DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 195 Venres, 13 de outubro de 2023 Páx. 56871

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 9 de outubro de 2023 pola que se determinan os servizos mínimos durante a folga que afectará os sectores da limpeza de edificios e locais na provincia de Lugo e que se desenvolverá, con carácter indefinido, a partir do día 15 de outubro de 2023.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG núm. 116, do 20 de xuño), entre os que se encontra a sanidade.

O exercicio público da prestación da asistencia sanitaria non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo exercicio do dereito de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación con este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros ou conselleiras competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde e ante cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.

As organizacións sindicais CIG, CC.OO. e UGT comunicaron a convocatoria dunha folga que se desenvolverá con carácter indefinido a partir das 22.00 horas do día 15 de outubro de 2023 e que afectará o persoal das empresas do sector de limpeza incluídos no Convenio colectivo de limpeza de edificios e locais da provincia de Lugo.

Constatouse que a citada folga afectará empresas que prestan servizos de limpeza en centros sanitarios, e resulta obvio que a suspensión da dita actividade pode implicar niveis de contaminación que porían en risco a saúde tanto das persoas doentes e usuarias como do persoal deste tipo de institucións -en particular, persoal sanitario- polo que resulta procedente fixar servizos mínimos.

Para a fixación dos servizos mínimos óptase nesta orde por reiterar os criterios reitores de carácter xeral que xa foron aplicados por esta consellería en anteriores folgas do mesmo sector da limpeza de edificios e locais. Os ditos criterios, que xa son de público coñecemento logo da publicación de sucesivas ordes no Diario Oficial de Galicia, teñen por finalidade garantir unha actividade mínima, en función do risco e as características das diversas dependencias, respecto a aquela que se realiza con carácter habitual.

A determinación concreta dos efectivos estritamente necesarios para garantir esa actividade mínima en cada centro, e das súas horas de traballo, será realizada en cada caso polas empresas afectadas pola folga no exercicio das súas facultades de dirección. Con todo, as empresas deberán deixar constancia da súa motivación.

Con base no que antecede e unha vez outorgada audiencia ao comité de folga,

DISPOÑO:

Artigo 1. A convocatoria de folga referida deberá entenderse condicionada ao mantemento dos servizos mínimos, segundo os seguintes criterios reitores:

1. Centros de saúde, puntos de atención continuada, centros de especialidades e demais centros sanitarios non hospitalarios: o persoal preciso para garantir o 50 % das presenzas e prestación de limpeza habituais, agás nas zonas onde se require a limpeza urxente (salas de extraccións, salas de curas, salas con actividades de cirurxía menor), en que se determinará o persoal preciso para garantir o 100 % das presenzas e prestación de limpeza habituais.

2. Hospitais (centros con internamento):

2.1. Urxencias, laboratorio de urxencias, radiodiagnóstico de urxencias, UCI, área cirúrxica, reanimación poscirúrxica, reanimación cardíaca, oncoloxía radioterápica, hematoloxía, hospital de día e diálise: o persoal preciso para garantir o 100 % das presenzas e prestación de limpeza habituais.

2.2. Radioloxía intervencionista, esterilización e hospitalización: o persoal preciso para garantir o 70 % das presenzas e prestación de limpeza habituais.

2.3. Restantes áreas: o persoal preciso para garantir o 50 % das presenzas e prestación de limpeza habituais.

Artigo 2. En aplicación dos criterios establecidos no artigo anterior, cada empresa afectada determinará os efectivos e designará o persoal que debe cubrir os servizos mínimos en cada centro, fixando a súa xornada e horario de traballo.

A empresa elaborará un expediente de determinación de efectivos de servizos mínimos, que estará dispoñible para xeral coñecemento do persoal interesado, e no cal deberá quedar constancia da xustificación e criterios ponderados para determinar os ditos efectivos.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2023

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade