DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 200 Venres, 20 de outubro de 2023 Páx. 57948

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

RESOLUCIÓN do 10 de outubro de 2023 pola que se concede a mención de excelencia a titulacións universitarias oficiais de máster impartidas polas universidades do Sistema universitario de Galicia no curso académico 2022/23.

Con data do 21 de abril de 2023, publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 12 de abril de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria para a concesión de mención de excelencia a titulacións universitarias oficiais de máster impartidas polas universidades do Sistema universitario de Galicia no curso académico 2022/23.

Rematado o prazo para a entrega da documentación necesaria para a tramitación do procedemento establecido no artigo 5 da orde de convocatoria, foron analizadas as solicitudes pola Comisión Avaliadora prevista no artigo 8 da citada orde.

Tendo en conta o anteriormente exposto, e atendendo á proposta de resolución da Secretaría Xeral de Universidades, esta consellería

RESOLVE:

Primeiro. Concederlles a mención de máster universitario excelente da Xunta de Galicia ás titulacións universitarias oficiais de máster impartidas polas universidades do Sistema universitario de Galicia no curso académico 2022/23, que se relacionan no anexo I desta resolución.

Segundo. As universidades responsables dos títulos comprométense a manter os requisitos que deron lugar á obtención da puntuación mínima para acadar a mención de máster universitario excelente da Xunta de Galicia.

Así mesmo, os responsables dos títulos comprométense a incluír as medidas e modificacións necesarias, segundo o procedemento establecido para a modificación de títulos universitarios, derivadas do compromiso de inclusión dun módulo vinculado directamente cunha formación en emprendemento e autoemprego, establecida no artigo 9, epígrafe f).

Terceiro. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, as universidades poderán interpoñer recurso potestativo de reposición, ante o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou directamente o recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2023

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ANEXO I

Titulación

Facultade/escola

Universidade

MU en Enxeñaría Química e Bioprocesos

Escola Técnica Superior de Enxeñaría

Universidade de Santiago de Compostela

MU en Química Orgánica

Facultade de Química

Facultade de Ciencias

Facultade de Ciencias Químicas

Universidade de Santiago de Compostela

Universidade Autónoma de Madrid

Universidade Complutense de Madrid

MU en Ciencias, Tecnoloxías e Xestión Ambiental

Facultade de Ciencias

Universidade da Coruña