DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 200 Venres, 20 de outubro de 2023 Páx. 58114

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 5 de outubro de 2023, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 5 de outubro de 2023 relativa á solicitude de deslindamento formulada polos representantes dos montes veciñales en man común Devesa e Traseirexa, no concello de Vilardevós.

Examinada a solicitude de deslindamento formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) Devesa, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Devesa, e mais do de Traseirexa, pertencente á CMVMC da Fraira, Santa María e Traseirexa, no concello de Vilardevós, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 29 de setembro de 2022 a CMVMC de Devesa presentou unha solicitude (Rexel número 2022/2392938) de deslindamento do MVMC de Devesa co MVMC Traseirexa, no concello de Vilardevós.

Coa solicitude achegou a seguinte documentación:

– Acta de deslindamento.

– Certificacións de aprobación das respectivas asembleas xerais.

– Memoria e planos.

– Arquivos xeográficos.

– Acta de conciliación levantada no Xulgado de Paz de Vilardevós.

Segundo. O informe do Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense do 16 de xaneiro de 2023 fai constar que o perímetro obxecto de deslindamento inclúe o perímetro colindante entre estes dous montes veciñais en man común.

O deslindamento comeza no punto 1 nunha devasa e vai polo regato ata o punto 2, onde remata a liña. O punto 1a non se ten en conta ao coexistir e coincidir o punto 1 no expediente de deslindamento tramitado entre os montes veciñais en man común de Devesa e Fumaces.

As diferenzas de superficies dos polígonos resultantes dos MVMC de Devesa e Traseirexa respecto das superficies clasificadas despois do deslindamento son inferiores ao 1 %.

O citado informe considera que a solicitude se axusta ao establecido no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, polo que se lle propón ao Xurado Provincial a súa aprobación.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A presente resolución dítase ao abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segunda. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que se deberá seguir no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o xurado provincial de montes veciñais en man común, logo do exame da documentación presentada, ditará resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 16 de xaneiro de 2023, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 17 de abril de 2023:

Aprobar o acto de conciliación acadado polas xuntas reitoras do MVMC de Devesa, pertencente á CMVMC de Devesa, e mais do MVMC Traseirexa, pertencente á CMVMC da Fraira, Santa María e Traseirexa, no concello de Vilardevós.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 5 de outubro de 2023

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense