DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 200 Venres, 20 de outubro de 2023 Páx. 58016

III. Outras disposicións

Axencia de Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 17 de outubro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, do programa #DescubreGaliciaenOutono a través dos bonos turísticos, se convocan para o ano 2023 e se abre o prazo para a adhesión dos establecementos de aloxamento turístico e das axencias de viaxes (código de procedemento TU985F).

A Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, establece entre os fins que persegue a lei, aos que a Administración autonómica acomodará as súas actuacións, a promoción e o estímulo dun sector turístico galego competitivo, de calidade e accesible, e a promoción de Galicia como destino turístico de calidade, con garantía do seu tratamento unitario na difusión interior e exterior dos recursos do país.

A Axencia de Turismo de Galicia créase en virtude da autorización contida na disposición adicional cuarta da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, mediante o Decreto 196/2012, do 27 de setembro, como unha axencia pública autonómica, que terá como finalidade impulsar, coordinar e xestionar a política autonómica en materia de turismo e, en especial, a promoción e a ordenación do turismo dentro da comunidade.

Entre os obxectivos básicos da axencia están o desenvolvemento do turismo na Comunidade Autónoma de acordo cos principios de calidade, accesibilidade e sustentabilidade, a potenciación do turismo como un factor de crecemento económico, a valorización dos recursos turísticos e o fomento do turismo como un instrumento de reequilibrio territorial.

A posta en marcha da tarxeta Bono turístico #QuedamosenGalicia, para incentivar a demanda de servizos turísticos internos pola COVID-19, evidenciouse como un instrumento esencial no proceso de recuperación da actividade, paliando a diminución da actividade económica das empresas turísticas e o emprego a elas vinculado. Non obstante, a configuración do programa a través dunha tarxeta en que a persoa usuaria achega unha porcentaxe do seu valor, exixe un cambio cara ao modelo de bono desconto que ten demostrado o seu éxito noutros ámbitos e co obxectivo de chegar a un potencial maior número de persoas beneficiarias.

Por outra parte, o comportamento da demanda turística en Galicia no ano 2022 mantivo o carácter estacional, cun incremento suave da demanda de xaneiro a xuño –cun pico na Semana Santa–, forte suba no verán –período de maior afluencia turística á Comunidade– e a volta a niveis propios da tempada media e baixa na parte final do ano. A última edición do Bono turístico #QuedamosenGalicia pretendía paliar a estacionalidade turística e os datos de 2022 poñen de manifesto a necesidade de seguir aplicando durante o ano 2023 incentivos para desestacionalizar a actividade turística na parte final do ano e contribuír con iso a dinamizar a economía e o emprego turístico.

Como consecuencia, vaise poñer en marcha o programa #DescubreGaliciaenOutono, no cal se introduce o mencionado concepto de bono-desconto, que só poderán utilizar persoas residentes en Galicia, para incentivar o nivel de demanda do mercado interno, situado en 2022 en cifras máis baixas ca as rexistradas con carácter previo á pandemia.

Neste novo programa poderase obter unha rebaixa do 40 % do custo de estancias ou paquetes turísticos, cun máximo de 100 €, en establecementos de aloxamento turístico e axencias de viaxes radicadas en Galicia e adheridos ao programa.

De acordo co anterior,

RESOLVO:

1. Convocatoria e bases reguladoras.

1.1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases, que se inclúen como anexo, polas que se rexerá a concesión das axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, do programa #DescubreGaliciaenOutono a través dos bonos turísticos, e anunciar a súa convocatoria para o ano 2023 e a apertura do prazo para a adhesión dos establecementos de aloxamento turístico e das axencias de viaxes (código de procedemento TU985F).

1.2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva.

2. Solicitudes.

Para poder ser persoa beneficiaria das axudas deberá presentarse unha solicitude axustada ao establecido nas bases reguladoras.

Con base no disposto no artigo 14.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, en relación co disposto no artigo 10 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, enténdese que queda acreditado que as persoas solicitantes gozan do acceso e da dispoñibilidade dos medios electrónicos necesarios por razón da súa capacidade técnica.

3. Data de activación dos bonos.

Os bonos estarán dispoñibles para a súa descarga por parte das persoas usuarias desde as 9.00 horas do día 27 de outubro ata o 15 de decembro de 2023, e a súa validez estenderase ata o 25 de decembro de 2023.

4. Información ás persoas interesadas.

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Axencia de Turismo de Galicia, a través dos seguintes medios:

a) A páxina web oficial da Axencia de Turismo de Galicia:

https://www.turismo.gal/canle-profesional/promocion-do-sector/axudas-e-subvencions

b) A páxina web https://sede.xunta.gal/portada, introducindo no buscador o código de procedemento, e en www.bonoturismo.gal

c) Os teléfonos 981 54 63 58 e 981 54 64 20.

d) Enderezo electrónico: xuridico.turismo@xunta.gal

5. Réxime de recursos.

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a Dirección da Axencia de Turismo de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución.

6. Base de datos nacional de subvencións.

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do dito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS).

Esta resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2023

José Manuel Merelles Remy
Director da Axencia de Turismo de Galicia

ANEXO

Bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, do programa #DescubreGaliciaenOutono a través dos bonos turísticos, a convocatoria para o ano 2023 e a apertura do prazo para a adhesión dos establecementos de aloxamento turístico e das axencias de viaxes
(código de procedemento TU985F)

Artigo 1. Obxecto

As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto incentivar a demanda interna, isto é, de persoas residentes na Comunidade Autónoma de Galicia, de servizos turísticos prestados na dita comunidade autónoma en períodos de estacionalidade, buscando, con isto, prolongar a actividade e dinamizar a economía e o emprego turístico.

Artigo 2. Orzamento

1. Para a concesión destas axudas destinarase un crédito de 1.000.000 € con cargo á aplicación orzamentaria 04.A2.761A.480.0, proxecto 2015 00006, dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para 2023.

2. O orzamento poderase incrementar en función da evolución do programa #DescubreGaliciaenOutono a través dos bonos turísticos, co obxecto de aumentar o número de persoas beneficiarias e de acordo coa dispoñibilidade de crédito, cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

O incremento do crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, de ser o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

Nestes casos publicarase a ampliación de crédito polos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura do prazo para presentar novas solicitudes.

Artigo 3. Entidade colaboradora

A entrega e a distribución dos fondos das axudas farase coa entidade colaboradora seleccionada ao abeiro da Resolución do 19 de setembro de 2023 pola que se convoca o procedemento de concorrencia para a selección dunha entidade colaboradora para a entrega e distribución dos fondos das axudas do programa #DescubreGaliciaenOutono a través dos bonos turísticos (código de procedemento TU985E).

Artigo 4. Actividade subvencionable

Subvencionaranse os servizos que presten os establecementos hoteleiros, apartamentos turísticos, vivendas turísticas, campamentos de turismo, establecementos de turismo rural e albergues da Comunidade Autónoma de Galicia consistentes nunha estancia mínima dunha noite nos ditos aloxamentos turísticos. Quedan expresamente fóra do programa as vivendas de uso turístico. Poderán ser tamén obxecto da axuda outros servizos prestados directamente polos mencionados aloxamentos.

Son tamén subvencionables os paquetes turísticos que oferten as axencias de viaxes que teñan un centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia e desenvolvan as súas actividades dentro do sector turístico vinculado a Galicia, sempre que nos devanditos paquetes se inclúa o aloxamento en establecementos hoteleiros, apartamentos turísticos, vivendas turísticas, campamentos de turismo, establecementos de turismo rural e albergues da Comunidade Autónoma de Galicia.

Os gastos subvencionados serán os que se realicen ata o 25 de decembro de 2023 e desde a data de inicio de descarga dos bonos establecida no artigo 16 destas bases reguladoras.

Cada bono terá a consideración de bono desconto por un valor de 100 € para gastos de aloxamento realizados nos establecementos de aloxamento turístico e nas axencias de viaxes adheridos.

O importe do bono irase reducindo, ata o seu esgotamento, en función do valor do gasto, de acordo co seguinte criterio:

– Desconto do 40 % do gasto realizado ata un máximo de desconto de 100 €.

As contías enténdense co IVE incluído.

Artigo 5. Natureza das axudas

As axudas que se concedan no marco do programa #DescubreGaliciaenOutono a través dos bonos turísticos terán a consideración de subvencións a fondo perdido non reintegrables.

Artigo 6. Procedemento de concesión

O procedemento para a concesión das axudas reguladas nesta resolución é de outorgamento de subvencións en réxime de concorrencia non competitiva ao abeiro do disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, atendendo á orde das solicitudes ata o esgotamento do crédito previsto no artigo 2 destas bases reguladoras.

Xustifícase a excepcionalidade porque nestes casos non é necesaria a comparación de proxectos entre si, polo interese especial en promover actuacións que fomenten desestacionalizar a actividade turística fóra do período estival e contribuír con iso a dinamizar a economía e o emprego turístico, cumprindo os requisitos especificados nesta resolución.

Artigo 7. Órgano responsable da xestión das axudas

O órgano responsable da xestión das subvencións será a Axencia de Turismo de Galicia, a quen lle corresponderá desenvolver as actuacións de supervisión e control da correcta execución do programa.

A xestión dos fondos públicos asignados ao programa bonos turísticos levarase a cabo de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración outorgante.

c) Eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos.

Artigo 8. Persoas beneficiarias

Poderán ser persoas beneficiarias das axudas as persoas físicas maiores de idade e residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que se aloxen en establecementos hoteleiros, apartamentos turísticos, vivendas turísticas, campamentos de turismo e establecementos de turismo rural desde a data de inicio de descarga dos bonos establecida no artigo 16 destas bases reguladoras e ata o 25 de decembro de 2023. Para seren beneficiarias terán que tramitar as súas solicitudes conforme o establecido nesta resolución.

Artigo 9. Alta e requisitos dos establecementos de aloxamento turístico e das axencias de viaxes para a adhesión ao programa

1. Os establecementos de aloxamento turístico e as axencias de viaxes que desexen adherirse ao programa #DescubreGaliciaenOutono a través dos bonos turísticos deberán rexistrarse na web www.bonoturismo.gal indicando a seguinte información:

– Nome e apelidos/razón social.

– NIF/CIF.

– Nome, apelidos e DNI/NIE da persoa representante.

– Denominación do establecemento turístico de aloxamento ou axencia de viaxes.

– Sinatura do establecemento turístico de aloxamento ou axencia de viaxes.

– Enderezo do establecemento turístico de aloxamento ou axencia de viaxes.

– Número de teléfono móbil.

– Correo electrónico.

– IBAN da conta bancaria.

– Páxina web do establecemento turístico de aloxamento ou da axencia de viaxes.

2. O prazo para adherirse ao programa será desde as 9.00 horas do día 20 de outubro ata o 1 de decembro de 2023, sen prexuízo da súa posible ampliación nos termos establecidos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Poderán adherirse ao programa #DescubreGaliciaenOutono a través dos bonos turísticos:

– Os establecementos de aloxamento turístico da Comunidade Autónoma de Galicia: establecementos hoteleiros, campamentos de turismo, establecementos de turismo rural, apartamentos turísticos, vivendas turísticas e albergues turísticos.

– As axencias de viaxes que teñan un centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia e que desenvolvan as súas actividades dentro do sector turístico vinculado a Galicia e presten os servizos, as actividades ou os produtos vinculados a este programa na Comunidade Autónoma de Galicia.

En ambos os dous casos deberán estar dadas de alta no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT) no momento da publicación desta convocatoria e ter coñecemento da sinatura que se lles proporcionou no momento da alta no citado rexistro.

4. A alta e o uso da aplicación por parte das persoas titulares dos establecementos de aloxamento turístico e das axencias de viaxes suporá a aceptación das condicións do seu uso e da política de privacidade conforme o Regulamento (UE) 2016/679, do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos), e a Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, da que serán informadas convenientemente.

5. As persoas titulares dos establecementos de aloxamento turístico e das axencias de viaxes deberán asinar dixitalmente a declaración responsable, manifestando o cumprimento das condicións establecidas e a veracidade dos datos indicados, sen prexuízo de cantas outras formalidades estean obrigadas a cumprir. A Axencia de Turismo de Galicia poderá comprobar ou, se é o caso, solicitar en calquera momento os documentos acreditativos dos mencionados requisitos.

6. Non se admitirán nin se terán en conta as solicitudes presentadas por establecementos que non cumpran coas anteriores condicións nin coa forma establecida nesta resolución.

7. A denominación e a localización dos establecementos de aloxamento turístico e das axencias de viaxes adheridos ao programa #DescubreGaliciaenOutono a través dos bonos turísticos farase pública na web www.bonoturismo.gal

8. As persoas titulares dos establecementos de aloxamento turístico e das axencias de viaxes adheridos ao programa recibirán cunha periodicidade semanal, na conta bancaria indicada para tal efecto, a cantidade equivalente aos bonos trocados no seu establecemento, agás no suposto previsto no artigo 19 destas bases reguladoras.

Artigo 10. Comprobación de datos das persoas titulares de establecementos de aloxamento turístico e das axencias de viaxes

1. Para a tramitación deste procedemento poderán consultarse automaticamente os datos das persoas titulares dos establecementos e das axencias de viaxes incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo e achegar os documentos.

2. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta:

NIF da entidade solicitante.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 11. Presentación da solicitude dos bonos

1. Para a solicitude e a obtención dos bonos, cada persoa usuaria deberá darse de alta na web www.bonoturismo.gal indicando a seguinte información:

a) Nome e apelidos.

b) Maioría de idade.

c) DNI ou NIE.

d) Localidade de residencia (código postal).

e) Número de teléfono móbil.

f) Correo electrónico.

2. O uso da páxina web e a descarga dos bonos por parte das persoas usuarias suporá a aceptación das condicións do seu uso e da política de privacidade conforme o Regulamento (UE) 2016/679, do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos), e a Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, da que serán informadas convenientemente.

3. As persoas usuarias deberán declarar responsablemente a veracidade dos datos indicados. A Axencia de Turismo de Galicia poderá solicitar, en calquera momento, os documentos acreditativos dos mencionados requisitos.

4. Así mesmo, as persoas usuarias deberán declarar responsablemente que están ao día do cumprimento das obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria e coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, así como coa Seguridade Social.

Artigo 12. Sistema de funcionamento dos bonos

1. A descarga dos bonos por parte das persoas usuarias realizarase na web www.bonoturismo.gal e, nese momento, entenderase preconcedida a axuda.

Os bonos terán formato dixital a través dun código QR e estarán dispoñibles para a súa utilización nunha App que permita realizar pagamentos (Wallet ou similar).

2. Para trocar os bonos e poder facerlles efectivos os descontos ás persoas usuarias, as persoas titulares de establecementos de aloxamento turístico e de axencias de viaxes terán que descargar no seu móbil a App de bonos turísticos.

3. No momento de aboamento do gasto correspondente ao aloxamento, as persoas titulares dos establecementos de aloxamento turístico e das axencias de viaxes terán que introducir na App o importe e o concepto do gasto, automaticamente aparecerá o importe que se vai cobrar (unha vez aplicado o desconto). Pola súa banda, as persoas usuarias deberán mostrar o seu bono en formato código QR e pagar, en efectivo ou con tarxeta, o importe final do gasto realizado.

Artigo 13. Obrigas dos establecementos de aloxamento turístico e das axencias de viaxes adheridos ao programa

Os establecementos de aloxamento turístico e as axencias de viaxes adheridos ao programa #DescubreGaliciaenOutono a través dos bonos turísticos adquirirán, a través da solicitude de adherencia ao programa, as seguintes obrigas:

a) Anunciar no exterior do establecemento, nun lugar visible, a adhesión ao programa mediante a colocación dos correspondentes materiais publicitarios coa imaxe corporativa do programa.

b) Facer o desconto directo dos bonos nos tíckets ou facturas de compra emitidos, de xeito que as persoas usuarias non cheguen a realizar, en ningún caso, o desembolso do importe descontado.

c) Someterse ás actuacións de comprobación e vixilancia necesarias por parte da Axencia de Turismo de Galicia para verificar o funcionamento adecuado e a xestión dos bonos e do programa en xeral.

d) Conservar durante un ano todos os tíckets ou as facturas de compra xustificativas da aplicación dos bonos, mentres poidan ser obxecto de comprobación e control por parte da Axencia de Turismo de Galicia.

e) Custodiar con dilixencia as claves de acceso á plataforma co fin de evitar o seu uso indebido, comprometéndose a non facilitárllelas a outras persoas ou establecementos.

Artigo 14. Órganos competentes para a instrución e resolución

A Xerencia da Axencia de Turismo de Galicia será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención.

Corresponderalle á persoa que ocupe a Dirección da Axencia de Turismo de Galicia ditar a resolución correspondente.

Artigo 15. Condicións de uso dos bonos

1. Cada persoa beneficiaria disporá dun único bono que poderá ser usado nun ou en varios dos establecementos ou das axencias adheridas ao programa.

2. Cada bono terá un valor de 100 € por persoa usuaria que se irá reducindo, ata o seu esgotamento, en función do valor do gasto de aloxamento realizado, de acordo co seguinte criterio:

– Desconto do 40 % do gasto realizado ata un máximo de desconto de 100 €.

Todas estas contías enténdense co IVE incluído.

3. A validez dos bonos estenderase ata o 25 de decembro de 2023 e desde a data fixada para a súa descarga, salvo esgotamento previo do seu saldo.

4. A través da plataforma tecnolóxica do programa, os/as titulares dos establecementos de aloxamento turístico e das axencias de viaxes terán á súa disposición a información necesaria e poderán consultar o histórico das súas vendas, os bonos xa trocados, os aboamentos feitos pola entidade colaboradora e os demais detalles de cada operación.

Artigo 16. Data de activación dos bonos

Os bonos estarán dispoñibles na web www.bonoturismo.gal para a súa descarga por parte das persoas usuarias desde as 9.00 horas do día 27 de outubro ata o 15 de decembro de 2023, e a súa validez estenderase ata o 25 de decembro de 2023.

Mediante a resolución da Axencia de Turismo de Galicia poderanse modificar as anteditas datas se razóns organizativas ou doutra índole así o aconsellasen, e daráselle a oportuna publicidade.

Artigo 17. Vixencia do programa

O programa #DescubreGaliciaenOutono a través dos bonos turísticos estará vixente ata o 25 de decembro de 2023.

Mediante a resolución da Axencia de Turismo de Galicia poderase modificar a devandita data se razóns organizativas así o aconsellasen, e daráselle a oportuna publicidade.

Artigo 18. Instrución e resolución de concesión

Unha vez solicitado o bono e descargado na forma establecida no artigo 12, as axudas entenderanse preconcedidas.

A resolución de concesión das axudas publicarase na páxina web oficial da Axencia de Turismo de Galicia, con indicación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas.

Artigo 19. Xustificación e inspección

A Axencia de Turismo de Galicia, como responsable do programa, resérvase o dereito de realizar durante o período de vixencia dos bonos e a posteriori, e de forma aleatoria, cantas comprobacións, inspeccións e demais medidas de control considere oportunas para asegurar a correcta aplicación dos recursos públicos e para verificar o desenvolvemento adecuado e a execución do programa #DescubreGaliciaenOutono a través dos bonos turísticos.

No suposto de que exista algún incumprimento por parte dos establecementos ou das axencias de viaxes adheridos, a Axencia de Turismo de Galicia poderá cancelar a adhesión destes ao programa subvencional. Neste caso comunicaralle a dita circunstancia á entidade colaboradora co fin de impedir o troco e paralizar o proceso de pagamento dos bonos ou solicitará, se é o caso, o reintegro dos fondos percibidos.

Os establecementos de aloxamento turístico e as axencias de viaxes adheridos ao programa están obrigados a facilitar canta información lles sexa requirida pola Axencia de Turismo de Galicia e polos restantes órganos competentes no exercicio das súas funcións de control do destino das axudas.

Artigo 20. Compatibilidade con outras axudas

As axudas obtidas ao abeiro desta resolución serán compatibles con calquera outra subvención, axuda, ingreso ou recurso procedente doutras administracións públicas.

Artigo 21. Información básica en materia de protección de datos persoais

A recollida dos datos persoais está encomendada á entidade financeira adxudicataria e a Xunta de Galicia, a Axencia de Turismo de Galicia, terá a condición de responsable do tratamento, serán tratados coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión dos bonos turísticos.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, con base na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia (Lofaxga), e no Decreto 196/2012, do 27 de setembro, polo que se crea a Axencia de Turismo de Galicia e se aproban os seus estatutos.

Para a entrega do material coa imaxe corporativa do programa #DescubreGaliciaenOutono a través dos bonos turísticos aos establecementos e ás axencias de viaxes adheridos, a información relativa á denominación do establecemento ou da axencia de viaxes e ao seu enderezo postal, ao nome da persoa representante e ao teléfono móbil poderá ser comunicada a terceiros colaboradores.

Serán obxecto de publicación as denominacións dos establecementos de aloxamento turístico e das axencias de viaxes adheridos ao programa na páxina web www.bonoturismo.gal

As persoas interesadas poderán solicitar, ante o responsable, acceder, rectificar ou suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais. Así mesmo, poderán exercer os ditos dereitos no correspondente enderezo da entidade financeira colaboradora: Servizo de Atención ao Cliente de Abanca, rúa Nova, 1, entresollado, 15003 A Coruña; e poderán consultar a información completa sobre o tratamento dos seus datos na política de privacidade da entidade publicada na web: https://www.abanca.com/es/legal/politica-privacidad/

As persoas interesadas poderán consultar máis información e contactar coa persoa delegada de protección de datos (DPD) na páxina https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos

No relativo á cesión de datos das persoas solicitantes á entidade Abanca Corporación Bancaria, S.A., o responsable do tratamento dos datos debe asegurarse de que se cumpre co disposto no artigo 5 do Regulamento (UE) 2016/679, do 27 de abril, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos.

Artigo 22. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.