DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 190 Xoves, 5 de outubro de 2023 Páx. 55891

III. Outras disposicións

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 26 de setembro 2023 pola que se acorda a modificación da Resolución do 21 de abril de 2022 pola que se delegan competencias en determinados órganos universitarios.

O cambio do titular da Vicerreitoría de Política Científica propiciou unha reordenación das competencias entre o actual equipo de goberno, froito da experiencia na xestión nos últimos anos e, en particular, da experiencia coa configuración do equipo actual de goberno desde o ano 2022.

Por este motivo, esta reitoría, no uso das atribucións conferidas polos artigos 50 da Lei orgánica do sistema universitario e 85 dos estatutos da Universidade de Santiago de Compostela,

RESOLVE:

Primeiro. Modificar o ordinal segundo relativo ás competencias atribuídas á Vicerreitoría de Política Científica, que queda redactado como segue:

«Segundo. Vicerreitoría de Política Científica

1. A Vicerreitoría de Política Científica será a responsable da dirección e coordinación das seguintes materias:

– A proposta, deseño e promoción da política científica da Universidade, dos seus grupos e liñas de investigación.

– A promoción, a dirección e a avaliación da produción científica e das actividades de I+D+i da USC.

– A supervisión das infraestruturas científicas da USC de apoio á investigación, en coordinación coa Xerencia.

– A supervisión das estruturas de investigación.

– A promoción de accións orientadas a mellorar a proxección internacional dos grupos e estruturas de investigación, en coordinación coa Vicerreitoría de Titulacións e Internacionalización.

– A validación de informes de seguimento e informes finais dos proxectos e accións de investigación con cargo ao financiamento externo.

– A representación legal da Universidade nas solicitudes e xestión de proxectos e outras axudas de investigación, calquera que sexa a institución convocante, e deberá informar previamente á Reitoría das devanditas solicitudes e a súa resolución.

– A concesión de permisos e licenzas, con motivo de estadías de investigación, ao persoal contratado con recursos captados por I+D+i.

– A difusión e divulgación da investigación, en coordinación co Gabinete do Reitor.

2. As seguintes unidades dependerán funcionalmente da Vicerreitoría de Política Científica:

– A Área de Proxectos e Promoción Internacional, compartida coa Vicerreitoría de Titulacións e Internacionalización.

– A Área de Infraestruturas de Investigación, compartida coa Xerencia.

– A rede de centros de difusión e divulgación científica, compartida co órgano responsable da comunicación».

Segundo. Modificar o ordinal sétimo relativo ás competencias atribuídas á Vicerreitoría de Transformación Dixital e Innovación, que queda redactado como segue:

«Sétimo. Vicerreitoría de Transformación Dixital e Innovación

1. A Vicerreitoría de Transformación Dixital e Innovación será a responsable da dirección e coordinación das seguintes materias:

– A elaboración e seguimento dos plans estratéxicos.

– A elaboración do proxecto de programación plurianual, de acordo coa Xerencia.

– A formulación, implantación e seguimento de accións orientadas á visibilización nos rankings nacionais e internacionais.

– O seguimento do portal de investigación e o deseño de novas funcionalidades.

– A organización e publicación de datos e estatísticas, de acordo coa Xerencia.

– A coordinación das accións de mecenado, micromecenado, cátedras institucionais e outras estruturas especializadas ao abeiro do artigo 62 dos estatutos da Universidade de Santiago de Compostela.

– A dirección estratéxica en materia de tecnoloxías da información e das comunicacións, en coordinación coa Xerencia.

– Os sistemas de ciberseguridade da USC.

– O apoio á transformación dixital na USC, integrando e optimizando a xestión de recursos e a utilización de novas tecnoloxías dirixidas á implantación efectiva da docencia virtual e da administración dixital.

– O desenvolvemento e mantemento das tecnoloxías destinadas á docencia virtual.

– A elaboración da memoria de responsabilidade social corporativa.

– As competencias en materia de normalización lingüística.

– A promoción e fortalecemento de accións de sustentabilidade, para aliñalas cos principios da economía circular e cos obxectivos de desenvolvemento sustentable da Axenda 2030.

2. As seguintes unidades dependerán funcionalmente da Vicerreitoría de Transformación Dixital e Innovación:

– A Área de Tecnoloxías da Información e a Comunicación.

– O Servizo de Normalización Lingüística.

– A Oficina de Desenvolvemento Sostible.

– O Servizo de Publicacións e Intercambio Científico.

– A Biblioteca Universitaria

– O Arquivo Histórico, sen prexuízo do estipulado para a parte administrativa».

Terceiro. Modificar a epígrafe 6 no ordinal noveno e engadir a seguinte competencia:

«– A tramitación e proposta de actividades realizadas ao abeiro do artigo 60 da Lei orgánica do sistema universitario (LOSU) e de convenios nos cales se estableza a realización ou colaboración por parte do profesorado da USC en traballos de carácter científico, técnico ou artístico».

Cuarto. Engadir unha nova epígrafe 8 no ordinal noveno relativo ás competencias atribuídas á Xerencia, coa seguinte redacción:

«8. En materia de persoal para colaborar en actividades e proxectos de I+D+i con vinculación non permanente:

– As convocatorias públicas de selección de persoal para colaborar en actividades e proxectos de I+D+i mediante contrato de duración non permanente e o nomeamento das súas comisións de selección».

Quinto. Renumerar as epígrafes seguintes como 9 e 10.

Sexto. Engadir un novo ordinal décimo oitavo bis no punto IV sobre delegación en materia de permisos de persoal coa seguinte redacción:

Décimo oitavo bis. Proposta de persoal de administración e servizos colaborador en actividades e proxectos de I+D+i

Delégase no persoal docente e investigador que teña a condición de persoal investigador principal ou responsable de actividades e proxectos de I+D+i a proposta á Xerencia do nomeamento do persoal de administración e servizos para colaborar nas actividades mencionadas, de conformidade coa regulación aplicable na USC.

Disposición derradeira

Esta resolución terá vixencia desde o día seguinte ao da data de publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2023

Antonio López Díaz
Reitor da Universidade de Santiago de Compostela