DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 188 Martes, 3 de outubro de 2023 Páx. 55483

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 133/2023, do 21 de setembro, polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello do Corgo dun treito da estrada LU-P-1207.

Segundo o artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

Con data do 28 de marzo de 2023 o Pleno da Deputación Provincial de Lugo aproba o cambio de titularidade a prol do Concello do Corgo do tramo da estrada provincial LUP-1207 Castroverde-Gomeán (N-VI). Tramos antigos, cunha lonxitude total de 247 m.

A Xunta de Goberno Local do Concello do Corgo, na sesión levada a cabo o 28 de abril de 2023, acorda por unanimidade o cambio de titularidade proposto.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polo servizo competente, indica que o treito da estrada LU-P-1207, que se inicia na glorieta existente na LU-P-1611 cinturón comarcal, no p.q. 130+200 na marxe esquerda, cumpre co estipulado no punto 11 do artigo 18 do Regulamento xeral de estradas de Galicia, relativo aos cambios de titularidade de treitos de estradas a favor de administracións de menor ámbito territorial, segundo o cal estes só se levarán a cabo cando se trate de treitos terminais ou cando non impliquen a interrupción de ningún dos itinerarios dos que forme parte sen que exista unha alternativa viaria, existente ou planificada, para todos eles que proporcione un nivel de servizo cando menos equivalente. Polo que se formula a proposta favorable á transferencia de titularidade que se definen no artigo 1.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e un de setembro de dous mil vinte e tres,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello do Corgo do treito da estrada LU-P-1207 que se inicia na glorieta existente na LU-P-1611 Cinturón Comarcal, no p.q. 130+200 na marxe esquerda:

Denominación

Inicio. Coordenadas UTM (ETRS89) fuso 29

Fin. Coordenadas UTM (ETRS89) fuso 29

Lonx. (km)

Treito da estrada LU-P-1207

X=630.968

Y=4.755.617

X=631.107

Y=4.755.447

0,247

Artigo 2

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo ao día seguinte da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos tres meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega entre concello e deputación.

Artigo 3

Correspóndelle ao Concello do Corgo, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular.

Disposición derradeira

O presente decreto producirá efectos desde o día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e un de setembro de dous mil vinte e tres

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade