DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 194 Mércores, 11 de outubro de 2023 Páx. 56698

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 2 de outubro de 2023, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 29 de setembro de 2023, relativa á solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común Perdigueiro e Veiga, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Nocelo da Pena, no concello de Sarreaus (Ourense).

Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) Perdigueiro e Veiga pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Nocelo da Pena, no concello de Sarreaus, resultan os seguintes feitos:

Primeiro. O 26.9.2022, a CMVMC de Nocelo da Pena presentou unha solicitude (Rexel núm. 2022/2349918) de revisión de esbozo do MVMC Perdigueiro e Veiga, no concello de Sarreaus.

Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:

– Certificación do acordo da Asemblea Xeral do 12.3.2022.

– Memoria e planos.

– Arquivos xeográficos en formato vectorial.

Segundo. O Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 29 de decembro de 2022, en relación coa citada solicitude. Nel indícase que o perímetro obxecto de revisión inclúe as partes do perímetro lindeiras con particulares. Non se modifican os límites cos montes veciñais estremeiros.

A superficie do MVMC Perdigueiro e Veiga, unha vez revisado o esbozo, sería de 347,91 ha, fronte ás 325 ha do acordo de clasificación, o que supón un aumento respecto á superficie clasificada dun 7 %. Esta superficie sería tendo en conta o perímetro pechado unindo as zonas non revisadas cunha liña provisional.

Tendo en conta o anterior, emítese informe favorable da revisión do esbozo do MVMC Perdigueiro e Veiga.

Consideracións legais e técnicas:

Único. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión axustándoos e completándoos con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 29 de decembro de 2022, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade, o día 17 de abril de 2023:

Aprobar a proposta de revisión de esbozo do MVMC Perdigueiro e Veiga, pertencente á CMVMC de Nocelo da Pena, no concello de Sarreaus.

Ourense, 2 de outubro de 2023

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense