DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 197 Martes, 17 de outubro de 2023 Páx. 57474

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consello de Contas de Galicia

RESOLUCIÓN do 5 de setembro de 2023 pola que se ordena a publicación do Acordo do 3 de setembro de 2023, do Pleno, polo que se aproba a convocatoria do procedemento para a implantación do réxime transitorio e extraordinario de recoñecemento da progresión na carreira administrativa (grao II) ao persoal funcionario que presta os seus servizos neste organismo.

En cumprimento do Acordo do 3 de setembro de 2023, do Pleno do Consello de Contas, polo que se aproba a convocatoria do procedemento para a implantación do réxime transitorio e extraordinario de recoñecemento da progresión na carreira administrativa (grao II) ao persoal funcionario que presta os seus servizos no Consello de Contas de Galicia, resolvo publicar no Diario Oficial de Galicia o seu texto completo.

Santiago de Compostela, 5 de setembro de 2023

Juan Carlos Aladro Fernández
Conselleiro maior do Consello de Contas de Galicia

ANEXO

Acordo do 3 de outubro de 2023, do Pleno do Consello de Contas de Galicia, polo que se aproba a convocatoria do procedemento para a implantación do réxime transitorio e extraordinario de recoñecemento da progresión na carreira administrativa (grao II) ao persoal funcionario que presta os seus servizos no Consello de Contas de Galicia

Mediante a Resolución do conselleiro maior, do 25 de setembro de 2020, publicouse o Acordo do Pleno do Consello de Contas, do 24 de setembro de 2020 (DOG núm. 201, do 5 de outubro), polo que se aproban as normas reguladoras do procedemento para a implantación do réxime transitorio e extraordinario de recoñecemento da progresión na carreira administrativa, previsto na disposición transitoria cuarta da Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas, que permitiu o acceso extraordinario ao grao I do sistema de carreira profesional.

Así mesmo, outros órganos previstos no Estatuto de autonomía de Galicia estableceron o seu propio sistema de carreira profesional, como o Parlamento de Galicia (acordos da Mesa do Parlamento de Galicia, do 17 de decembro de 2018, polo que se aproba o Acordo da Mesa de Negociación da Administración do Parlamento de Galicia subscrito os días 27 de novembro e 14 de decembro de 2018 sobre a carreira profesional, e do 17 de decembro de 2019, polo que se aproban as normas básicas reguladoras da carreira profesional do persoal ao servizo da Administración do Parlamento de Galicia) e o Valedor do Pobo (Resolución da valedora do pobo, do 27 de decembro de 2018, pola que se aproban as normas básicas reguladoras da carreira profesional do persoal ao servizo da institución do Valedor do Pobo), e mesmo outras institucións creadas ao abeiro do artigo 39 do Estatuto de autonomía, como o Consello Consultivo de Galicia.

No eido da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia non está regulado o sistema ordinario de carreira profesional establecido no artigo 77 da Lei 2/2015, do 29 de abril, senón a implantación dun réxime transitorio de recoñecemento da progresión na carreira administrativa, de conformidade co previsto na disposición transitoria oitava da dita lei. O dito proceso culminou co Acordo entre a Xunta de Galicia e as organizacións sindicais CC.OO. e UGT para a implantación do réxime extraordinario de acceso ao grao I do sistema de carreira profesional do persoal funcionario de carreira da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, publicado pola Orde da Consellería de Facenda do 28 de marzo de 2019.

Posteriormente, debido a diversos pronunciamentos xudiciais, e coa finalidade de permitir o desenvolvemento do sistema transitorio de recoñecemento da progresión na carreira administrativa, posibilitando o recoñecemento dunha retribución adicional ao complemento de destino, mediante a Orde do 22 de novembro de 2022 (DOG núm. 226, do 28 de novembro), publicouse o Acordo entre a Xunta de Galicia e as organizacións sindicais UGT, CC.OO. e CESIF para o desenvolvemento do sistema transitorio de recoñecemento da progresión na carreira administrativa prevista na disposición transitoria oitava da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, para o persoal funcionario. O dereito de recoñecemento ao/á empregado/a público/a da Administración xeral da Comunidade Autónoma deste sistema extraordinario e transitorio de carreira profesional comporta o cobramento dunha retribución adicional segundo o grupo ou subgrupo profesional de pertenza, e trátase dun complemento retributivo distinto do complemento de destino.

No ámbito do Consello de Contas de Galicia, o tempo transcorrido desde o Acordo do 24 de setembro de 2020 e os sucesivos pronunciamentos de toda índole sobre a idoneidade e conveniencia de desenvolver nas administracións públicas o sistema progresivo de carreira administrativa aconsellan proseguir co sistema transitorio de recoñecemento da progresión na carreira administrativa que permita o acceso extraordinario aos diversos graos, posibilitando o recoñecemento dunha retribución adicional ao complemento de destino, a través das correspondentes convocatorias.

Cómpre ter en conta, así mesmo, que recentemente o Tribunal Supremo, entre outras nas súas sentenzas nº 293/2019, do 6 de marzo, e 1482/2019, do 29 de outubro, referidas ambas ao recoñecemento do dereito á carreira profesional, declarou que se lles acreditará o concepto retributivo previsto con efectos desde que se produciron para aqueles empregados públicos aos cales se lles recoñeceu. Dado que no Consello de Contas de Galicia prestan servizos funcionarios da Administración xeral da Comunidade Autónoma que xa teñen recoñecido o acceso ao grao II de progresión na carreira administrativa, con efectos económicos do 1 de xaneiro de 2022, seguindo a doutrina xudicial antes citada, e en concordancia co Acordo do Pleno do Consello de Contas de Galicia do 24 de setembro de 2020, esta deberá de ser a data de efectos do recoñecemento da progresión na carreira administrativa (grao II) para o persoal que, tendo dereito a ela, presta os seus servizos no Consello de Contas de Galicia.

Nesta situación, cómpre pór de manifesto que no Consello de Contas tamén presta servizos persoal funcionario de carreira cuxa Administración de orixe é distinta da Administración xeral da Xunta de Galicia, e todos os/as empregados/as públicos/as teñen a condición de persoal funcionario ao servizo do Consello de Contas ao abeiro do disposto no artigo 71 do seu regulamento de réxime interior. En prol de lograr homoxeneizar o réxime xurídico para todo o persoal que presta servizos no Consello de Contas e garantir o principio de igualdade de trato, o artigo 8 da Lei 7/2019, do 23 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, engadiu a disposición transitoria cuarta na Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas, que é o título legal habilitante para regular o réxime transitorio e extraordinario de recoñecemento da progresión na carreira profesional para todo o persoal funcionario que preste servizos no Consello de Contas e permitirlle progresar de maneira voluntaria e individualizada, así como promover a súa actualización e o perfeccionamento da súa cualificación profesional, nas mesmas condicións con independencia da súa Administración de orixe.

Este acordo ten por obxecto a convocatoria do procedemento para a implantación do réxime transitorio e extraordinario de recoñecemento da progresión na carreira administrativa (grao II) para o persoal funcionario que preste servizos no Consello de Contas, en desenvolvemento das normas reguladoras establecidas no Acordo do 24 de setembro de 2020, anteriormente citado.

Este acordo divídese en dúas seccións e consta de oito artigos e unha disposición derradeira.

A sección primeira, baixo a rúbrica de disposicións xerais, consta de catro artigos e regula o obxecto e o ámbito subxectivo de aplicación, o período de permanencia nas situacións administrativas en que se pode acceder ao recoñecemento ao réxime transitorio e extraordinario de carreira administrativa no Consello, e a retribución adicional ao complemento de destino nas anualidades 2022 e 2023, o recoñecemento do dereito á percepción do complemento adicional derivado do acceso extraordinario ao grao II do sistema de carreira administrativa ao persoal funcionario da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e dos requisitos xerais para acceder ao réxime transitorio e extraordinario de acceso ao grao II no Consello de Contas, e dos criterios xerais de avaliación e acreditación para o acceso ao grao II.

A sección segunda consta de catro artigos e regula o procedemento de acceso ao réxime transitorio e extraordinario de carreira administrativa, o procedemento para o recoñecemento do dereito á percepción do complemento adicional derivado do acceso extraordinario ao grao II do sistema de carreira administrativa ao persoal funcionario da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia que estea a prestar servizos no Consello de Contas, das contías anuais do complemento retributivo adicional equivalente de carreira e do seu pagamento.

A disposición derradeira regula a entrada en vigor deste acordo.

Por todo o anterior, en virtude do establecido no artigos 3 e 17.1 da Lei do Consello de Contas, así como na súa disposición transitoria cuarta e na disposición derradeira primeira do seu regulamento de réxime interior, logo da negociación colectiva cos representantes dos traballadores, así como do trámite de información pública realizado a través da intranet da institución, o Pleno do Consello de Contas adopta o seguinte acordo:

Acordo do Pleno, do 3 de setembro de 2023, polo que se aproba a convocatoria do procedemento para a implantación do réxime transitorio e extraordinario de recoñecemento da progresión na carreira administrativa (grao II) ao persoal funcionario que presta os seus servizos no Consello de Contas de Galicia.

Sección primeira. Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e ámbito subxectivo

Este acordo ten por obxecto e ámbito subxectivo o previsto nos artigos 1 e 2 das normas reguladoras aprobadas mediante o Acordo do 24 de setembro de 2020, do Pleno do Consello de Contas de Galicia, publicado mediante a Resolución do 25 de setembro de 2020 (DOG núm. 201, do 5 de outubro), en diante, normas reguladoras.

Artigo 2. Período de permanencia nas situacións administrativas e retribución adicional ao complemento de destino nas anualidades 2022 e 2023

Para os efectos do período de permanencia nas situacións administrativas e da retribución adicional ao complemento de destino nas anualidades 2022 e 2023, observarase o disposto nos artigos 3 e 4 das normas reguladoras anteriormente citadas.

As contías dos graos actualízanse conforme o estipulado nas leis de orzamentos, e nos exercicios 2022 e 2023 correspóndenlle ao grao II as contías segundo se detallan:

Grupo

2022

2023

A1

2.627,16 €

2.692,80 €

A2

1.838,64 €

1.884,60 €

B

1.310,16 €

1.342,92 €

C1

1.185,72 €

1.215,36 €

C2

1.006,44 €

1.031,64 €

AP

813,24 €

833,52 €

No suposto de que se teñan recoñecidos graos retribuídos en diversos grupos ou subgrupos, percibirase o complemento de carreira correspondente a todos os graos recoñecidos ata o límite de catro graos. Cando o persoal funcionario teña recoñecidos máis de catro graos, percibirá o complemento de carreira correspondente aos catro graos de maior contía.

Artigo 3. Recoñecemento do dereito á percepción do complemento adicional derivado do acceso extraordinario ao grao II do sistema de carreira administrativa ao persoal funcionario da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e requisitos xerais de acceso

Para os efectos do recoñecemento do dereito e criterios de acceso, observarase o disposto nos artigos 5 e 6 das normas reguladoras.

No caso deste acordo, regúlase o recoñecemento do dereito á percepción do complemento adicional derivado do acceso extraordinario ao grao II, así como a súa data de efectos económicos, de forma que o persoal ao cal se lle recoñeza este dereito será retribuído co complemento adicional correspondente ao grao II desde o 1 de xaneiro de 2022.

No que se refire aos requisitos de acceso, será necesario acreditar, como mínimo, once (11) anos de servizos efectivos como funcionario de carreira ou interino nas diferentes administracións públicas con data do 31 de decembro de 2021.

Artigo 4. Criterios xerais de avaliación e acreditación destes para o acceso ao grao II

Para os efectos dos criterios xerais de avaliación e acreditación destes, observarase o disposto no artigo 7 das normas reguladoras aprobadas mediante o Acordo do 24 de setembro de 2020, do Pleno do Consello de Contas de Galicia, anteriormente citado.

Porén, resulta necesario actualizar na alínea a), relativa á formación, o número de créditos/horas, polo que a suma de todos os cursos debe consistir nun mínimo de 8 créditos/80 horas.

Sección segunda. Procedemento de acceso ao réxime transitorio e extraordinario
de carreira administrativa no Consello de Contas e de recoñecemento do dereito
á percepción do complemento adicional derivado do acceso extraordinario
ao grao II do sistema de carreira profesional ao persoal funcionario da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia que estea a prestar servizos
no Consello de Contas

Artigo 5. Procedemento para o acceso ao réxime transitorio e extraordinario de carreira administrativa no grao II no Consello de Contas

1. O procedemento para o acceso ao réxime transitorio e extraordinario de carreira administrativa no Consello de Contas iniciarase mediante a solicitude presentada pola empregada ou empregado, ante o conselleiro maior, no prazo de quince (15) días hábiles contados desde a entrada en vigor deste acordo, segundo o modelo normalizado do anexo I, que se porá á disposición na sede electrónica da institución.

Co modelo de solicitude achegarase a documentación que acredite o cumprimento dalgún dos criterios de avaliación que se establecen no artigo 4 deste acordo, en relación co artigo 7 das normas reguladoras.

2. A Secretaría Xeral, unha vez comprobada a concorrencia dos requisitos, ditará proposta de estimación ou desestimación. A proposta será sometida a fiscalización da Intervención e posteriormente remitirase, xunto co expediente completo, á Comisión de Goberno.

3. No suposto de desestimación, abrirase un trámite adicional de alegacións para que a persoa interesada poida presentar alegacións e a documentación complementaria que considere pertinente no prazo de dez (10) días hábiles.

4. A Comisión de Goberno resolverá estimando ou desestimando a solicitude no prazo máximo de tres (3) meses. De non se ditar acordo no dito prazo, entenderase desestimada.

5. Contra o acordo estimatorio ou desestimatorio do recoñecemento do acceso do/da solicitante ao réxime transitorio e extraordinario de carreira administrativa, as persoas interesadas poderán interpor recurso de alzada, perante o Pleno, no prazo dun mes que se contará a partir da notificación, de acordo co previsto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

6. Os acordos de recoñecemento de acceso ao réxime transitorio e extraordinario de carreira administrativa terán efectos económicos desde o 1 de xaneiro de 2022 e serán comunicados á Xunta de Persoal e, na súa falta, ás organizacións sindicais representadas nos órganos de negociación do Consello de Contas.

Artigo 6. Procedemento para o recoñecemento do dereito á percepción do complemento adicional derivado do acceso extraordinario ao grao II do sistema de carreira administrativa ao persoal funcionario da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia que estea a prestar servizos no Consello de Contas

1. O procedemento para o recoñecemento do dereito á percepción do complemento adicional derivado do acceso extraordinario ao grao II do sistema de carreira administrativa ao persoal funcionario da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia que estea a prestar servizos no Consello de Contas iniciarase mediante a solicitude presentada pola empregada ou empregado, ante o conselleiro maior, no prazo de quince (15) días hábiles contados desde a entrada en vigor deste acordo, segundo o modelo normalizado do anexo II que se porá á disposición na sede electrónica da institución.

Co modelo de solicitude achegarase a resolución de recoñecemento de grao ditada polo órgano competente ou un certificado que acredite o recoñecemento. Na dita documentación deberá figurar o grao recoñecido, a categoría/especialidade e a data de efectos do recoñecemento.

2. O conselleiro maior, á vista da solicitude presentada e da documentación achegada, ditará resolución nun prazo máximo dun mes, logo de proposta da Secretaría Xeral e tras a correspondente fiscalización pola Intervención.

3. Para as persoas funcionarias de carreira da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia que presten servizo no Consello de Contas a efectividade do recoñecemento previsto neste artigo será desde o 1 de xaneiro de 2022 ou, de ser o caso, desde a data da súa incorporación a un posto no Consello de Contas de Galicia.

Artigo 7. Contías anuais do complemento retributivo adicional equivalente de carreira

As contías anuais que se perciban polo complemento adicional equivalente devindicaranse en doce (12) mensualidades e serán as mesmas que se establezan para os empregados públicos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, que se actualizarán anualmente coa porcentaxe de incremento que se fixe nas sucesivas leis de orzamentos para a retribución do persoal ao servizo da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 8. Pagamento do complemento retributivo adicional equivalente de carreira

1. O pagamento do complemento adicional para o persoal funcionario pertencente aos subgrupos A1, A2, B, C1 e C2 producirase nas anualidades de 2022 e 2023 na porcentaxe do 100 %.

2. Este complemento ten efectos económicos desde o 1 de xaneiro de 2022, ou desde a data de nova incorporación á institución para o persoal funcionario que estea a prestar os seus servizos no Consello de Contas na data de aprobación deste acordo, e consolidarase para os exercicios seguintes.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Este acordo entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

ANEXO I

Modelo de solicitude á convocatoria para o acceso ao réxime extraordinario de carreira administrativa (grao II) no Consello de Contas, para cubrir na sede electrónica da institución

SOLICITUDE DE ACCESO AO GRAO II A TRAVÉS DA CONVOCATORIA PARA O RÉXIME EXTRAORDINARIO DE CARREIRA ADMINISTRATIVA NO CONSELLO DE CONTAS.

En virtude do disposto no artigo cinco do Acordo do Pleno do Consello de Contas de Galicia, do 3 de setembro de 2023, polo que se aproba a convocatoria do procedemento para a implantación do réxime transitorio e extraordinario de recoñecemento da progresión na carreira administrativa, no seu grao II, previsto na disposición transitoria cuarta da Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas,

SOLICITO:

Que se me recoñeza o acceso ao grao II a través da convocatoria para o réxime extraordinario de carreira administrativa previsto no citado acordo e o dereito á percepción da retribución adicional que deriva do dito réxime.

Que cumpro o seguinte criterio de avaliación dos previstos no artigo catro do citado acordo:

Criterio: ........................................................................................................... (descrición do criterio aludido).

Para tal efecto, achego a seguinte documentación acreditativa:

a) .....................................................................................................................................

b) .....................................................................................................................................

c) .....................................................................................................................................

(...)

Santiago de Compostela, ...... de ................................. de 2023

<Nome> <1º apelido> <2º apelido>

Conselleiro maior do Consello de Contas de Galicia

Rúa Domingo Fontán, 7, 15702 Santiago de Compostela

ANEXO II

Modelo de solicitude á convocatoria para o recoñecemento do dereito á percepción do complemento adicional derivado do acceso extraordinario ao grao II do sistema de carreira profesional ao persoal funcionario da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia que estea a prestar servizos no Consello de Contas, para cubrir na sede electrónica da institución

SOLICITUDE Á CONVOCATORIA PARA O RECOÑECEMENTO DO DEREITO Á PERCEPCIÓN DO COMPLEMENTO ADICIONAL DERIVADO DO ACCESO EXTRAORDINARIO AO GRAO II DO SISTEMA DE CARREIRA ADMINISTRATIVA AO PERSOAL FUNCIONARIO DA ADMINISTRACIÓN XERAL DA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA QUE ESTEA A PRESTAR SERVIZOS NO CONSELLO DE CONTAS.

En virtude do disposto no artigo seis do Acordo do Pleno do Consello de Contas, do 3 de setembro de 2023, polo se aproba a convocatoria do procedemento e requisitos de acceso ao réxime transitorio e excepcional de recoñecemento da progresión na carreira administrativa no grao II para o persoal funcionario que preste servizos no Consello de Contas e se regula o cobramento da retribución adicional,

SOLICITO:

Que se me recoñeza o dereito á percepción do complemento adicional derivado do acceso extraordinario ao grao II do sistema de carreira administrativa como persoal funcionario da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia que estou a prestar servizos no Consello de Contas.

Achégase resolución de recoñecemento de grao ditada polo órgano competente (ou certificado que acredita o dito recoñecemento, onde figuran o grao recoñecido, a categoría/especialidade e a data de efectos do recoñecemento).

Santiago de Compostela, ...... de ..................... de 2023

<Nome> <1º apelido> <2º apelido>

Conselleiro maior do Consello de Contas de Galicia

Rúa Domingo Fontán, 7, 15702 Santiago de Compostela