DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 186 Venres, 29 de setembro de 2023 Páx. 54995

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

ORDE do 28 de setembro de 2023 pola que se modifica a Orde do 16 de xuño de 2023 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de incentivos á contratación de persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, Programa operativo de emprego xuvenil 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento TR350C).

O día 29 de xuño de 2023 foi publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) núm. 123 a Orde do 16 de xuño de 2023 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de incentivos á contratación de persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, Programa operativo de emprego xuvenil 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento TR350C).

O procedemento de concesión destas subvencións tramitouse en réxime de concorrencia non competitiva, segundo a excepción prevista no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O artigo 7 da Orde do 16 de xuño de 2023 recolle no seu punto 4 que: «no caso de novas contratacións, o período para realizar as ditas contratacións será de vinte días hábiles contados desde o día seguinte ao da recepción da notificación da concesión da axuda e, en todo caso, rematará o 30.9.2023».

En vista do citado precepto, varias das entidades solicitantes da axuda manifestaron a imposibilidade de proceder á contratación ao abeiro da convocatoria, dado o axustado dos prazos previstos na formalización dos contratos de traballo, pois precísase un proceso previo de selección que garanta a elección das persoas máis idóneas para cada posto.

O artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP), indica que a ampliación poderá acordarse de oficio ou por instancia de parte antes do vencemento do prazo de que se trate e se as circunstancias así o aconsellan.

Vendo o exposto e para os efectos de autorizar a ampliación do prazo para o comezo dos contratos previsto na Orde do 16 de xuño de 2023,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Orde do 16 de xuño de 2023 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de incentivos á contratación de persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, Programa operativo de emprego xuvenil 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento TR350C)

O punto 4 do artigo 7 queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 7. Gastos subvencionables

4. No caso de novas contratacións, o período para realizar as ditas contratacións será de vinte días hábiles contados desde o día seguinte ao da recepción da notificación da concesión da axuda e, en todo caso, rematará o 16.10.2023».

Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2023

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade
P.D. (artigo 14 da Orde do 12.7.2022)
Pablo Fernández López
Secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social