DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 188 Martes, 3 de outubro de 2023 Páx. 55485

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Industria e Innovación

ORDE do 27 de setembro de 2023 pola que se amplía o prazo de presentación da documentación xustificativa establecido na Orde do 14 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas encamiñadas á habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento IN519B).

O día 2 de xaneiro de 2023 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 14 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas encamiñadas á habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento IN519B).

No artigo 21.1 das bases establécese que os concellos beneficiarios terán ata o 31 de outubro de 2023 para presentar a documentación xustificativa da subvención. Tendo en conta a data de concesión das axudas aos concellos que quedaron na lista de agarda, despois de ampliacións de crédito orzamentario e liberación de crédito por renuncias de concellos beneficiarios, co fin de viabilizar os procesos de execución e xustificación por parte dos beneficiarios, sen que con iso se cause prexuízo a terceiros, considérase necesario ampliar o prazo de xustificación.

De acordo co anterior, vista a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento,

DISPOÑO:

Artigo único. Ampliación do prazo de execución e xustificación

Amplíase ata o día 15 de novembro de 2023 (inclusive) o prazo para a execución e xustificación dos investimentos que foron obxecto de subvención ao abeiro da Orde do 14 de decembro de 2023, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas encamiñadas á habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento IN519B).

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2023

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Economía, Empresa e Innovación