páx. 58085

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANUNCIO do 15 de setembro de 2023, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, polo que se somete a información pública o estudo de impacto ambiental e a solicitude de autorización ambiental integrada para a instalación de dispensado público de hidróxeno con xeración in situ de 2 MW de potencia de Julio Verne Hidrógeno Puerto de Vigo, S.L. en Vigo, Pontevedra (expediente 2023-IPPC-I-66).

Para os efectos previstos no artigo 29 da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (BOE núm. 273, do 10 de novembro), faise público que por espazo de trinta (30) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, quedará exposta a documentación correspondente á solicitude de autorización ambiental integrada e ao estudo de impacto ambiental para a «construción dunha estación de dispensado público de hidróxeno con xeración in situ de 2 MW de potencia», presentada por Julio Verne Hidrógeno Puerto de Vigo, S.L.

Para que calquera interesado poida consultala e, se é o caso, formular no citado prazo as alegacións, suxestións ou observacións que considere oportunas, a documentación estará á disposición dos administrados, en horario de atención ao público, nas seguintes dependencias:

– Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático – Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación (rúa de San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela).

Ademais poderán acceder a esta información na páxina web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (http://cmatv.xunta.gal/ → medio ambiente e sostibilidade → prevención e control de actividades → autorización ambiental integrada → proxectos en información pública).

Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2023

María Sagrario Pérez Castellanos
Directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático

ANEXO

Memoria resumo

Clave do expediente: 2023-IPPC-I-66.

Peticionario: Julio Verne Hidrógeno Puerto de Vigo, S.L.

CIF: B10571511.

Enderezo social: rúa Urzaiz, nº 27, 5º-A, 36201 Vigo, Pontevedra.

Localización da instalación: rúa entrada Porto de Bouzas, 36207 Vigo, Pontevedra.

Actividade: produción de hidróxeno verde.

Categoría principal da actividade: categoría 4.2.a) do anexo I do Real decreto lexislativo 1/2016, do 16 de decembro.

Descrición: o proxecto consiste na construción e explotación dunha estación de dispensado público de hidróxeno con xeración in situ de 2 MW de potencia. A produción de hidróxeno realízase mediante electrólise da auga, utilizando enerxía renovable, que procederá en parte dunha posible instalación fotovoltaica en cubertas lindeiras ao punto de xeración e dispensado, e outra parte de PPA (contrato de subministración de enerxía) de orixe renovable.

A auga procederá da rede de abastecemento municipal, cun consumo máximo de 11,2 m3/día, e someterase a un proceso de desmineralización por osmose inversa.

Xeraranse augas residuais industriais que se corresponden co efluente de rexeitamento do proceso de osmose inversa e augas residuais sanitarias procedentes dos aseos, que se verterán en ambos os casos á rede de saneamento municipal.