DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 198 Mércores, 18 de outubro de 2023 Páx. 57605

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 4 de outubro de 2023, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 3 de outubro de 2023, relativa á solicitude de deslindamento formulada polos representantes dos montes veciñales en man común Portela de Fraga e o Comunal de Veiga de Nostre e Sanguñedo nos concellos de Riós e Castrelo do Val, e entre o propio Portela de Fraga e o Comunal de Parada, nos concellos de Riós e A Gudiña.

Examinada a solicitude de deslindamento formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) Portela de Fraga, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Pedrosa, e o Comunal de Veiga de Nostre e Sanguñedo, pertencente á CMVMC de Veiga de Nostre e Sanguñedo, nos concellos de Riós e Castrelo do Val, e entre o propio MVMC Portela de Fraga e o MVMC Comunal de Parada, pertencente á CMVMC de Parada da Serra, nos concellos de Riós e A Gudiña, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 16.8.2022 a CMVMC de Pedrosa presentou un escrito (REXEL 2022/2069624) en que solicitan a aprobación dun deslindamento coa CMVMC de Parada da Serra e coa de Veiga de Nostre e Sanguñedo.

Coa solicitude achegou a seguinte documentación:

– Acta de deslindamento.

– Certificacións de aprobación das respectivas asembleas xerais.

– Memoria dos deslindamentos.

Segundo. Posteriormente, a comunidade promotora presentou o 17.1.2023 un escrito de emenda (REXEL 2022/173414) co que achegou a seguinte documentación:

– Actas de conciliación levantadas no Xulgado de Paz de Riós.

Terceiro. O informe do Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense con data do 20 de xaneiro de 2023 fai constar que a documentación achegada corresponde, dun lado, ao deslindamento do perímetro estremeiro entre o MVMC Portela de Fraga, pertencente á CMVMC de Pedrosa, e o MVMC Comunal de Veiga de Nostre e Sanguñedo, pertencente á CMVMC de Veiga de Nostre e Sanguñedo, desde o vértice núm. 263 (o situado máis ao O) ata o vértice 283 (o situado máis ao E), segundo a liña definida pola devasa situado ao N do primeiro deses montes, e doutro lado, revísase a estrema entre o propio MVMC Portela de Fraga e o MVMC Comunal de Parada, pertencente á CMVMC de Parada da Serra, desde o vértice 283 (o situado máis ao N) ata o vértice 297 (o situado máis ao S). En consecuencia, o primeiro acordo remata onde empeza o segundo en concreto, no vértice 283, punto común de ambos os deslindamentos situado no Alto de Bruzo.

Da análise das propostas, así como dos acordos correspondentes cos antecedentes 2, 3 e 5, conclúese que os vértices 263 e 264 da avinza Pedrosa-Veiga de Nostre e Sanguñedo, malia estaren situados sobre unha devasa, non se pode determinar con seguridade que non invadan terreos do MVMC Montes de Cortegada, pois tampouco hai elementos que permitan dilucidar que a devasa en cuestión pertenza a un, a outro ou incluso a ambos os montes. En consecuencia, considérase que este deslindamento debe comezar no vértice 265, tendo o 264 a consideración de punto auxiliar que permite definir a dirección da liña no tramo anterior ao punto 265.

O citado informe considera que a solicitude se axusta ao establecido no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, polo que propón ao Xurado Provincial a aprobación da avinza Pedrosa-Parada da Serra nos termos en que foi presentada, e a da avinza Pedrosa-Veiga de Nostre e Sanguñedo entre os puntos 265 e 283 indicados na acta de conciliación, tendo o punto 264 a consideración de vértice auxiliar que define a dirección da liña no tramo inicial.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. A presente resolución dítase o abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segundo. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento a seguir no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común, logo do exame da documentación presentada, ditara resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 20 de xaneiro de 2023, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 17 de abril de 2023:

Aprobar o acto de conciliación acadado polas xuntas reitoras dos MVMC Portela de Fraga, pertencente á CMVMC de Pedrosa, e o MVMC Comunal de Veiga de Nostre e Sanguñedo, pertencente á CMVMC de Veiga de Nostre e Sanguñedo, nos concellos de Riós e Castrelo do Val, e entre o propio MVMC Portela de Fraga e o MVMC Comunal de Parada, pertencente á CMVMC de Parada da Serra, nos concellos de Riós e A Gudiña.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 4 de outubro de 2023

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense