DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 198 Mércores, 18 de outubro de 2023 Páx. 57602

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 4 de outubro de 2023, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 3 de outubro de 2023, relativa á solicitude de deslindamento formulada polos representantes dos montes veciñais en man común de Castromil, o de Montes de Dehesa, Castelo e Zureiro, e entre o propio monte de Castromil e o de Cádavos, no concello da Mezquita.

Examinada a solicitude de deslinde formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) de Castromil, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Castromil e o MVMC Montes de Dehesa, Castelo e Zureiro, pertencente á CMVMC de Santigoso, e entre o propio MVMC de Castromil e o MVMC Monte de Cádavos, pertencente á CMVMC de Cádavos, no concello da Mezquita, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 29.9.2022 a CMVMC de Santigoso presentou un escrito (REXEL 2022/2391564) en que solicita a aprobación dun deslindamento coa CMVMC de Castromil.

Coa solicitude achegou a seguinte documentación:

– Acta de deslindamento.

– Acta de conciliación levantada no Xulgado de Paz da Mezquita.

– Certificacións de aprobación das respectivas asembleas xerais.

– Memoria e planos.

Segundo. Ese mesmo día, a CMVMC de Castromil presentou un escrito (REXEL 2022/2391719) relativo a outro deslindamento, neste caso, coa CMVMC de Cádavos, e xuntou a seguinte documentación:

– Acta de deslindamento.

– Acta de conciliación levantada no Xulgado de Paz da Mezquita.

– Certificacións de aprobación das respectivas asembleas xerais.

– Memoria e planos.

Terceiro. O informe do Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense do 26 de decembro de 2022 fai constar que a documentación achegada corresponde, dun lado, ao deslindamento do perímetro estremeiro entre o MVMC de Castromil e mais o MVMC Montes de Dehesa, Castelo e Zureiro, pertencente á CMVMC de Santigoso, desde o vértice 1 (o situado máis ao S) ata o vértice 6 (o situado máis ao N), contemplándose dous puntos auxiliares (1a e 6a) ao principio e final do tramo coa finalidade de permitir o peche dos correspondentes esbozos; doutro lado, revísase a estrema entre o propio MVMC de Castromil e o MVMC Monte de Cádavos, pertencente á CMVMC de Cádavos, desde o vértice 1 (o situado máis ao N) ata o vértice 6 (o situado máis ao S), e este último ten a consideración de punto auxiliar.

O citado informe considera que a solicitude se axusta ao establecido no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, polo que propón ao Xurado Provincial súa aprobación.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. A presente resolución dítase o abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segundo. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que se seguirá no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común, logo do exame da documentación presentada, ditara resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 26 de decembro de 2022, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 17 de abril de 2023:

Aprobar o acto de conciliación acadado polas xuntas reitoras dos MVMC de Castromil, pertencente á CMVMC de Castromil e o MVMC Montes de Dehesa, Castelo e Zureiro, pertencente á CMVMC de Santigoso, e entre o propio MVMC de Castromil e o MVMC Monte de Cádavos, pertencente á CMVMC de Cádavos, no concello da Mezquita.

Contra esta resolución, que pon fin a vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 4 de outubro de 2023

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense