O 2.6.2021, o Consello da Xunta de Galicia aprobou o Plan especial de seca da demarcación hidrográfica de Galicia Costa, que foi publicado no Diario Oficial de Galicia o 1.7.2021.
O dito plan dispón que a escaseza se produce ante unha situación de redución temporal da auga dispoñible que pode pór en risco a atención das demandas asociadas aos diferentes usos socioeconómicos.
O Plan especial de seca citado divide o territorio da demarcación hidrográfica de Galicia Costa en unidades territoriais de escaseza (UTE) (punto 2 do plan), establece os indicadores hidrolóxicos de escaseza en cada unha destas UTE (punto 6.2 do plan) e fixa os limiares para a activación e desactivación dos diferentes escenarios de escaseza (punto 7.2.2 do plan).
O punto 10.4.2 do Plan especial de seca indicado determina que se debe elaborar un informe mensual en que se analice a situación e evolución dos indicadores hidrolóxicos de escaseza previstos.
O informe de seguimento da seca do 26.9.2023 analiza o estado da situación dos indicadores da seca na data do 22.9.2023 e constata un valor dos indicadores de escaseza correspondente á situación de alerta ou escaseza severa na UTE 11 río Mero, Arteixo e ría da Coruña.
O 27.9.2023 reuniuse a Oficina Técnica da Seca e propuxo a activación da situación de alerta ou escaseza severa na UTE 11 río Mero, Arteixo e ría da Coruña.
O punto 10.4.2 do Plan especial de seca citado dispón que a Presidencia de Augas de Galicia é o órgano competente para a activación do escenario de alerta ou escaseza severa.
De acordo co anterior, esta presidencia
RESOLVE:
Activar o escenario de alerta ou escaseza severa na unidade territorial de escaseza número 11, correspondente ao sistema de explotación número 11 río Mero, Arteixo e ría da Coruña.
Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2023
Ethel María Vázquez Mourelle
Presidenta de Augas de Galicia