DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 187 Luns, 2 de outubro de 2023 Páx. 55371

III. Outras disposicións

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 8 de setembro de 2023 pola que se procede á apertura dun período de elección de provisor de asistencia sanitaria especializada na Área Sanitaria de Vigo.

O Servizo Galego de Saúde formalizou, con data do 1 de setembro de 2014, un concerto coa entidade Hospital Povisa, S.A. para a prestación dos servizos de asistencia sanitaria especializada incluídos na súa carteira de servizos á poboación beneficiaria da Seguridade Social e protexida polo Servizo Galego de Saúde, que libremente o elixan, asignada aos centros de saúde dos concellos de Cangas, Moaña, Baiona, Nigrán, Gondomar e aqueloutros que a Administración determine do Concello de Vigo.

Na cláusula 1.2 do prego de prescricións técnicas particulares deste concerto establécese que a Xerencia do Servizo Galego de Saúde, por resolución, establecerá o procedemento e o prazo para que os beneficiarios da Seguridade Social, que ten a obriga de protexer, poidan elixir libremente o provisor de asistencia sanitaria especializada.

Co obxecto de facer efectiva a posibilidade de elección indicada, por medio da presente

ACORDO:

Primeiro. Os beneficiarios da Seguridade Social dos centros de saúde dos concellos de Cangas, Moaña, Baiona, Nigrán, Gondomar, así como os dos centros de saúde de Coia, Bouzas, Coruxo, Navia, López Mora, Pintor Colmeiro, Nicolás Peña, Rosalía e Beiramar, estes últimos no concello de Vigo, poderán solicitar a inclusión no Complexo Hospitalario Universitario da Xerencia da Área Sanitaria de Vigo, ou ser asignados á Área de Povisa, como provisores de asistencia sanitaria especializada.

Segundo. A solicitude de cambio de provisor de asistencia sanitaria especializada efectuaraa a persoa autorizada ou mediante titor/a legal, quen achegará a seguinte documentación:

a) Solicitude de acordo cos modelos que estarán dispoñibles na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

b) Documento identificativo da persoa solicitante: DNI, tarxeta de identidade de estranxeiro (TIE) ou pasaporte que deberán ser presentados no momento de formular a solicitude.

No caso de ser presentada a solicitude por un/unha titor/a ou persoa autorizada:

– Fotocopia do DNI, TIE ou pasaporte do/da interesado/a.

– Documento acreditativo da titoría legal ou, de ser o caso, orixinal da autorización específica do/da interesado/a.

A solicitude presentarase no centro de saúde que, por razón de residencia, lle corresponda á persoa interesada, ou nos servizos de admisión de calquera dos centros hospitalarios integrados na Área Sanitaria de Vigo.

Se a documentación presentada non está completa ou ten algún defecto, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de dez días, emende a falta coa indicación de que, se así non o fixer, considerarase que desiste da súa petición.

Terceiro. Tamén será posible efectuar a opción de cambio a través da internet, nas condicións que se explicitan na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

Cuarto. Non será posible tramitar a opción de cambio nos seguintes supostos:

a) Mentres a persoa usuaria estea hospitalizada nun ou noutro hospital, ou ben cando teña iniciado un tratamento de radioterapia e/ou quimioterapia.

b) Cando as solicitudes recibidas superen o límite máximo de persoas usuarias que Povisa pode ter asignados segundo o concerto.

Quinto. O período para que os beneficiarios da Seguridade Social indicados no acordo primeiro da presente resolución exerzan o seu dereito a elixir libremente o provisor de asistencia sanitaria especializada será o comprendido nos 30 días naturais a partir do día seguinte á publicación no Diario Oficial de Galicia da presente resolución.

Sexto. As solicitudes de cambio para un ou outro hospital entenderanse estimadas se se cumpren as condicións referidas na presente resolución, sendo a data de cambio a que corresponda á mecanización efectiva deste na Unidade de Tarxeta Sanitaria. Os usuarios poderanse informar deste aspecto na área administrativa do seu centro de saúde.

As solicitudes desestimadas comunicaranse sempre por escrito en que conste o motivo da desestimación.

Sétimo. A presente resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de setembro de 2023

Estrella López-Pardo Pardo
Xerente do Servizo Galego de Saúde

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file