DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 185 Xoves, 28 de setembro de 2023 Páx. 54926

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 5 de setembro de 2023, da Xefatura Territorial de Lugo, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación eléctrica no concello de Chantada (expediente IN407A 2023/95-2).

Visto o expediente para outorgamento da autorización administrativa previa e de construción para a instalación eléctrica que a sesguir se describe:

Peticionaria: Lugar da Veiga, S.L.L.

Domicilio social: polígono industrial Os Acivros, parcela 42, 27519 San Salvador de Asma, Chantada, Lugo.

Denominación: centro de seccionamento en envolvente prefabricada (CSEP).

Situación: concello de Chantada.

Características técnicas:

• Centro de seccionamento en edificio prefabricado (que será cedido a UFD Distribución de Electricidad, S.A.) no cal se instalan tres celas de liña e unha cela de servizos auxiliares. A alimentación a este CS tramítase no expediente 63-2022-AT.

Finalidade da instalación: nova subministración.

Orzamento: 52.556,35 euros.

Documentación que se xunta:

• Separata para o Concello de Chantada.

• Separata para a compañía distribuidora (UFD Distribución de Electricidad, S.A.).

Esta xefatura territorial, de acordo coas competencias que resultan do Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da consellería, e tendo en conta o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, sobre órganos competentes para autorización de instalacións eléctricas na Comunidade Autónoma de Galicia,

RESOLVE:

En relación coa instalación de alta tensión, conceder a autorización administrativa previa e de construción ás ditas instalacións sen prexuízo de terceiros e con independencia das autorizacións que sexan necesarias para a execución da obra por parte doutros órganos da Administración, condicionada ao cumprimento das seguintes condicións:

Primeira. As instalacións deberán axustarse na súa execución ao disposto no citado proxecto de execución, e a dirección de obra deberá levala a cabo un técnico competente.

Segunda. A peticionaria asegurará o mantemento e vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.

Terceira. En todo momento deberán cumprirse as normativas e directrices vixentes que sexan de aplicación, en particular, canto establecen a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias.

O prazo de posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

Contra esta resolución poderase interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Industria e Innovación no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución; tamén se poderá interpor calquera outro recurso que se considere pertinente en dereito.

Lugo, 5 de setembro de 2023

Gustavo José Casasola de Cabo
Xefe territorial de Lugo